Temas: FRASEOLOXíA

Ir/Vir/Acudir... a algún sitio “a # de pé feito” ou “a # de propio intento”, expresións equivalentes a ir/vir/acudir... “ex professo”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 28/04/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para darmos conta daquelas situacións en que unha persoa acode a algún sitio coa única intención de facer algo, podemos botar man do latinismo ex professo (que en castelán se adaptou normativamente, con redución do duplo "s" mediante as grafías ex profeso ou exprofeso) ou empregar locucións que temos de noso, coma as que deseguido imos ver: 

Unha persoa camiña baixo a choiva nun día de frío e treboadas
Unha persoa camiña baixo a choiva nun día de frío e treboadas | Fonte: Rober Solsona - Europa Press

Ir/Venir/Acudir ... ex profeso

Ir/Venir/Acudir ... exprofeso

{= Ir/Vir/Acudir... co único propósito de..., coa intención deliberada e específica de...}

Ir/Vir/Acudir... a pé feito

Ir/Vir/Acudir... de pé feito

Ir/Vir/Acudir... de propio intento

Ir/Vir/Acudir... a propio intento

Ir/Vir/Acudir... a peto

[E TAMÉN]:

Ir/Vir/Acudir... ex professo

Ex.: Le informo de que el marqués viajará desde Alemania ex profeso para la boda.

Infórmolle de que o marqués viaxará desde Alemaña a pé feito de pé feito de propio intento a propio intento a peto ex professo para a voda.

● Tamén:

A cousa feita

NOTAS:

1. Obsérvese que practicamente para todos estes casos se poderían empregar locucións ou voces equivalentes á castelá aposta ou de (propio) intento, que no seu día veremos e que poderiamos considerar en certa maneira hiperónimas das que estamos a ver no presente artigo, na medida en que cobren un significado máis amplo. Noutras palabras: tamén poderiamos empregar para estes casos voces ou locucións como adrede, a propósito, de propósito...

2. Polo que atangue á construción sintáctica en galego que se reflicte no exemplo exposto, coa utilización do clítico dativo de complemento indirecto lle (infórmolle de...) desempeñando a función de complemento directo (isto é, no canto do clítico de acusativo o, a : infórmoo/a de...), é de facer notar que nos atopamos ante unha cuestión que, na nosa humilde opinión, está a día de hoxe pobre e deficientemente tratada na normativa, mesmo con eivas e incongruencias internas no propio teor do Dicionario da Real Academia Galega.

Para quen teña ansia, curiosidade e gañas de profundar no tema (e tempo e paciencia abondos, pois trátase dun traballo bastante extenso), remitimos ó url https://pt.slideshare.net/slideshow/verbos-con-complemento-directo-pronominalizable-a-travs-do-cltico-dativo-che-ou-lles-casustica-e-trazos-definitorios/267423868, no cal, tras crear a pertinente conta para poder ingresar en slideshare (que apenas leva tempo e non representa problema ningún), se pode acceder a un estudo en que se defende que enunciados coma os que se indican na táboa que a continuación se amosa forman parte do sistema galego (enunciados que, se nos guiamos por unha interpretación estrita do teor do DRAG, parece que non se contemplan a día de hoxe –o cal, por outra banda, non quere dicir que estean expresamente condenados– no sistema galego):

ALGÚNS EXEMPLOS DO PRIMEIRO GRUPO DE VERBOS DOS CATRO (4) QUE SE DIFERENCIAN NO TRABALLO:

&& Co verbo aburrir (tratado como transitivo no DRAG):

- Xa de pequena lle aburría [no canto de a aburría] ver a televisión.

- De tanto os comer, agora os espaguetes abúrrenlle [no canto de abúrreno].

&& Co verbo aflixir (tratado como transitivo no DRAG):

- Aflixíalle [no canto de aflixíao] imaxinar, e roíao por dentro, que a muller non lle gardase a ausencia.

- A ninguén lle aflixe [no canto de o aflixe], senón todo o contrario, saber que é apreciado polos seus compañeiros de traballo.

&& Co verbo alegrar (tratado como transitivo no DRAG):

- Tamén lle alegrou [no canto de o/a alegrou] que viñeras á festa.

- Atreveuse a dicir que ó presidente non lle alegra [no canto de o alegra] que os traballadores cobren tanto.

&& Co verbo asistir (tratado como transitivo, na acepción que aquí nos interesa, no DRAG):

- Neste caso é á mestra, e non á ANPA, a quen lle asiste [no canto de a asiste] toda a razón.

- Sexa como for, á interesada asístelle [no canto de asístea] a posibilidade de acudir ó Servizo de Reclamación da Comisión Nacional de Valores.

&& Co verbo inquietar (tratado como transitivo no DRAG):

- ¿Sabes cal era a pregunta que máis lle inquietaba [no canto de o inquietaba] ó seleccionador nas roldas de prensa?

- O presidente do executivo recoñeceu que a el tamén lle inquieta [no canto de o inquieta] a perda de galegofalantes.

&& ETC.

ALGÚNS EXEMPLOS DO SEGUNDO GRUPO DE VERBOS DIFERENCIADO:

&& Co verbo advertir (tratado como transitivo no DRAG):

- Advertídelle de [ademais de, obviamente, advertídeo/advertídea de] que se bota a lingua a pacer, que se ateña ás consecuencias.

- Se ninguén lle advirte á xente de [ademais de, obviamente, lle advirte á xente que] que o chan está esvaradío, pode escorregar calquera.

&& Co verbo aprender (tratado como transitivo, na acepción que aquí nos interesa –a terceira– no DRAG):

- Xa con menos de quince anos o pai lle aprendeu [no canto de o aprendeu ou a aprendeu (se é que realmente alguén o di así de xeito natural, cousa que descoñecemos, mais que non nos consta)] a guiar o tractor.

- Hai que lles aprender [no canto de os aprender (se é que realmente alguén o di así de xeito natural, cousa que descoñecemos, mais que non nos consta)], xa desde cativos, a que respecten os máis grandes.

&& Co verbo obedecer (tratado como transitivo, na acepción que aquí nos interesa –a segunda– no DRAG):

- Non lle obedeceu á adestradora cando lle dixo que tirase o balón fóra e substituíno ó dereito.

- Cando esteas na casa, obedéceslle á avoa en todo canto che diga.

&& ETC.

ALGÚNS EXEMPLOS DO TERCEIRO GRUPO DE VERBOS DIFERENCIADO:

&& Co verbo beliscar (tratado como transitivo no DRAG):

- Belíscalle [no canto de belíscao/belíscaa] con tento na perna para lle avisares, que se non, non se entera.

- Ten sentido e non lle belisques ó meniño.

&& Co verbo crer (tratado como transitivo, na acepción que aquí nos interesa –a segunda– no DRAG):

- ¿Non lle cres? Pois asegúroche que nunca di mentiras, ¡eh!

- Avisáronnos de que había un control de tráfico á saída de Santa Comba, pero como sempre andan de brincadeira non lles cremos... e mellor nos fora crerlles.

&& Co verbo entender (tratado como transitivo, na acepción que aquí nos interesa –a segunda– no DRAG):

- Vostede debería comprender que se fala así entre dentes, non lle entendemos [no canto de o entendemos ou a entendemos].

—¿Que dixo? —Non sei, non lle entendín [no canto de o entendín ou a entendín].

&& Co verbo morder (tratado como transitivo no DRAG):

- ¿Onde lle mordeu [no canto de o mordeu ou a mordeu] o can?.

- Mordeulle [no canto de mordeuno ou mordeuna] nunha cacha.

&& ETC.

ALGÚNS EXEMPLOS DO CUARTO GRUPO DE VERBOS DIFERENCIADO:

&& Co verbo adiantar (tratado como transitivo, na acepción que aquí nos interesa –a segunda– no DRAG):

- ¡Adiántalle a ese coche, meu home, que se non, non imos dar chegado a tempo!

- Polas regras de tráfico, non lle podes adiantar [no canto de o podes adiantar ou a podes adiantar] pola dereita.

&& Co verbo atacar (tratado como transitivo –primeira acepción– no DRAG):

- Esas cicatrices que ten no brazo produciullas un can que lle atacou [no canto de o atacou] cando era rapaz.

- ¡Inda que a teñas debaixo dun dente, non lle podes atacar así a túa irmá diante de todo o mundo con eses comentarios que non veñen a conto!

&& ETC.

3. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria .

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Penín Rodríguez, Dorinda: “Frases feitas de San Lourenzo de Abelendo”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 255-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración:

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).


Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta