Temas: FRASEOLOXíA

Locucións coloquiais galegas equivalentes á castelá “en el trullo”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 02/06/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Malia que en sentido estrito as locucións preposicionais que imos tratar no presente artigo non se poderían encadrar dentro do eido da fraseoloxía (de feito, se peneiramos a preposición en das referidas locucións, quedariamos unicamente coas voces léxicas –precedidas do correspondente artigo– de cada unha delas, voces que se poden empregar sen problema ningún en multitude de enunciados sen a rección da dita preposición ou con rección doutras), imos reflectir unha serie de secuencias rexistradas na lexicografía galega (á parte dalgunha outra documentada oralmente por nós de xeito particular) que dan conta –iso si, en todos os casos asociadas a ámbitos de emprego informais, coloquiais e familiares– da castelá (en el) trullo.

Prisión
Prisión | Fonte: RICARDO RUBIO- EUROPA PRESS - Arquivo

Non obstante, ó respecto queremos lembrar, como xa temos comentado máis dunha vez, neste espazo fraseolóxico semanal o que pretendemos é simplemente fornecer ou dar a coñecer opcións do noso idioma (ás que lles pasamos, iso si, un filtro previo para evitar castelanismos gratuítos evidentes) rexistradas ben de xeito documental, ben de xeito oral, mais sempre tendo presente que hai ocasións en que as voces e/ou expresións aquí reflectidas non se recollen na obra normativa de referencia da lingua galega [ou sexa, no Dicionario da Real Academia Galega (DRAG)], polo que cómpre ter en conta que nestes casos concretos non reflicten carácter prescritivo ningún... o cal tampouco quere dicir que estean normativamente condenadas, pois case debería resultar escusado dicir que, obviamente, o idioma galego non se circunscribe nin limita só ó que aparece no DRAG.

E hoxe volvémolo remarcar porque, como ides apreciar, no presente artigo habedes atopar bastante voces non recolleitas, cando menos a día de hoxe, no DRAG.

En el trullo

{= No sitio ou establecemento en que se reclúe, durante o tempo que legalmente resulta preciso ou necesario, ás persoas que foron condenadas á pena de estaren presas.}

No caldeiro

[E MAIS]:

Na charpela

No cagarrón

Na falcona

No casó

No chabolo

Na piola

Ex.: No podéis ni imaginaros lo que tanto les alegró saber que habían metido en el trullo a su violador.

Non podedes nin botar conta do que tanto lles alegrou saber que meteran no caldeiro na charpela no cagarrón na falcona no casó no chabolo na piola o seu violador.

● Tamén (nestes casos é posible que as opcións para galego veñan motivadas por influxo ou calco do castelán):

En la trena && En chirona && En el trullo

Na trena && Na chirona # En chirona && No trollo

● Tamén:

En la jaula && En la gayola

Na gaiola && Na choupana && Na choupela

● Mesmo tamén, mais sen a característica de estaren asociadas a empregos informais, coloquiais ou familiares:

En la cárcel && En prisión && En presidio && En el penal

No cárcere && Na cadea && En prisión && En presidio && No penal

NOTAS:

1. Como se pode observar a partir das ligazóns, voces coma cagarrón, falcona... fan referencia, en orixe, ós calabozos municipais, pero a partir de aí a extensión do seu uso cara a cárcere, presidio ou prisión constitúe un proceso de ampliación semántica do máis natural.

2. Polo que atangue á construción sintáctica en galego que se reflicte no exemplo exposto, coa utilización do clítico dativo de complemento indirecto lles (lles alegrou...) desempeñando a función de, en principio, complemento directo (isto é, no canto do clítico de acusativo o(s), a(s): as alegrou...), é de facer notar que nos atopamos ante unha cuestión que, na nosa humilde opinión, e como xa comentamos nalgún artigo anterior, está a día de hoxe pobre e deficientemente tratada na normativa, mesmo con eivas e incongruencias internas no propio teor do Dicionario da Real Academia Galega.

Para quen teña ansia, curiosidade e gañas de profundar no tema (e tempo e paciencia abondos, pois trátase dun traballo bastante extenso), remitimos a un estudo en que se defende que enunciados coma os que se indican na táboa que a continuación se amosa forman parte do sistema galego (enunciados que, se nos guiamos por unha interpretación estrita do teor do DRAG, parece que non se contemplan a día de hoxe –o cal, por outra banda, non quere dicir que estean expresamente condenados– no sistema galego):

ALGÚNS EXEMPLOS DO PRIMEIRO GRUPO DE VERBOS DOS CATRO (4) QUE SE DIFERENCIAN NO TRABALLO:

$$ Co verbo aburrir (tratado como transitivo no DRAG):

- Xa de pequena lle aburría [no canto de a aburría] ver a televisión.

- De tanto os comer, agora os espaguetes abúrrenlle [no canto de abúrreno].

$$ Co verbo aflixir (tratado como transitivo no DRAG):

- Aflixíalle [no canto de aflixíao] imaxinar, e roíao por dentro, que a muller non lle gardase a ausencia.

- A ninguén lle aflixe [no canto de o aflixe], senón todo o contrario, saber que é apreciado polos seus compañeiros de traballo.

$$ Co verbo alegrar (tratado como transitivo no DRAG):

- Tamén lle alegrou [no canto de o/a alegrou] que viñeras á festa.

- Atreveuse a dicir que ó presidente non lle alegra [no canto de o alegra] que os traballadores cobren tanto.

$$ Co verbo asistir (tratado como transitivo, na acepción que aquí nos interesa, no DRAG):

- Neste caso é á mestra, e non á ANPA, a quen lle asiste [no canto de a asiste] toda a razón.

- Sexa como for, á interesada asístelle [no canto de asístea] a posibilidade de acudir ó Servizo de Reclamación da Comisión Nacional de Valores.

$$ Co verbo inquietar (tratado como transitivo no DRAG):

- ¿Sabes cal era a pregunta que máis lle inquietaba [no canto de o inquietaba] ó seleccionador nas roldas de prensa?

- O presidente do executivo recoñeceu que a el tamén lle inquieta [no canto de o inquieta] a perda de galegofalantes.

$$ ETC.

ALGÚNS EXEMPLOS DO SEGUNDO GRUPO DE VERBOS DIFERENCIADO:

$$ Co verbo advertir (tratado como transitivo no DRAG):

- Advertídelle de [ademais de, obviamente, advertídeo/advertídea de] que se bota a lingua a pacer, que se ateña ás consecuencias.

- Se ninguén lle advirte á xente de [ademais de, obviamente, lle advirte á xente que] que o chan está esvaradío, pode escorregar calquera.

$$ Co verbo aprender (tratado como transitivo, na acepción que aquí nos interesa –a terceira– no DRAG):

- Xa con menos de quince anos o pai lle aprendeu [no canto de o aprendeu ou a aprendeu (se é que realmente alguén o di así de xeito natural, cousa que descoñecemos, mais que non nos consta)] a guiar o tractor.

- Hai que lles aprender [no canto de os aprender (se é que realmente alguén o di así de xeito natural, cousa que descoñecemos, mais que non nos consta)], xa desde cativos, a que respecten os máis grandes.

$$ Co verbo obedecer (tratado como transitivo, na acepción que aquí nos interesa –a segunda– no DRAG):

- Non lle obedeceu á adestradora cando lle dixo que tirase o balón fóra e substituíno ó dereito.

- Cando esteas na casa, obedéceslle á avoa en todo canto che diga.

$$ ETC.

ALGÚNS EXEMPLOS DO TERCEIRO GRUPO DE VERBOS DIFERENCIADO:

$$ Co verbo beliscar (tratado como transitivo no DRAG):

- Belíscalle [no canto de belíscao/belíscaa] con tento na perna para lle avisares, que se non, non se entera.

- Ten sentido e non lle belisques ó meniño.

$$ Co verbo crer (tratado como transitivo, na acepción que aquí nos interesa –a segunda– no DRAG):

- ¿Non lle cres? Pois asegúroche que nunca di mentiras, ¡eh!

- Avisáronnos de que había un control de tráfico á saída de Santa Comba, pero como sempre andan de brincadeira non lles cremos... e mellor nos fora crerlles.

$$ Co verbo entender (tratado como transitivo, na acepción que aquí nos interesa –a segunda– no DRAG):

- Vostede debería comprender que se fala así entre dentes, non lle entendemos [no canto de o entendemos ou a entendemos].

—¿Que dixo? —Non sei, non lle entendín [no canto de o entendín ou a entendín].

$$ Co verbo morder (tratado como transitivo no DRAG):

- ¿Onde lle mordeu [no canto de o mordeu ou a mordeu] o can?.

- Mordeulle [no canto de mordeuno ou mordeuna] nunha cacha.

$$ ETC.

ALGÚNS EXEMPLOS DO CUARTO GRUPO DE VERBOS DIFERENCIADO:

$$ Co verbo adiantar (tratado como transitivo, na acepción que aquí nos interesa –a segunda– no DRAG):

- ¡Adiántalle a ese coche, meu home, que se non, non imos dar chegado a tempo!

- Polas regras de tráfico, non lle podes adiantar [no canto de o podes adiantar ou a podes adiantar] pola dereita.

$$ Co verbo atacar (tratado como transitivo –primeira acepción– no DRAG):

- Esas cicatrices que ten no brazo produciullas un can que lle atacou [no canto de o atacou] cando era rapaz.

- ¡Inda que a teñas debaixo dun dente, non lle podes atacar así a túa irmá diante de todo o mundo con eses comentarios que non veñen a conto!

$$ ETC.

Ó dito traballo pódese acceder ou ben a través do Portal da Lingua Galega ou ben a través do url https://pt.slideshare.net/slideshow/verbos-con-complemento-directo-pronominalizable-a-travs-do-cltico-dativo-che-ou-lles-casustica-e-trazos-definitorios/267423868, no cal cumprirá crear a pertinente conta (proceso que a canto leva tempo e que non representa problema ningún) para poder ingresar en slideshare.

3. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritoras/Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”1, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte:

https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria

- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.

- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego-castelán (2ª edición). Galaxia. Vigo, publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano da Real Academia Galega, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta