O Grupo de Intervención Psicolóxica en Emerxencias realizou o ano pasado 36 intervencións en Galicia

A maior parte das accións tiveron relación con accidentes e seguridade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2024 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) realizou ao longo de 2023 un total de 36 intervencións, derivadas das 50 ocasións nas que foi alertado a través do 112-Galicia. Destas actuacións, 21 desenvolvéronse no escenario do suceso e 14 mediante asesoramento telefónico a familiares e outras persoas achegadas. A maior parte das accións tiveron relación con accidentes e coa seguridade.

Estes datos foron facilitados este venres polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, que participou na inauguración do I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias, onde destacou a relevancia que ten a atención psicolóxica en situacións de gran tensión emocional, como son os accidentes múltiples, catástrofes e outros sinistros. Nesta liña, recoñeceu o labor do Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia, organizador do evento, e que mantén unha estreita colaboración coa Xunta desde hai máis de dúas décadas para actuar en contextos críticos e para realizar tarefas de planificación e de prevención.

Santiago Villanueva lembrou que o 112 Galicia xestiona situacións moitas veces límite entre as que se atopan os accidentes con múltiples vítimas, sinistros laborais ou a desaparición de persoas, eventos que poden requirir da "colaboración de equipos especializados na atención psicolóxica tanto para as persoas e comunidades que as sofren como para os profesionais que interveñen nos operativos".

O director xeral sinalou que experiencias como o accidente do Alvia, a explosión do almacén pirotécnico de Tui ou o afundimento da Vila de Pitanxo demostraron "o relevante papel da atención psicolóxica na xestión das emerxencias cun profundo impacto emocional nas persoas afectadas, nos equipos de intervención e na sociedade en xeral".

Inauguración do I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias
Inauguración do I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias | Fonte: XOÁN CRESPO - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta