Por Galicia Confidencial | Allariz | 16/05/2024 | Actualizada ás 09:00
O Festival organizado por a librería Aira das Letras e Sindicato Del Cómic coa colaboración do Concello de Allariz, comezará o venres 17 ás 17:00 na sala de exposicións A Fábrica, cunha sesión de conferencias e coa “Charla Ninja: guía de supervivencia para artistas freelance”, impartida por Alberto Guitián, membro da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración). Neste faladoiro didáctico darase conta das problemáticas e retos habituais ás que supón a labor os profesionais da ilustración, así como presentar as ferramentas e medios para enfrontarse a eles.
A xornada continuará cun faladoiro coa ilustradora coruñesa Bea Lema, autora de O Corpo de Cristo, banda deseñada gañadora do XII Premio Castelao cuxa edición en francés vén de recibir o pasado xaneiro o Premio do Público do Festival Internacional de Cómic de Angoulême. A autora falará do seu traballo e proceso creativo e pechará a xornada asinando exemplares da súa obra.
As actividades do sábado 18 estarán presididas pola celebración dun mercadiño de ilustración e autoedición na Praza do Matadoiro dende as 11:30 da mañá ata as 20:00 h. da tarde. O mercadiño reunirá a preto dunha trintena de propostas nas que se inclúen estudantes da Escola de Arte Antonio Faílde, profesionais da ilustración de a banda deseñada e proxectos editoriais de corte independente.
Como actividades complementarias ao longo da tarde terá lugar un obradoiro de ilustración para crianzas a cargo de Antela editorial e unha actuación musical a cargo do dúo Perrito Piloto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.