Anpas galegas ve "de limitado interese" o estudo sobre E-Dixgal da Xunta, que "só se centra" nas cualificacións

A asociación critica que o documento non mida outras variables como os efectos da súa propia implantación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2024 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

Anpas Galegas asegura que o estudo presentado pola Consellería de Educación sobre a implantación de E-Dixgal está incompleto, posto que só céntrase nas cualificacións dun ano concreto e non mide outras variables como os efectos da súa propia implantación.

Nun comunicado, apuntan que o estudo é "de limitado interese". "O que nos presentan simplemente é un estudo comparativo do rendemento escolar medido en termos de cualificacións nun curso escolar, o que aínda é peor se pensamos que os procedementos e niveis de esixencia na avaliación empregados no marco de cada centro poden ser distintos, o que dificulta a comparación", argumentan. Para a asociación, a avaliación deste recurso require da análise "de moitos máis elementos". "O rendemento escolar non é o único resultado a medir. Existen outros posibles efectos esperados ou non esperados, positivos e negativos, que deben terse en conta", insisten.

A isto engaden outras cuestións como os procesos de implementación, co uso que se lle dá, con outras posibles aprendizaxes, co papel que xoga na inclusión educativa, coa atención á diversidade, co desenvolvemento do traballo cooperativo ou interdisciplinar, coa satisfacción dos sectores da comunidade educativa, entre outros. "Sabemos ademais se melloraron a competencia dixital?, trátase soamente de asegurarnos que non baixaron as cualificacións do alumnado?", cuestionan.

Centrándose no estudo, afean que se se recolle que as diferenzas entre centros E-Dixgal e non E-Dixgal son "irrelevantes", "para que se fai funcionar ese programa estrela da consellería, para chegar ao mesmo lugar tras un investimento económia de gran calado e dun esforzo enorme do alumnado e das familias?".

"Non chega coa garantía de que non prexudica, nin beneficia ao boletín de notas do estudiantado galego. É necesario que avalíe coa extensión e profundidade que merece calquera cambio na educación pública, máis aínda se trae consigo as pretensións e expectativas que a propia consellería publicitou", solicitan.

Conceden que a modernización da educación é "necesaria" e que "non se pode parar a evolución social", pero, apuntan, continúan coa dúbida de se "E-Dixgal está a responder a ese obxectivo e se realmente é unha ferramenta útil para o desenvolvemento integral e completo da mocidade galega".

APENAS DIFERENZAS NAS NOTAS

A Xunta facía pública o pasado mércores un estudo comparativo entre as cualificacións dos centros que o empregan --dentro destes, os que levan máis de catro anos con el e os que non-- e dos que non. Así, analizáronse as notas medias globais, as medias de matemáticas e as do tres linguas --castelán, galego e inglés-- de case 70.000 alumnos, que son todos os que hai entre 5º de Primaria e 2º de ESO.

De acordo cos datos obtidos, non se aprecian apenas diferenzas entre uns e outros, salvo un pequeno aumento, dunhas centésimas, na media dos colexios que empregan o libro electrónico. Ademais, en xeral, os que o levan usando máis de 4 anos obteñen aínda mellores cualificacións

Por exemplo, en 5º de Primaria a nota media dos centros que non son 'E-Dixgal' está en 7,56; pero aumenta a 7,65 (+0,09) os que levan máis de 4 anos. Ocorre algo parecido tanto en 6º (+0,01) como en 1º da ESO (+0,02). O caso máis rechamante é 2º de ESO, onde a nota media dos centros que non usan libro electrónico é de 6,61 e os que levan máis de catro anos con el, de 6,77 (+0,16).

Internet/EP / Europa Press
Internet/EP / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta