Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 03/05/2024 | Actualizada ás 21:00
Quen dixo que ser maior e vestir á moda non poden casar? Por suposto que casan, e senón que llo digan a Isabel, unha señora que aos seus 84 anos serve de modelo (e tamén de inspiración en moitas ocasións) para a súa neta Elena, deseñadora de moda que fai cousa de oito anos e de xeito case fortuíto abriu unha conta de Instagram chamada 'Not your granny' na que publica asiduamente os estilismos que prepara para a súa avoa, cunhas fotos tan ben pensadas que semellan sacadas dunha das máis prestixiosas revistas de moda da actualidade, como Vogue ou Vanity Fair. Esta súper avoa faría calquera cousa pola súa neta, pero o certo é que posar para ela é un auténtico placer, encántalle. Así nos contan estas dúas súper mulleres a súa historia ao Galicia Confidencial.
"Eu estaba estudando moda en Coruña aló polo ano 2016 e o primeiro que che din cando empezas a estudar deseño é que tes que ter a túa libretiña na que anotes todo o que che inspira", lembra Elena, que foi así como un día se lle pasou pola mente "anotar o de dicirlle aos meus avós se me deixaban facerlles unha foto con roupa que non lles correspondía". Pero claro, a idea sobre o papel pintaba moi bonita, non tanto á hora de pensar en como podía dicirllo para que aceptasen: "fun á súa casa e díxenlles que me obrigaran a facelo na clase, porque se me xogo a nota sabía que o meu avó me ía dicir que si". Así foi como se xestou a primeira sesión de fotos. O problema chegou cando Elena lle presentou os resultados ao seu profesor e a este lle encantaron tanto que "me dixo que quería unha foto unha vez por semana", así que "o de que me obligara xa coxeaba".
Ao final tivo que dicirlles a verdade, que era mentira iso de que era un traballo de clase, pero que si lle axudaba a sacar a súa parte máis creativa. Isabel, a súa avoa e protagonista das fotos, recibiu a noticia igual de ben que se fose verdade o de que era un traballo, pois gustoulle o tema de posar e "eu por complacela fago o que sexa, porque é unha neta que o merece todo, é tan bondadosa por fóra como por dentro e síntome moi feliz cando estou con ela". Así que, "eu sempre estou disposta a todo o que me mande facer, calquera cousa, logo outra cousa xa é que me sala mellor ou peor, pero eu préstome para todo". E lembra que nesa primeira aventura diante da cámara "Elena chegoume un día cun vestido tres tallas máis grande do que debía ser para min, pero como eu sei coser e bordar, como ela, arregleino un día mentres vía a televisión".
OS BARBIE E KEN DA TERCEIRA IDADE: "MEU MARIDO ESTABA ESTUPENDO, UN CABALEIRO DOS QUE XA NON EXISTEN"
Elena conta que ese vestido foi arreglado para o vídeo que teñen imitando a Barbie, porque "eu vivo entre Londres e Galicia e só puiden atopar esa talla, pero sabía que miña avoa era quen de solucionalo". Isabel, cando se puxo ese vestido de cadros rosas da Barbie sentiuse autenticamente unha Barbie, e quedou encantada, disposta a sacarse todas as fotos que fose preciso. Aínda que recorda que "o peor foi meu marido (o avó de Elena), porque eu son unhas castañuelas e sempre estou contenta, buscando o lado bo das cousas, pero o meu marido era todo o contrario, co cello fruncido e o 'nonono' por bandeira, así que eu tratei de convencelo dicíndolle: 'como lle podes negar á túa neta algo que a fai feliz?', e así cedeu". Ao final quedou encantado: "cando se viu vestido de Ken debeuse ver tan estupendo, con ese porte que el tiña, porque era un cabaleiro dos que xa non existen, que despois estaba preparado para todo e xa sempre lle dicía que si a todo", lembra Isabel.
E lémbrao non sen pesar, porque o seu marido deixounas o pasado mes de decembro, momento no que ambas fixeron un parón nas publicacións e sesións de fotos porque tampouco se sentían preparadas para volver á andadura. Pero ao final volveron porque, como nos di Elena, "servíanos tamén de distracción", e Isabel engade que "sabemos que é o que el querería, que continuásemos". Así que máis cedo que tarde volveron ás fotos e á moda. "A min encántame facer de modelo da miña neta", reafirma Isabel, que asegura que esta aventura tamén lle serviu a ela para descubrir cousas que non sabía dela mesma, como que "son quen de adaptarme a todo, son moi camaleónica, dáme igual o que me boten, pelo rizo ou lacio, tenis ou tacóns, atópome ben con todo, e iso que non me pinto, porque se me pinto rompo a cámara", chancea con nós chea de ledicia.
IMITANDO CAMPAÑAS DE TOM FORD E BALENCIAGA: "A MIÑA CABEZA NON PARA"
A gran pregunta é: como escolle Elena os 'looks' para a súa avoa? Ao preguntarlle cóntanos que "a miña cabeza non para, por exemplo, con Barbie aproveitei o tirón da película e foi bastante fácil, logo con outras cousas xa depende, ás veces simplemente paso por un sitio e vexo unha parede que me gusta e digo: vou facer aquí este estilismo". E revélanos un segredo algo incómodo, pero igual de gracioso: "O outro día estaba coas miñas amigas e había un billar no bar, xogamos a partida e logo tiven que irme á casa e escribilo e volver". "Ao final, ao facer estilismo para outras marcas sempre saen cousas, consumes desfiles e todo este tipo de cuestións que che espertan cousas na cabeza", explica a moza, que tamén xoga con esas referencias a marcas nas súas publicacións. De feito, ten dúas publicacións que son moi chamativas: unha con referencia a Tom Ford e outra a Balenciaga.
A de Tom Ford xurdiu sen máis. "Eu non quería facer esa foto explicitamente, ao comezo só estaba facendo un de tantos vídeos cos meus avós, pero ao rematar o vídeo pedinlles que se fixeran un cariño e o meu avó puxo a pose, logo púxoa a miña avoa e ao facer as fotos dinme conta de que parecían tal cal saídas dunha campaña de perfume de Tom Ford". No caso de Balenciaga, a cousa foi que "fumos miña avoa e eu a facer outro vídeo cunhas naranxas polo medio e cando vin unha valla concreta semelloume idéntica ás de Balenciaga, así que saqueille a foto". "Ás veces é a propia situación a que che pon en bandexa a foto", confesa Elena, que, con todo, queda probado que ten un gusto máis que exquisito xa non só para a moda, senón tamén para a fotografía.
O 'LOOK' E O VÍDEO FAVORITOS DE ISABEL: UNHA CHAQUETA AZUL COA QUE "ME VIN MOI GUAPA" E O VÍDEO DA ESTACIÓN DE TREN CO SEU MARIDO
E entre todos os 'looks' que lle puxo a súa neta, preguntámoslle a Isabel cal ou cales son os seus favoritos. Ao comezo, como faría calquera avoa, amósase reticente a apostar por un: "a min encántanme todos, non vaias pensar que teño un favorito, non podo escoller". Pero, ao final, se tivese que quedarse cunha composición en concreto (que non cun estilismo), sería co da estación de tren, no que sae cunha gabardina larga e un chándal debaixo, acompañada do seu marido. E falando xa de prendas de roupa, a súa favorita é "unha chaqueta azul", que, como confesa Isabel, tamén lle gusta porque "foi feita pola miña neta, que tamén sabe coser e facer de todo ademais de ser deseñadora de moda". Ao poñela, confesa que "sentinme moi xovenciña, porque tamén me fun cortar o pelo un pouco, peináronme, e vinme moi guapa, como facía tempo non me vía, así que ese sería o meu 'look' favorito". Ademais, engade que "usei uns tacóns de 12 centímetros, e eu que sempre anduven moi dereitiña víame e dicía: que señora tan estupenda", chancea.
E é que tanto avoa como neta cosen que dá gusto, xa di o refrán que de tal palo tal astilla, e é ben certo, porque Elena conta que, "antes de estudar eu moda, cando era unha nena, ela ensinábame a coser, mandábame facer unha liña recta nun paño, e cos anos aprendín e, cando me metín a facer deseño de moda e me vía apurada cun traballo de clase ou tiña dúbidas sempre iba á súa casa para que me axudase e me dese trucos". Isabel tamén aprendeu dalguén, da súa nai, que "era sastre e facía chalecos, así que eu aos 8 anos xa sabía coser a máquina". "Todo se pega, e máis se o ves na casa dende que eres pequena", confesa Elena, que asegura que "ao final acaboume gustando". Tanto que xa non só é o seu traballo e oficio, senón a súa paixón, pois como conta a súa avoa, "Elena dálles consellos a todas as amigas á hora de vestir, adórana", e a Isabel "todas me chaman lela, son a avoa de todas".
'NOT YOUR GRANNY', UN SELO QUE LEVAR POR BANDEIRA NAS PRENDAS, AO IGUAL QUE OS DEBUXOS FEITOS POLA AVOA
Outra cuestión interesante é por que o nome de 'Not your granny' para a conta de Instagram. Elena conta que "cando estaba en Londres tomándome un café cunha amiga e dicíndolle que precisaba retomar este proxecto e atopar un nome que fixese que o dedo se parase neste Instagram ou que fixese 'clickar' nel, sabía que non quería que levase a palabra avoa, porque se algún día chegaba a facer roupa non todo o mundo querería levar a palabra avoa posta; logo pensei en 'instagranny', pero a miña amiga díxome acertadamente que así só reducía a cousa ao Instagram; tireime toda unha tarde escribindo ideas nun folio ata que me quedei con 'Not your granny', porque 'non é a túa avoa, pero podería selo', e así se quedou". E é un nome que a Isabel tamén lle gustou, ata o punto de que hai moitos dos 'looks' que levan ese selo personalizado, dende un balón de baloncesto ata unha cazadora.
