Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/05/2024 | Actualizada ás 15:56
A CRTVG rexeita as críticas sobre "manipulación" ou "ocultación" de información sobre a cobertura da masiva manifestación que tivo lugar o pasado domingo, 26 de maio, en Palas de Rei en protesta pola megacelulosa que Altri quere instalar neste concello.
Tras as críticas recibidas por distintas formacións da oposición e distintos colectivos a través das redes sociais que denunciaban que a TVG só adicou 30 segundos á informar sobre a protesta, o ente público remitiu un comunicado a Galicia Confidencial negando estas críticas. "A información sobre a manifestación contra a empresa Altri en Palas de Rei foi a que máis tempo ocupou no Telexornal Mediodía do pasado 26 de maio" , indica. "A manifestación foi tratada nos titulares de portada e foi tamén o tema de apertura do primeiro bloque informativo", engade.
Así, desde a CRTVG suliñan que no Telexornal ofrecéronse as declaracións de todas as forzas políticas destacadas na manifestación," todas críticas co proxecto de Altri", entre elas, a da a voceira nacional do BNG, Ana Pontón; a candidata do BNG-Agora Repúblicas ás eleccións europeas, Ana Miranda; o candidato de Sumar Galicia, Juan Manuel Diez Villoslada e a candidata de Podemos, Isabel Faraldo.
"EN TOTAL FORON MÁIS DE TRES MINUTOS E MEDIO"
"En total máis de tres minutos e medio de información sobre a manifestación e as críticas ao proxecto, o que converte este tema no de maior cobertura do informativo. No Telexornal Serán dese mesmo día ampliáronse estas informacións tamén cos testemuños de Marta Gontá, a voceira da plataforma Ulloa Viva", engade. O telexornal pode ser visto nesta ligazón
Miles de persoas -- máis de 20.000, segundo os organizadores-- manifestáronse este domingo polas rúas do municipio lucense de Palas de Rei para "dicir alto e claro 'Non'" ao proxecto de fábrica de fibras téxtiles que a multinacional portuguesa Altri quere instalar na localidade. Nas redes sociais creceu a indignación nos últimos días por este tratamento e acusaron, novamente, ao PPdeG de utilizar á CRTVG para "manipular" e "ocultar" información.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.