Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2024 | Actualizada ás 13:21
A Garda Civil detivo a un total de cinco persoas, tres en España e dous en Portugal, por supostamente pertencer a unha banda que rexentaba unha plantación de marihuana no interior dunha nave en Amoeiro. Na operación 'Quinta Feira', cuxa fase de explotación levou a cabo na madrugada do 14 de maio, participaron o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra en coordinación coa División de Investigación Criminal da PSP do Porto (Portugal).
A investigación, dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Ourense, iniciouse o 9 de febreiro cando os axentes tiveron coñecemento dun individuo con antecedentes por tráfico de drogas que acudía con frecuencia a unha nave de Amoeiro para reunirse con outras persoas de nacionalidade española e portuguesa. Esta persoa, asegura a Garda Civil, era o suposto encargado da plantación, pero no grupo tamén había outro que facía de electricista para a instalación, o dono da leira e outros dous que realizaban viaxes constantes entre España e Portugal. Ademais, o intercmabio de información coa Policía lusa permitiu confirmar que existía no país veciño un procedemento xudicial aberto relacionado cos mesmos feitos.
De feito, a PSP portuguesa realizou catro rexistros e interveu 603.000 euros e diferentes sustancias estupefacientes: 878,19 gramos de cocaína, 1364,59 de marihuana, 79,1 de haxix e 20,57 de MDMA. Tamén se incautaron de tres vehículos, un deles de alta gama, dúas balanzas dixitais e catro móbiles. En consecuencia, solicitouse a entrada na leira de Amoeiro, onde se interviñeron 548 plantas de marihuana e 12,883 quilos de sumidades floridas, así como dispositivos electrónicos e documentación de interese para a investigación.
Os detidos en España quedaron en liberdade pendentes de presentarse ante a autoridade xudicial cando sexan requiridos para iso. Mentres, un dos detidos en Portugal ingresou en prisión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.