Aínda que niso de personalizar os 'looks' tamén Isabel está poñendo da súa parte, pois "eu dende pequena sempre quixen pintar e fun a clases, fixen debuxo e sei pintar en todas as técnicas, pero encántame sobre todo o bolígrafo e a mina de 6B, fago cousas preciosas en debuxo, así que ocorréuseme facer debuxos libres", e eses debuxos logo aproveitounos a súa neta para estampar en camisetas para as sesións: "fixemos a proba, fixémoslle unha foto ao debuxo, eu fixen o deseño dixital, debuxeino no meu ordenador e levámolo estampar, e quedou moi ben, era como un reloxo dentro dun cono arabesco, que a min me recorda aos azulexos portugueses". Ademais, esta camiseta tivo outra volta de torca: "como non lle quixen poñer na espalda 'Not your granny', pero ela chámase Isabel Espiñeira Ríos, pensei en que molaría moito chamarlle Isita Rivers, e estampeillo". E é que Elena é unha auténtica máquina no que a creatividade se refire, sempre pensando en cousas novas.
"AGORA MESMO CONVIVEN UNHA CANTIDADE INFINITA DE TENDENCIA E ESTILOS, E PARÉCEME UNHA MARABILLA", ASEGURA ELENA
O seu concepto de moda pasa por "que cada persoa teña o seu estilo". "Hoxe en día xa non é como antes, cando a xente para mercar algo tiña moito que aforrar, hoxe todo é máis accesible e témolo moito máis sinxelo, polo que agora mesmo conviven unha cantidade infinita de tendencias e estilos, e paréceme unha marabilla", asegura Elena, que engade que "a min encántame que cada persoa teña o seu estilo, que non sexamos todos iguais e, de feito, opino que non todo o mundo ten que seguir unha tendencia se non lle gusta simplemente porque estea 'de moda' nese intre". Ademais, cre que "todos os estilos poden ser combinables, por exemplo, que teñas unha chaqueta de Chanel e a poñas cuns pantalóns de Zara paréceme marabilloso, sempre que compres e consumas o que a ti che guste e non te guíes por aquilo que está estipulado". E esta é unha premisa que aplica tamén na súa vida diaria. Pois, se non fose así, dificilmente a súa avoa sairía en fotos cun chándal ou unhas deportivas de Nike, roupa que non se adoita ver en persoas maiores.
Pero púxose diferentes estilos grazas á súa neta e Isabel atopou cousas que lle gustaban moito e que, doutro xeito, polos parámetros sociais, nunca tería posto. Elena conta que "o outro día rouboume unhas Adidas Gazelle negras". E Isabel admite que "eu se me queda ben póñome ata un corno se fai falta e se me vexo ben". E Elena engade que "outro día tamén me roubou unha chaqueta reflectante, gustoulle tanto que tívenlla que dar". E todo en Isabel loce de marabilla, tanto que asegura que cando se pon algo "pregúntanme nas tendas e pola rúa onde o merquei". "Eu traballei cando era unha rapaza nun comercio e, os sábados, cando saíamos de festa porque o domingo era festivo, deixábanme levar o que quixese, porque sabían que o luns cando chegase á tenda xa estaba a xente esperando na porta para compralo", conta Isabel, cuxa neta nos di que "xa era 'influencer' dende a cuna", mesmo nun tempo no que esa palabra nin tan sequera existía.
UN FUTURO CON AVOA E NETA TRABALLANDO DA MAN PARA UNHA GRAN FIRMA DE MODA?
Iso si, Elena aposta por adaptar as prendas tamén á idade, no sentido de que "ao facer as fotos tamén son consciente do que a ela lle pode quedan ben, por exemplo, non lle vou poñer unha camiseta ensinando o embigo por moi en tendencia que estea, porque sei que non vén a nada e que ela non se vai atopar cómoda". Con todo, sabe que "calquera cousa que lle poño é moi fácil que nela chame a atención pola idade, prendas que se as poño eu seguro que pasarían máis desapercibidas". E confesa que todo o que é pensar os 'looks' e confeccionalos é só unha pequena parte de todo o traballo que hai detrás das fotos: pensar localizacións, sacar a foto, pedir axuda a amigas, editar en Photoshop, publicala en redes... "Eu pásomo xenial e rímonos un montón, pero tamén é verdade que leva moito traballo facer todo", confesa, pois ao final ela estudou deseño de moda e está aprendendo o demais sobre a marcha.
Elena, que ten agora 28 anos, no futuro vese continuando dentro do mundo da moda, pero "gustaríame ser directora de arte e estilista, porque a medida que fun facendo este proxecto coa miña avoa e traballando para marcas facendo 'looks', doume conta de que ao final o fondo da foto, a narrativa, é tan importante como a propia roupa, e a dirección de arte vólveme tola, sempre teño ideas na cabeza e sempre estou apuntando novas localizacións e cousas que se me veñen á mente na miña libretiña, que é xa como o caderno de bitácora". E Isabel, na súa liña, non se pecha portas a nada. Grande amante da firma Loewe, estaría encantada de poder participar nunha das súas campañas. "Iría correndo", afirma, entusiasmada. Quen sabe se nun futuro avoa e neta poderían estar traballando man a man para unha gran firma de moda, como modelo e deseñadora, respectivamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.