Pazos (PP), Pontón (BNG) e Besteiro (PSdeG), elixidos para presentar no Congreso a lei de traspaso da AP-9

Terá lugar o próximo 11 de xuño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2024 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

O Parlamento galego escolleu este mércores aos portavoces de PP, BNG e PSdeG, Alberto Pazos Couñago, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, respectivamente, para acudir ao Congreso dos Deputados o próximo 11 de xuño a defender a lei de transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia.

Será a cuarta vez en sete anos que se tramite en Madrid esta norma que parte da Cámara autonómica. Para ese efecto, este mércores elixiuse por votación en urna a Pazos Couñago (38 votos, xa que faltaban dous deputados populares), Pontón (26 votos, ao sumar os 25 do Bloque e, presumiblemente, o do deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea) e Gómez Besteiro (9 votos, todo o grupo do PSdeG).

Ao comunicar o resultado da votación, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, desexou "moita sorte" ao tres portavoces e chanceou con que, se volven "co obxectivo cumprido" de transferir a titularidade da AP-9, vai a Padornelo para saudalos e recibilos "se é necesario".

E é que en decembro de 2023, por cuarta ocasión en sete anos, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade --esta vez promovido polo PP-- o texto lexislativo para a súa remisión ao Congreso co obxectivo de conseguir este traspaso. Desde 2016, os diferentes acordos na Cámara galega non frutificaron polo fracaso das leis na súa tramitación nas Cortes Xerais.

A demanda para que a xestión da autoestrada que vertebra a fachada atlántica galega volve saír do Pazo do Hórreo rumbo a Madrid, onde chegará de novo cunha serie de demandas en materia económica ao Estado como principais novidades.

Entre esta figura unha mención a que será a Administración do Estado quen asuma as posibles consecuencias económicas que deriven dunha hipotética anulación da prórroga da concesión a Audasa ata 2028, asunto que está en estudo pola xustiza europea por unha posible infracción da normativa comunitaria en materia de competencia.

Esta cuestión foi incorporada durante o proceso de tramitación na Cámara galega a través dunha emenda do BNG que foi aceptada para a súa inclusión no ditame final polo PP. Esta foi a única achega ao texto orixinal presentado polos populares, que engadiron unha serie de obrigacións a facer fronte por parte do Estado en asuntos como a extensión das bonificacións das peaxes ou a execución de obras de remodelación ou ampliación da infraestrutura.

Pleno do Parlamento de Galicia do 29 de maio de 2024
Pleno do Parlamento de Galicia do 29 de maio de 2024 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta