Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/06/2024 | Actualizada ás 21:30
Arxentina está chea de fillos e netos de galegos. A emigración á terra sudamericana durante os séculos XIX e XX na procura de mellores condicións de vida e oportunidades nun momento en que a nosa terra estaba sufrindo a devastación da guerra foi masiva. E, aínda que algúns retornaron a Galicia cando puideron, moitos quedaron en Arxentina e formaron familias. Cristian Mosquera Barjacoba é froito desas unións entre galegos e arxentinos tan frecuentes por aquel entón. A día de hoxe ten 75 anos e, aínda traballando e con boa saúde, ten un gran soño: conseguir atopar e conectar cos seus parentes en Galicia, dos que non ten pistas. O por que? Pois porque a pesares de nacer na Arxentina, síntese moi galego e mantense ao tanto do que acontece ao outro lado do Atlántico case cada día. Esta é a súa bonita historia que tivo a amabilidade de compartir co Galicia Confidencial.
"Coñecín ao meu avó paterno por pouco, porque vivía noutra provincia de Arxentina e só viña de visita de vez en cando, pero lembro que era moi cariñoso", cóntanos Cristian sobre un dos seus avós galegos. "Cando eu era aínda un bebé a miña avoa materna morreu", polo que non ten recordos desa avoa galego. E "a miña avoa paterna, a nai do meu pai, morreu cando el era pequeno", así que tampouco Cristian chegou a coñecer a esta avoa galega. En resumo, tres dos seus catro avós (o seu avó paterno, a súa avoa paterna e a súa avoa materna) eran galegos emigrados á Arxentina.
A conexión de Cristian con Galicia, con todo, vén dende a cuna, pois naceu no Centro Galego de Bos Aires, "unha institución que era moi poderosa por aquel entón, sobre todo na parte de saúde". "Entre todas as cousas que tiña, tiña unha parte adicada á maternidade, e aí nacín eu", conta Cristian, orgulloso. A partir dese momento e mentres era pequeno, tamén usaba con frecuencia os servizos médicos que tiña este centro. Así mesmo, non se cansaba de escoitar nunca ese alcume que os arxentinos lle poñían a todos os españois recén chegados ao país de 'galegos': "Daba igual que foran valencianos, cataláns ou vascos, todos eran galegos porque a forte inmigración viña de Galicia".
O CENTRO GALEGO CHEGOU A TER EN 1960 MÁIS DE 110.000 ASOCIADOS
O Centro Galego de Bos Aires era no tempo no que Cristian era un rapaz "unha institución moi importante, icónica". De feito, tamén lembra que "había un hospital que se chamaba o Hospital Español, pero que non lle chegaba nin á sola dos talóns ao Centro Galego". Asegura que naquel entón "ao Centro Galego asociábanse moitos españois que nin sequera eran galegos, pero que querían beneficiarse dos estupendos servizos que prestaba". E é que ademais de atención hospitalaria tamén tiña servizos xurídicos. O primeiro Centro Galego como tal foi fundado en abril de 1879, seis meses antes que o importante Centro Galego da Habana, pero o Centro Galego que actualmente coñecemos non chegou a crearse ata o 2 de maio de 1907.
Segundo os seus estatutos, as súas funcións iniciais debían ser "educar, protexer, instruír, velar e proporcionar benestar e recreo a cantos coterráneos cheguen a estas praias". No ano 1911 deu un xiro transformándose nunha entidade benéfico-mutualista, instalando un pequeno consultorio e establecendo novos servizos como funerarios, asesoramento xurídico e farmacia, e pasando en consecuencia dos 400 socios que tiña en 1911 aos 3.597 de xuño de 1914. En 1938 xa contaba con 57.000 asociados, o que o convertía xa na sociedade de socorros mutuos máis grande da Arxentina. En 1960 chegou a ter 110.000 persoas asociadas.
A este galego de corazón non se lle esquecerá nunca esa imaxe que sempre vía ao entrar ao Centro Galego: "era un busto de Rosalía". Tal foi o impacto que esa escultura xerou nel que "cando tiña 10 ou 11 anos, e como entre todos os servizos dos que dispoñía a institución estaba tamén unha biblioteca, metinme nela a averiguar quen era Rosalía de Castro". "Son inquedanzas que un ten desde ben pequeno, que lle rondan pola testa: quen será esta muller? Por que a terán aquí exposta? Por que está nun lugar tan especial?", preguntábase.
"OS GALEGOS SEMPRE FOMOS UN POBO LOITADOR E EU TAMÉN O SON NA PROCURA DAS MIÑAS ORIXES"
Con todo, recoñece que "despois desa infancia, e xa fóra do Centro Galego de Bos Aires, o sentido de pertenza non o tiven moito, hasta que fai un tempo me empezou a picar o bichiño dos meus antecedentes". Asegura que "comezou a entrarme ese bichiño de averiguar de que pobo de Galicia era, se aínda me quedaban parentes vivos aínda que non nos coñecésemos...", aínda que, lamenta que "chegou un punto no que me atopei unha barreira na busca, xa non sei en que máis pobos buscar para atopar antecedentes". Considera que os apelidos poden ser unha boa ferramenta de partida.
"Eu apelídome Mosquera e en Arxentina non hai moitos Mosqueras", afirma. De feito, o seu apelido non lle trae moi bos recordos de neno: "Na escola sempre me facían bromas co apelido e me dicían que estaba relacionado coas moscas, pero eu buscando en publicacións de heráldica vin que moscos chamábaselle aos carballos, así que o apelido Mosquera viña dunha zona na que aparentemente vivían os carballos". E que hai máis galego que un carballo? Pola contra, onde Cristian vive agora, en Costa Rica, "non hai case Mosqueras, practicamente non existen". E aínda que si atopou moitos en Colombia, "en realidade eran todos mulatos, mentres que a miña avoa materna era rubia e de ollos azuis".
A día de hoxe Cristian é un arxentino que vive en Costa Rica pero cun corazón moi galego, pois "todos os días sigo a actualidade galega e algún comentario fago en certas publicacións e medios de comunicación". E é que, na súa opinión, "non hai que esquecerse de que os galegos fai 20 séculos, que non é pouca cousa, están en España, aínda que moitas veces se lles vexa de lado e se prioricen outras rexións históricas como a vasca, por ter unha industria e uns capitais máis fortes, fronte á nosa terra máis pesqueira e agrícola". "Os galegos sempre fomos un pobo con capacidade de resistencia, soportando presións durante moitos anos, dende os vikingos ata as guerras internas, e eu tamén considero que son loitador como para seguir adiante na procura das orixes dos meus antepasados", confesa emocionado.
"ANTES DE MARCHAR DESTE MUNDO A MIÑA IDEA É COÑECER A ALGUÉN DO OUTRO LADO DO CHARCO QUE REALMENTE SEXA FAMILIA MIÑA"
E é que, dinos entre sorrisos de inquedanza que "eu xa son bastante maior, pero a miña idea é, antes de marchar deste mundo, poder coñecer a alguén do outro lado do charco que realmente sexa familia miña, porque aínda que ao mellor non teñamos moitas máis cousas en común que un apelido, sería moi bonito, e as ganas sempre están". Polo de agora Cristian nunca visitou Galicia, porque quere que, cando o faga, "sexa porque vou reencontrarme con algún dos meus parentes que aínda estea vivo ou, se non o están, para ver o lugar de onde saíron os meus avoíños".
Agora mesmo un dos seus fillos está aquí en Galicia facendo o Camiño de Santiago (e aproveitando para buscar pistas das súas orixes galegas). De seguro que algo do interese do seu pai por Galicia se lle pegou para emprender esta viaxe, aínda que tamén inflúe a súa paixón polo deporte: "A el encántalle facer camiñatas por aquí por Costa Rica, xa cruzou o país de punta a punta e chegou un momento no que se lle quedou pequeno, así que se puxo o reto de buscar algo máis grande fóra e decidiu facer o Camiño de Santiago", cóntanos Cristian.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.