Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2024 | Actualizada ás 16:08
O Pleno do Tribunal Constitucional (TC) declarou inconstitucionais e nulos os artigos da lei de acompañamento aos orzamentos galegos para 2023 que limitan a 15 anos o prazo de actuacións contra obras ilegais na costa. Deste xeito, estima o recurso de inconstitucionalidade promovido por Goberno central contra os artigos 10 e 11 e a disposición transitoria primeira da lei galega (Lei 7/2022, de 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas). A maxistrada Laura Díez Bueso foi a relatora.
O Consello de Ministros aprobou en setembro de 2023 presentar recurso de inconstitucionalidade contra estes artigos ao non alcanzarse acordo na Comisión Bilateral coa Xunta, que agora tomba o TC. En concreto, os artigos limitaban a un prazo de 15 anos o prazo de obrigación de restitución de obras ilegais en zona de dominio público marítimo-terrestre e abrían a porta á súa regularización tras ese período, o que choca coa lexislación estatal.
O artigo 10.1 reducía a 15 anos o prazo da Administración para impor a obrigación de restituír ao seu estado anterior obras e actuacións ilegais realizadas na zona de servidume de protección de costas. O motivo da declaración de inconstitucionalidade é que esta acción da Administración non está suxeita a ningún prazo na Lei de Costas.
O artigo 11 declárase inconstitucional por reproducir o contido do artigo 95.1 da Lei de Costas, sen cumprir cos requisitos esixidos para iso pola doutrina constitucional. A sentenza considera que a reprodución non tiña por finalidade facilitar a comprensión da lexislación autonómica de desenvolvemento e, ademais, introducía alteracións respecto do contido da lei estatal. Pola súa conexión con estes preceptos, a sentenza declara tamén inconstitucionais e nulos os artigos 10.1, parágrafo segundo, 10.2 e 10.3 e a disposición transitoria primeira.
Pola súa banda, o maxistrado Enrique Arnaldo Alcubilla anunciou a formulación dun voto particular a esta decisión do Tribunal Constitucional. Esta decisión chega despois da recente sentenza do Tribunal Constitucional (TC) que avala por unanimidade a lei galega de litoral despois de que o Goberno central presentase recurso contra diversos preceptos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.