Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 05/06/2024 | Actualizada ás 21:00
Situámonos na parroquia de Rois, que conta con nove aldeas e pode presumir de ter festival propio e diferenciado: Música N'aldea. "É unha forma de reivindicar e apoiar a cultura no rural", así define Xosé Manuel Tubío, organizador, a índole desta data sinalada. Un proxecto que naceu nun momento crítico, na pandemia, onde a comisión de festas tiña un gran dilema entre organizar festa ou non. Consideraron que a música era unha boa terapia para eses tempos tan duros e seguiron a diante coas festas, pero cambiando o fluxo: "No canto de ser a xente a que asistira á festa, o que fixemos foi levar a festa polas aldeas, de xeito individual. Así, organizamos en cada unha das nove aldeas da parroquia, un concerto cada día en cada unha, cun total de 27 concertos durante os tres días". Estaba pensado neses inicios só para a xente da aldea e tivo boa acollida.
Destaca que foi curioso, que a xente maior que había anos que xa non ía á festa, polas súas limitacións físicas, ao facela na aldea si que saían das casas para escoitar a música. "Houbo xente que nos comentou que de, non ser por esa iniciativa, non volverían escoitar música na festa. Iso removeunos e xa ao seguinte ano continuamos co sistema", confesa Xosé Manuel. Xa foi no terceiro ano cando decidiron "saír da comisión de festas e organizalo como un evento cultural con identidade e nome propio". Así naceu Música N'aldea, propiamente dito.
"QUE A XENTE DA ALDEA SE SINTA ANFITRIONA"
A idea era movernos por todas as aldeas todos os anos, nun festival nómada, pero decidimos cambialo e que cada ano fora unha aldea distinta, a modo de antitrioa do festival. "Queremos que a xente desa aldea se sinta como a anfitriona, como cando un vai a casa dos familiares nas festas e preparan a mellor comida. Buscamos ese sentimento e que a xente que vaia ao festival sexan convidados aos que tratar ben", manifesta o organizador. A aldea anfitriona este ano é Casa do Porto.
Que música se escoita neste festival? Pois recoñecen que non teñen un único estilo definido, senón que están abertos a todo o que poida resultar interesante para a aldea, desde jazz, blues, country, fados, tradicional, a tecno... O que sexa, irán ao mercado e contratarán, así como "ir pola mañá á praza para ver que peixe hai". Algo diferenciador, máis aló da proposta musical, está no fin de recuperar "as aldeas para a cultura". Buscan que eses espazos, que fai tempo acollían música, coas foliadas ou os seráns dos tempos dos avós, volvan ter esa función. "Son espazos que non ollan á musica como extraña, xa soaban gaitas, pandeiretas, mulleres que cantaban e parellas que bailaban. Buscamos recuperar ese espazo para a actividade cultural", comenta.
Non tiñan unha data fixa no mes de xullo, pero a partir de agora quedará fixo para a fin de semana antes do Apóstol en Padrón. "Este ano celébrase o 12 e 13 de xullo, para non coincidir coas outras festas e non pisarnos uns aos outros". Música N'aldea ten como principal financiamento, ademáis da venda de entradas, un crowdfunding, que está en marcha ata o 16 de xuño e que "de non acadar o obxectivo proposto, perderiamos todo". Desta maneira, Xosé Manuel confía na vontade da xente á hora de apostar polo rural e por estas actividades culturais de recuperación. Aínda queda algo de tempo para chegar a ese obxectivo.
A PROPOSTA PARA ESTE ANO
Antes de pasar ao programa musical e de actividades por días, cabe destacar que Música N'aldea cada ano dedica o festival a un problema en Galicia ou no mundo. Desta maneira, o ano pasado centrouse na violencia de xénero e nesta edición poñerá o foco no apoio ao pobo palestino. Donará dous euros de cada camiseta que venda para Palestina, a través dunha colaboración con Médicos Sen Fronteiras.
O pistoletazo de saída do venres, o inicio, non será con música, senón con verbas. Terá a palabra Celso Fernández Sanmartín, un filólogo de Lalín, que recolle contos e historias das de antes. "Imos arrincar falando, algo que antes se facía moito na aldea e se foi perdendo, así como compartir contos xuntos", recoñece ilusionado Xosé Manuel. Despois de que remate, actuará o grupo Aksak, formado por dous galegos, unha rapaza extremeña, que toca o violonchelo e unha rapaza turca, que toca a viola: "Farán unha viaxe pola música tradicional turca e galega, con eses intrumentos clásicos". Para pechar o primeiro día terán unha proposta que chega desde Soria, Cardelina, artista que fai country en inglés e español. Soe falar da busca de cada persoa e ser desta terra e tamén do éxodo do rural cara ás cidades.
O sábado arrinca pola mañá cunha ruta para que a xente que veña descubra a contorna, e non só a aldea senón o que a rodea. "A aldea anfitrioa e os veciños convidan ao almorzo, que preparan o que queiran, xa que nos organizamos, pero os anfitrións son eles, que quede ben claro", comenta. Unha vez remata a ruta, toca vermú ao son das gaitas e nunha eira con hórreos restaurados cunha clara función: "Cada un deles será o camerino das bandas que veñen tocar, todo un luxo". Despois de botar uns bailes, xa tocará comer e para iso contan cunha carballeira, na que cada un trae a súa comida, como nas romarías de antes. "Mentres soan as pandeiretas e cando se acabe de comer, quen teña sono pode durmir a sesta, que hai bo sitio e para os que non, teremos taller de baile tradicional", expón.
Sobre as oito da tarde xa arrinca a música para finalizar o último día. Normalmente un veciño da aldea comparte as memorias de cando era neno, do espazo no que se está facendo o festival, dos recordos que ten... El da o primeiro paso, pero segundo conta Xosé Manuel, logo acaba falando máis xente i é bonito "comezar cun testemuño da aldea". A proposta musical comeza cos fados que canta Lucía Martiz, acompañada do guitarrista brasileiro, Mauricio Caruso. Despois deles, virá unha banda de jazz catalana, encabezada por Elia Bastida Trío, referencia europea do violín jazz. "Estamos emocionados de escoitar jazz en medio dos hórreos", recoñece. Por último, o grupo Boroa, unha proposta musical e visual, que está formado por tres persoas que tocan e unha que interpreta as cancións a acuarela. Contan co espectáculo "Tinta de Fol" como expoñente do que realizan. "Eles tocan e alguén pinta e proxéctase nun tendal de roupa dos de antes e quedará moi bonito", apunta.
Durante as actuacións se alguén lle entra fame terá opcións para comer e tamén pode acampar no lugar. As entradas para Música N'aldea pódense adquirir na campaña de crowdfunding, ou cando remate, escribindo ás súas redes ou web porque se venden persoalmente, non a través de plataforma. "Os prezos agora mesmo son de un día 18 euros e dous días 35 euros e se son despois do crowdfunding, quedarían en 19 e 37 euros, respectivamente", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.