Por Europa Press / Redacción | Compostela | 30/04/2024 | Actualizada ás 13:25
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, decidiu encargar ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, os asuntos da Presidencia do Executivo autonómico durante a súa viaxe a Arxentina. Calvo xa substituíra a Rueda en anteriores viaxes no seu papel de vicepresidente primeiro da Xuna, no mandato previo. Con todo, na nova lexislatura, o dirixente pontevedrés optou por eliminar as Vicepresidencias da estrutura do seu novo Goberno.
Este paso deixou a todos os conselleiros, incluídos a Calvo e Ángeles Vázquez, que tiñan as Vicepresidencias primeira e segunda, respectivamente, sen esa distinción. Aínda así, Rueda elixiu ao tamén presidente do PP provincial da Coruña, responsable da Consellería de Presidencia, para despachar os seus asuntos durante a súa ausencia.
VIAXE AO PAÍS DE MILEI
O Goberno arxentina ignora á Xunta e ao Partido Popular. Se o seu presidente, Javier Milei, acudirá a España a entrevistarse con Santiago Abascal, sen pisar a Moncloa nin visitar ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, o mesmo vai a acontecer coa visita do presidente galego á Arxentina. E é que Rueda só será recibido por un cargo menor do Executivo arxentino, o subsecretario de Pesca.
Non é a primeira vez que o Goberno arxentino deixa en mans de cargos menores os asuntos a tratar con presidentes galegos. Así lle aconteceu a Feijoo durante os gobernos peronistas de Cristina Kitchner ou Alberto Fernández. Non pasou o mesmo coas visitas a Uruguai, onde o ex presidente da Xunta e o actual si se entrevistaron co presidente, Luis Alberto Lacalle.
Semella que tanto aos gobernos peronistas como o actual goberno ultra de Milei non lles interesa manter estreitas relacións co PP ou con gobernos autonómos como o galego, tamén gobernado por este partido. Diferente é a relación da Xunta co goberno de Bos Aires, non gobernado por ultras ou peronistas. De feito, Rueda si manterá un encontro o goberno da Cidade de Bos Aires, o liberal Jorge Macri.
Na súa primeira visita a Arxentina neste mandato, que Rueda realizará entre o 1 e o 4 de maio, aproveitará para reencontrarse coa diáspora. Na Xunta insisten en que non será unha visita política, senón económica, e polo tanto na axenda hai diversos encontros coas industrias pesqueiras, polo que realizará varias visitas a factorías do sur do país.
O mércores 1, a súa axenda recolle un encontro coa colectividade galega na Asociación Benéfica Cultural do Partido de Corcubión. Logo trasladarase ao Sur, onde visitará as factorías galegas en Porto Madryn. Ao día seguinte, tamén realizará unha visita ás empresas galegas en Porto Deseado. Así mesmo, manterá encontros con autoridades locais e pesqueiras destas dúas provincias, por exemplo o gobernador de Chubut, Ignacio Torres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.