Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2024 | Actualizada ás 13:44
O número de médicos colexiados en Galicia diminuíu un 2,5% en 2023, o que supón 386 facultativos menos, mentres que os enfermeiros incrementáronse un 1,1%, con 157 colexiados máis que o ano anterior.
Así o reflicten os datos publicados este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE), segundo os cales Galicia ten unha taxa de 5,62 médicos colexiados por cada 1.000 habitantes --fronte aos 6,21 de media nacional-- e de 5,2 enfermeiras por cada 1.000 habitantes --de 7,12 a nivel estatal--.
En concreto, sinala o INE, en 2022 había colexiados en Galicia 15.734 médicos, fronte aos 15.148 de 2023. Así mesmo, o ano pasado figuran como colexiados no país 14.095 enfermeiros, fronte aos 13.938 do exercicio anterior. Do total de médicos colexiados en Galicia, 8.053 son mulleres e 7.095 son homes. Máis do 50% do total --7.682-- teñen máis 55 anos. Por provincias, 6.908 están colexiados na provincia da Coruña, 4.809 en Pontevedra, 1.732 en Lugo e 1.699 na provincia de Ourense.
En canto ás enfermeiras, 6.469 están colexiadas na provincia da Coruña, 3.824 na de Pontevedra, 2.365 na de Lugo e 1.437 na de Pontevedra. Nesta profesión existe unha importante feminización, tal e como evidencia o feito de que haxa 12.498 enfermeiras colexiadas en Galicia fronte a 1.597 enfermeiros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.