A exposición ao fume ambiental é a responsable de 280 mortes en Galicia

Así o recolle un traballo da investigadora Diana Carolina López Medina que analiza os falecementos por cancro de pulmón e cardiopatía isquémica asociados ó fume do tabaco.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/05/2024 | Actualizada ás 11:02

Comparte esta noticia

A exposición ao fume ambiental do tabaco produciu en España 4.970 mortes asociadas ao cancro de pulmón e á cardiopatía isquémica e un total de 280 en Galicia no período 2016-2021. A carga varía entre comunidades autónomas, sendo Andalucía a máis prexudicada, mentres que en Madrid foi menor. En España, a carga de mortalidade atribuída ao fume ambiental do tabaco non é despreciable e é totalmente evitable, o que reforza a necesidade de seguir avanzando en políticas de control de tabaquismo que protexan de forma integral á poboación.

Tabaco - Pixabay.
Tabaco - Pixabay.

Así o recolle un estudo da tese doutoral  “Carga de mortalidade atribuída á exposición ao fume ambiental de tabaco en España: estimacións e achegas metodolóxicas” da investigadora Diana Carolina López Medina. O traballo que foi dirixido polas doutoras do grupo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do IDIS, Mónica Pérez Ríos e María Leonor Varela Lema, conta co financiamento do Instituto de Saúde Carlos III xestionada polo IDIS.

A tese céntrase no impacto da exposición ao fume ambiental do tabaco e as súas consecuencias inmediatas e a longo prazo na saúde da poboación, un tema especialmente relevante dado os últimos avances lexislativos que se enmarcan dentro do Plan Integral para a Prevención e Control do Tabaquismo do Goberno español. A tese defendida pon de manifesto a importancia do fume ambiental de tabaco como factor de risco para a saúde, tanto a nivel mundial como en España.

Ata a realización desta investigación non se dispoñía de estimacións de mortalidade atribuída ao fume ambiental de tabaco desagregada para as diferentes comunidades autónomas que forman España. Isto achega información importante para direccionar as estratexias de saúde pública e lexislativas en cada zona xeográfica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta