Temas: FRASEOLOXíA

“Traballar para o aire # para quecer # para o inglés”, fraseoloxismos equivalentes ós casteláns “trabajar para el obispo # para el inglés”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 12/05/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para dar a entender que alguén realiza algún tipo de traballo ou tarefa sen obter ningún tipo de beneficio, rendemento ou recompensa, ou ben tirándolle moito menos beneficio ou rendemento do que debería, en castelán pódese botar man de paremias como trabajar para el obispo ou trabajar para el inglés.

Libros de galego baixo a etiqueta de linguas foráneas no Corte Inglés da Coruña
Libros de galego baixo a etiqueta de linguas foráneas no Corte Inglés da Coruña | Fonte: Diario Liberdade

En galego contamos tamén con diversas paremias que fornecen ese mesmo contido. Vexamos algunhas:

Trabajar para el obispo

Trabajar para el inglés

{= Traballar sen obter ningún tipo de beneficio, rendemento ou recompensa, ou ben tirándolle moito menos beneficio ou recompensa do que se debería.}

Traballar para o aire

Traballar para quecer

Traballar para o inglés

[E MAIS]:

Traballar para quentar o corpo

Traballar para quentarse

Traballar para o boneco

Traballar para o mundo

Traballar para o conde

Ex.: Con tanto paquete que hay que clasificar y esta desorganización en el almacén, o nos coordinamos entre nosotros o estaremos trabajando para el obispo.

Con tanto paquete que hai que clasificar e esta desorganización no almacén, ou nos coordinamos entre nosoutros ou imos estar a traballar para o aire ou imos estar a traballar para quecer ou imos estar a traballar para o inglés ou imos estar a traballar para quentar o corpo ou imos estar a traballar para nos quentarmos ou imos estar a traballar para o boneco ou imos estar a traballar para o mundo ou imos estar a traballar para o conde.

● Tamén:

Traballar para o abade && Traballar para Aldán && Traballar para a torre && [E MESMO]: Botar o aparello só coas trallas

Ex.: Con tanto paquete que hai que clasificar e esta desorganización no almacén, ou nos coordinamos entre nosoutros ou imos estar a traballar para o abade ou imos estar a traballar para Aldán ou imos estar a traballar para a torre ou imos estar a botar o aparello só coas trallas.

● E mais tamén:

Trabajar en balde && Trabajar en vano

Traballar en balde && Traballar en van

● E inda tamén, nesta mesma liña:

Perder el tiempo

Perder o tempo

● E mesmo tamén, adaptadas ós contextos:

No hacer nada

Non facer nada && Non facer branca && Non facer branca de pan && Facer tanto coma as pitas que poñen fóra

Ex.: Con tanto paquete que hai que clasificar e esta desorganización no almacén, ou nos coordinamos entre nosoutros ou non imos facer nada ou non imos facer branca (de pan) ou imos facer tanto coma as pitas que poñen fóra.

NOTAS:

1. Segundo se indica no traballo Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo), do cal extraemos –xunto co de “120 locucións verbais galegas”– a secuencia fraseolóxica traballar para a torre, a voz torre fai referencia, nesta locución, á torre do Pazo de Aldán.

2. Pola que atinxe á paremia botar o aparello só coas trallas, a explicación que se dá acerca da súa orixe na fonte da cal a recollemos (“Outros lances nos laños do Morrazo. Nova recollida de unidades fraseolóxicas”) é a seguinte:

«As trallas son as cordas que reforzan o bordo dun aparello ou rede de pesca. A expresión fai referencia ao feito de botar o aparello sen os flotadores e sen os chumbos que, no xogo de peso e contrapeso, manteñen o aparello á profundidade desexada e permiten que os peixes queden atrapados na malla.»

3. Gardando certa relación con todas estas paremias que acabamos de ver, na medida en que normalmente dan a entender que alguén está cheo de traballar para o aire ou de realizar algunha tarefa ou actividade á que non lle tira –ou apenas lle tira– rendemento ou beneficio ningún, temos tamén as seguintes paremias, a segunda das cales se asocia basicamente a contextos de uso familiares ou populares:

Para traballar para quentarse é mellor pórse ó sol

Para ser puta e non gañar nada, vale máis ser muller honrada [Ex. (tirado ó dereito do traballo “Fraseoloxía do noroeste de Valdeorras”, do cal se colleu esta paremia: Díxenlle ao xefe do proxecto que non colaboraba máis, levo facéndoo cinco anos e nin me paga nin me contrata. Para se puta e non gañar nada, vale máis ser muller honrada.]

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Castro Otero, Salvador et alii: “Outros lances nos laños do Morrazo. Nova recollida de unidades fraseolóxicas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 273-286. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.´

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús (dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110.

- Rivas, Paco: Fraseoloxía do mar na Mariña luguesa. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 1, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- VV.AA.: Unha maré de palabras (Contribución ao léxico do Morrazo). Xunta de Galicia–Museo Massó, 2005.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta