Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2024 | Actualizada ás 18:51
O BNG denunciou a situación de "deterioración e crise" na que consideran que se atopa a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, motivo polo que urxen á Xunta de Galicia a "blindar o dereito á sanidade pública".
Así o sostivo a deputada Noa Presas, que ve un aumento dos problemas desta área sanitaria, reflectidos nas "constantes protestas" no hospital de Ourense, especialmente en Urxencias e na Unidade de Coidados Intensivos, así como tamén nas protestas de varias localidades pola falta de cobertura de pediatría e primaria.
A maiores, remitiuse a un informe do Consello de Contas que fiscaliza a asistencia sanitaria con medios alleos desta área e que cualificou de "demoledor". Por iso avanzou a presentación de iniciativas no Parlamento Galego e a intensificación de campañas pola rúa, para expor que "Ourense merece unha sanidade pública ben dotada", que "free a privatización co reforzo de persoal e medios propios".
INFORME
Entre as apreciacións do Consello de Contas, os nacionalistas poñen o foco en problemáticas tales como que hai pacientes que non constan nos rexistros como derivados a centros concertados, cando si o son, o que tachan de "gravísimo" e cren que "demostra que as denuncias de falta de transparencia nas listas de espera son correctas e maiores do que di a Xunta".
"Tamén nos di que a falta de información sobre as tarifas aplicadas é desde o punto de vista contable, é dicir, o PP non só drena recursos do público ao privado senón que non o xustifica adecuadamente nin fai un bo uso dos recursos económicos", afeou Presas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.