Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2024 | Actualizada ás 14:57
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou que a nova estrutura da Consellería contará cunha Subdirección de saúde mental para "desenvolver programas" que poidan resolver "todo tipo de problemas" neste ámbito. Nunha entrevista en RNE Galicia recollida por Europa Press, o responsable autonómico defendeu que para o Goberno galego a saúde mental é un tema "moi sensible" e, tras recoñecer que "hai un problema importantísimo", tanto de "ordenación" como de "recursos humanos", mostrou o seu compromiso de "avaliar todo" e tratar de buscar solucións tamén a través dun Plan de Saúde.
Así mesmo, Gómez Caamaño asegurou que a Enfermaría é "fundamental" para o seu equipo como "alicerce básico da asistencia sanitaria" e afirmou que deben "acabar con toda esa temporalidade". Nesta liña, trasladou que, "para integrala aínda máis dentro dos esquemas de xestión da asistencia", a Enfermaría pasará a estar integrada "por primeira vez" dentro da Consellería.
"Queremos unha enfermaría que investigue, unha enfermaría super especializada. Temos moitas cousas que facer con enfermaría", recoñeceu. Tras máis dun mes no cargo, o conselleiro sinalou que coñeceu "a moita xente de diferentes procedencias e estamentos" coas que aprendeu " moito" e a través do cal notou "unha desconexión entre o mundo asistencial real e a macrogestión da sanidade". "É unha desconexión bidireccional. Desde a macroxestión non se aprecia a realidade e desde abaixo tampouco se ve todo o bo que se fai na Consellería", reflexionou.
UN SISTEMA "EXEMPLAR"
Sobre a situación do sistema, "aceptando os problemas", o titular de Sanidade manifestou que Galicia ten "un sistema sanitario bo" e que "ademais é exemplar". Así, expuxo que a súa estratexia pasa por "preservar a sanidade pública de calidade", pero apuntou que "probablemente haxa que pasar dun modelo antigo, baseado en mellorar a sanidade en termos de prestacións, a un modelo baseado en racionalizar o que hai e integrar todo o novo".
En canto ás listas de espera, afirmou que non lle "preocupan", senón que o que lle preocupa "son os resultados en saúde" do que fan. Para Gómez Caamaño, as listas de espera son "unha consecuencia natural do funcionamento do sistema" e mesmo do seu "éxito". "Se o sistema sanitario fose malo, a xente non iría tanto", argumentou.
Nesta mesma entrevista, cuestionado pola falta de médicos en atención primaria, o conselleiro apostou por "reordenar" e tratar de facer esta especialidade "atractiva", destacando medidas "pioneiras" levadas a cabo en Galicia, como incentivos en retribución, en procesos de consolidación ou conciliación, entre outras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.