Por GC Tendencias | Santiago | 02/10/2015 | Actualizada ás 21:33
Afundación Galicia Obra Social (Afundación) inaugura mañá a súa nova tempada de cursos de cociña infantil dirixidos nesta ocasión a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos, dependendo de cada obradoiro, que se desenvolverán entre os meses de outubro e xaneiro. «Receitas con moito conto», a primeira das actividades, celebrarase todos os sábados a partir de mañá e ata o 24 de outubro, en horario de 11.30 a 13.30 h. na Sede da entidade en Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19). As inscricións pódense realizar a través de, por exemplo, www.ataquilla.com.
«Receitas con moito conto», impartido por Vanessa Sende, pretende achegar os participantes ao mundo da cociña dun modo didáctico e divertido, combinando receitas, literatura infantil e tradición. Así, ademais de preparar os distintos pratos, as nenas e nenos aprenderán as normas de seguridade na cociña, como manexar os alimentos e utensilios, os hábitos recomendados de hixiene e limpeza, a importancia de consumir alimentos sans e nutritivos ou a importancia do traballo en equipo. Durante os obradoiros, os participantes prepararán «A cesta da Carapuchiña», «A mazá de Brancaneves» ou «A casiña de doces de Hansel e Gretel», entre outras receitas. En cada unha das xornadas mostraranse tamén novas formas de presentar os pratos e, ao rematar cada sesión, os nenos e nenas levarán o que cociñaron, así como as distintas receitas, para que as poidan pór en práctica na casa.
As próximas citas culinarias terán lugar o 30 de outubro con «Festexamos o Samaín», un obradoiro onde os nenas e nenos de 5 a 12 anos poderán coñecer un pouco máis desta celebración; os días 7 e 8 de novembro co obradoiro «Hoxe tomamos a sobremesa na casa do Sr. Pérez» que combina reciclaxe e cociña e está dirixido a nenos de 6 a 12 anos; os sábados 14 e 21 de novembro con «Pepa e Rufo na cociña» para nenos de 5 a 12 anos; os días 27 e 28 de novembro con «Calendario de Advento doce» dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos; os días 21 e 22 de decembro con «Nadal, Nadal, doce Nadal» onde os nenos e nenas de 6 a 12 anos elaborarán unha cesta de Nadal e, por último, os días 4 e 5 de xaneiro con «Xa veñen os Reis...», un obradoiro co que poderán aprender a cociñar un doce Roscón de Reis.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.