Clima desértico en Galicia? En Ourense levan todo o mes de abril cunha diferenza de 15 graos entre os días e as noites

Con máximas de 23,8 ºC polo día e mínimas de 8,8 ºC pola noite de media nesta primeira quincena do mes de abril, segundo os rexistros dunha das estacións meteorolóxicas de Meteogalicia en Ourense.

Por Galicia Confidencial | OURENSE | 16/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ninguén pode negar a estas alturas da película que estamos vendo cousas atípicas no tempo. Despois dun final do mes de marzo máis frío do que se recorda en moito tempo chegamos a un abril no que un anticiclón está a deixar temperaturas de récord histórico para estas datas (alo menos dende que hai rexistros). A estas alturas do mes (xa na metade) a temperatura media no conxunto da comunidade galega sitúase nos 18 graos centígrados, cifra que non se superou nin tan sequera como máxima no mesmo período de 2023, mentres que neste 2024 xa houbo días nos que toda Galicia estivo por enriba dos 26 graos (esta fin de semana, sen ir máis lonxe, 13 e 14 de abril).

Un can refréscase na auga durante un día da segunda onda de calor de verán en España, a 14 de xullo de 2022, en Ourense
Un can refréscase na auga durante un día da segunda onda de calor de verán en España, a 14 de xullo de 2022, en Ourense | Fonte: Rosa Veiga

Así as cousas, dende o Galicia Confidencial botamos unha ollada aos rexistros históricos de Meteogalicia na cidade de Ourense, tendo en conta que tamén foi esta cidade a que esta fin de semana bateu marca de temperatura máxima para a época do ano, chegando aos 33,9 graos (o tamén ourensán municipio de Leiro superouno chegando aos 34,5 graos). O primeiro do que nos decatamos é dunha evidencia notable para calquera persoa que saia á rúa: a diferenza de temperatura entre o día e a noite é tremenda, duns 15 graos de media no que levamos de mes. Estamos a falar dunha diferenza que se atopa en climas desérticos, onde os días son moi calurosos e as noites de frío intenso.

Comezando pola análise de datos como tal, a temperatura máxima máis baixa na cidade de Ourense no que vai de abril foron as 14,1 ºC rexistrados o día 8. Mentres que a máis alta foron os 33,9 ºC do pasado venres 12. Se nos imos aos datos do 2023, no mesmo período do ano a temperatura máxima acadada foi de 30,5 ºC o día 8 de abril; mentres que a máxima máis baixa foi de 15,3 ºC o día 13. No 2022 a máxima máis alta foron os 26,8 ºC do 10 de abril; e a máxima máis baixa os 13,9 ºC do día 1. Indo dez anos cara atrás, no 2014, nestes primeiros 15 días do mes de abril a máxima máis alta foron os 29,9 ºC do día 9; e a máxima máis baixa os 13,6 ºC do día 1. 

Como vemos, a temperatura máxima acadada neste ano non foi superada en ningún dos anteriores, de feito as axencias meteorolóxicas xa a marcaron como a máis alta da serie histórica dende que hai rexistros. E, aínda que a temperatura máxima máis baixa destes primeiros 15 días de abril si foi superada no 2023, ao facer as medias de todas as temperaturas máximas obtemos o seguinte: a temperatura máxima desta primeira quincena de abril de 2024 é de 23,8 ºC; en 2023 foi de 23,3 ºC; en 2022 foi de 19,8 ºC; e en 2014 foi de 21,8 ºC. Como mínimo foi de medio grao o incremento de temperatura deste ano con respecto aos analizados.

Se nos fixamos agora nas temperaturas mínimas, a outra cara da moeda, observamos como neste 2024 a mínima máis baixa rexistrada nos primeiros quince días de abril na cidade de Ourense foi de 3,7 ºC o día 9; e a mínima máis alta foi de 15,7 ºC o día 5. O pasado 2023 a mínima máis baixa neste mesmo período foi de 0,5 ºC o día 2 de abril; mentres que a mínima máis alta foi de 11 ºC o día 11. No 2022 a mínima máis baixa foi de -2,3 ºC o día 2; mentres que a máis baixa foi de 11,4 ºC o día 7. E fai unha década, no 2014, a temperatura mínima máis alta da primeira quincena de abril en Ourense foi de 5,3 ºC o día 4; e a mínima máis alta foi de 12,3 ºC o día 5.

Como obsevamos, a temperatura mínima máis baixa foi superior á deste 2024 fai dez anos, pero a mínima máis alta non se superou en ningún dos anos analizados. Se facemos as medias das temperaturas mínimas destes primeiros 15 días de abril obtemos 8,8 ºC neste ano; 4,7 ºC no 2023; 4,6 ºC no 2022; e 8,9 ºC no 2014. Fai dez anos as temperaturas mínimas desta quincena foron 0,1 ºC de media máis elevadas que na actualidade. A diferenza? Que nese ano a diferenza entre as mínimas e as máximas era menor do que o é agora: de 12,9 ºC fronte aos 15 ºC.

Pasando a analizar as horas de frío (menos de 7 graos centígrados) rexistradas nesta primeira quincena, só fixo menos horas de frío acumulado no 2014 que na actualidade (entre os anos analizados): 11,4 horas fronte ás 21,8 horas deste 2024. Mentres que no 2023 os primeiros 15 días de abril tiveron nada menos que 62,2 horas de frío; e no 2022 chegaron a 89,3 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario

O clima desértico caracterízase, mais que pola diferencia de temperaturas nocturnas - diurnas, porque non chove. Non é o caso de Galicia.