Experiencias de calidade para coñecer 'de preto' a historia de Allariz

A Área de Promoción Económica e Turismo do concello presentou unha nova proposta para os "Roteiros Temáticos" deste ano. Trátase dunha iniciativa pensada para grupos pequenos que se desenvolverá no casco histórico o terceiro sábado de cada mes ata final de ano.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 18/04/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Os 'Roteiros Temáticos' é unha iniciativa do Concello de Allariz, impulsada dende a Concellería de Turismo, que ten como obxectivo a dinamización turística e a mellora e diferenciación no que respecta ás experiencias ofrecidas tanto aos visitantes como ás persoas residentes. A empresa local Xeitura será a encargada de realizar os Roteiros, mostrando así o seu compromiso co desenvolvemento turístico da zona e a calidade das experiencias ofrecidas.

María López, concelleira, acompañada de Manuela, 'a costureira', e a señorita Leocadia na presentación dos 'Roteiros Temáticos'. Foto: Comunicación do Concello de Allariz.
María López, concelleira, acompañada de Manuela, 'a costureira', e a señorita Leocadia na presentación dos 'Roteiros Temáticos'. Foto: Comunicación do Concello de Allariz.

Estas visitas temáticas, programadas para levarse a cabo o terceiro sábado de cada mes --de abril a decembro deste ano--, teñen como obxectivo establecerse como unha actividade permanente tras unha primeira edición moi satisfactoria. Buscando que prime a calidade sobre a cantidade, cada grupo estará composto por un máximo de 20 persoas, permitindo unha experiencia máis íntima e significativa. A duración estimada de cada visita será de 90 minutos, con saída e chegada desde o punto de encontro na Oficina Municipal de Turismo, a un custo de 3 euros por persoa sen tarxeta cidadá e 2 euros con tarxeta cidadá.

Ademais de dar a coñecer a vila e o seu patrimonio, búscase fomentar que os visitantes pasen polo menos un día en Allariz durante a fin de semana, contribuíndo deste xeito ao desenvolvemento económico.

VISITAS TEMÁTICAS PROPOSTAS

Allariz en Tempos do Románico: Un percorrido por Allariz en torno ás súas igrexas máis emblemáticas: Santiago, Vilanova e Santo Estevo, que serán protagonistas deste viaxe á época medieval e románica, mostrando o esplendor de Allariz nese período histórico.

A Lingua das Bolboretas (Tempos de Guerra): Lembraremos a película e exploraremos as escenas e lugares que foron parte desta produción en Allariz, contextualizando estes momentos nun período histórico crucial.

Mulleres de Allariz: Un percorrido pola historia da cidade a través das mulleres que deixaron a súa pegada en diferentes ámbitos, destacando a súa fortaleza, sabedoría e loita polos seus ideais, unha visión diferente e enriquecedora da historia local.

Personaxes Emblemáticas: Un enfoque en figuras ilustres ou significativas para Allariz, explorando lugares clave nas súas vidas ou obras. A identidade destes personaxes revelarase no momento da visita.

VISITAS EN FORMATOS CARACTERIZADOS

Os Museos Cobran Vida: Dúas personaxes relacionadas coa historia de Allariz ofrecerán unha experiencia única nos Museos do Coiro e da Moda, entre outras sorpresas.

Romasanta de Paseo por Allariz: Manuel Blanco Romasanta regresa para guiar aos visitantes pola cidade, explorando a súa propia historia e os enigmas que aínda hoxe rodean o seu caso xudicial.

INSCRICIÓNS E MÁIS INFORMACIÓN

Para maior información pódese acceder a través da web habilitada polo concello e para participar en calquera Roteiro Temático cómpre inscribirse a través do correo turismo@xeitura.com ou chamando ao teléfono 609 474 976.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta