Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2024 | Actualizada ás 17:44
A Consellería de Cultura publica este luns no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas deste 2024 destinadas á colaboración no financiamento de intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares e para as que se achegan 50.000 euros. O prazo de solicitudes ábrese este martes, 14 de maio, e termina o 13 de xuño. Estas axudas van dirixidas aos promotores particulares de calquera tipo de obras que afecten a un monumento, conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados.
Estas partidas irán destinadas a aqueles casos nos que a Consellería de Cultura determine a necesidade de colaboración no financiamento do custo da execución do proxecto arqueolóxico, que debe ser realizado de acordo cos requisitos establecidos na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Entre os requisitos establecidos atópanse que as actuacións arqueolóxicas estean autorizadas e fosen realizadas a partir do ano 2017 en diante, así como que estean finalizadas na data de publicación da presente orde.
De igual maneira, as actuacións deberon realizarse conforme aos proxectos arqueolóxicos presentados, á vez que deberon cumprirse os deberes de responsabilidade da dirección de acordo co establecido no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.
As axudas consistirán nunha subvención que se percibirá por unha soa vez por persoa beneficiaria e obra. En canto ás achegas, poderán ser do 50% dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e co límite de 20.000 euros, no caso de que se acredite a presentación e a entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais.
A porcentaxe de axuda será do 30%, co límite de 12.000 euros no caso de que a actuación realizada xa fose subvencionada en anteriores convocatorias co 20% dos custos por entregar o informe valorativo. Así mesmo, as axudas poderán ser do 20% dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado, e co límite de 8.000 euros, no caso da presentación e a entrega tan só dos correspondentes informes valorativos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.