Abanca e empresariado acordan un plan de crédito de 600 millóns para impulsar a transición enerxética de pemes

A renovación deste convenio inclúe préstamos, avais e anticipos de axudas europeas Next Generation

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2024 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

Abanca e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) selaron un convenio en que se renova a liña de crédito para as compañías asociadas á patronal galega por un volume máximo de 600 millóns de euros durante o próximos tres anos co fin de impulsar a transición enerxética de pemes.

O acordo foi asinado esta mañá de mércores en Santiago de Compostela entre o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites. En senllos comunicados, Abanca e CEG explican que este acordo busca "apoiar ao tecido empresarial galego no proceso de transición cara a un modelo enerxético máis sustentable, que contribúa a minimizar o cambio climático".

O crédito destinarase ao financiamento de proxectos e investimentos empresariais orientados a incorporar enerxías baseadas en fontes renovables, así como sistemas e tecnoloxías máis eficientes e innovadores que posibiliten un menor consumo enerxético.

Botas remarcou "a firme determinación do banco para axudar ao tecido produtivo e ao conxunto da sociedade no camiño da sustentabilidade". "Con este novo compromiso de financiamento, queremos acompañar ás grandes, pequenas e medianas empresas ante este enorme reto de transición verde e de descarbonización da produción, que vai ser esencial non só para a súa competitividade futura, senón tamén para construír unha sociedade máis sustentable", subliñou.

Pola súa banda, Juan Manuel Vieites sinala que "este convenio é unha excelente oportunidade para as empresas interesadas en adoptar tecnoloxías renovables e eficientes. Facilita o acceso ao crédito, permitindo a implementación de proxectos que reducen custos operativos a longo prazo e melloran a sustentabilidade ambiental". "As empresas que participen poden mellorar a súa imaxe pública ao demostrar responsabilidade ambiental e contribuír á loita contra o cambio climático", opina.

O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, asinan acordo de colaboración. ABANCA
O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, asinan acordo de colaboración. ABANCA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta