Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/06/2024 | Actualizada ás 20:40
A verbena galega é recoñecida polas súas orquestras, pero tamén polos seus artistas. Os e as cantantes causan verdadeiro furor entre o público que asiste ás festas e que os sigue aló onde van, da igual que haxa que percorrer 100 metros que 50 quilómetros. Podemos dicir que en Galicia contamos cos nosos propios famosos, encarnados nestes artistas que cada verán (e agora tamén en inverno) fan desfrutar aos seus seguidores, gozando dun gran recoñecemento a nivel persoal e cultural. Dende o Galicia Confidencial queremos achegarnos un pouquiño máis a estas figuras e coñecer a súa traxectoria, o seu repertorio actual e mesmo algúns dos seus segredos. Hoxe falamos con Maythe Leiva, cantante feminina da orquestra París de Noia e unha das máis admiradas polo público galego, sempre na parte alta do ranking de 'Orquestas de Galicia'.
O seu non é dos casos máis típicos. Ela, nada en Linares (Andalucía), non comezou a súa traxectoria na música convencida, senón que foi polo 'engano' dunha amiga. Maythe conta que "eu era atleta e lesioneime, así que algo tiña que facer mentres intentaba seguir adiante co deporte, facendo exercicios de recuperación para poder volver a coller volume". Mentres estaba nese proceso, "unha amiga levoume enganada a un casting para un grupo, dicíndome que era ela a que ía presentarse e que se a podía acompañar". Ao chegar alí lembra que "había varias rapazas, pero cando chegou o momento de entrar só quedabamos dúas, a miña amiga e eu, así que cando lle dixen se podía entrar con ela dixéronme que si". O grupo chamábase Tubalu, como unha das illas da zona de Rapanui, na Illa de Pascua.
"Os rapaces do grupo estaban agardando a que nós cantásemos e eu dicíalle á miña amiga: veña nena, que non teño todo o día; ata que ela me dixo: non, se o casting non era para min, é para ti", recorda Maythe, que naquel momento tiña ganas de matala, aínda que a día de hoxe sabe que lle ten moito que agradecer. Cantou 'Without you', de Mariah Carey e ao grupo encantoulle, así que xa non había volta atrás. Deste xeito, "mentres non podía facer atletismo empecei a cantar e así tamén deixei de interferir na economía dos meus pais, que ata ese momento me tiñan que mercar todo o esencial para que puidese entrenar e competir", explica a linarense.
"SÓ DOUS LINARENSES TEÑEN A SIRENITA DE OURO DE BENIDORM: RAFAEL E EU"
Dese pequeniño grupo deu o salto a outra orquestra, un pouco máis rockera, chamada Tik Tak. E, de aí, deu o paso a facer un casting para o prestixioso grupo de La Década Prodigiosa (formado a mediados dos anos 80 e que participou no Festival de Eurovisión no 1988). Logrou entrar e, de feito, formou parte do grupo durante bastante tempo. O mellor recordo con eles é cando "no ano 2006 gañei o que hoxe en día é o Benidorm Fest, que antes só se chamaba Festival de Benidorm". Chancea con que "a Sirenita de Ouro do Benidorm Fest só hai dúas persoas de Linares que a teñen: Rafael e eu". Seguidamente tamén participou en varios musicais, como 'Peter Pan', 'La magia de Broadway' ou 'No me puedo levantar', ata que foi no 2010 cando aterrou en Galicia.
"No 2010 ofrecéronme vir e aparecín aquí, entrei na orquestra Panorama, de Panorama a Olympus, de Olympus outra vez a Panorama, de Panorama a La Fórmula, quedeime embarazada, tiven á miña bebé Kenia e logo chamáronme de novo para La Década Prodigiosa coa Tournée de José Manuel Parada", resume moito Maythe. Aínda así, cando a chamou a París de Noia o pasado ano, "despois de falalo coa miña parella (Kotwey, de Panorama), aceptei e aquí estou de novo en Galicia". Como pode verse, Maythe xa entrou no panorama da verbena galega por todo o alto, pois "Panorama xa me seguía a pista ao verme actuar nos musicais e tamén durante o meu paso por La Década Prodigiosa".
"SEMPRE ESTABA MERCANDO REVISTAS DE INTERPRETACIÓN, BAILE OU MODA"
Maythe é enfermeira de profesión, pero non chegou a exercer porque descubriu que esa non era a súa paixón verdadeira. "Eu estaba estudando enfermaría, acabeino e tocáronme as prácticas en neonatos, cando eu quería que me tocasen en trauma ou algo semellante, así que non me gustaron moito", confesa. Por iso, como xa estaba facendo cousiñas na música "para pagarme os meus estudos e gastos", rematou Enfermaría e dixo para si: "Non, a min o que me gusta realmente non é isto, é a interpretación musical, interpretar o que canto". Ao entrar en La Década Prodigiosa tivo a oportunidade de estudar máis a fondo interpretación, baile, canto e o conxunto das características dun artista en xeral.
Tal era a súa paixón que confesa que "eu saia da casa con 10 euros no peto ás 9 da mañá e chegaba ás 11 da noite e só me tomara un café ou un croissant en todo o día, porque gastaba o resto dos cartos en mercar calquera revista que tivera que ver co mundo da moda ou do baile e a interpretación, para saber como ía o sector a diario e tamén para informarme de casting que había, pois naquel momento aínda non había tantas redes sociais como agora para estar ao tanto destas oportunidades".
"ESCOITEI A FERRE INSULTANDO AO PÚBLICO CANDO ME ESTREEI CON PANORAMA E PARECEUME SURREALISTA"
Aínda que a Maythe sempre lle gustou estar en movemento e non parar quieta nun só lugar, Galicia fíxoselle algo costa arriba polo tempo. "Cando eu estaba en La Década Prodigiosa subiamos moito por aquí por Galicia e a verdade é que a min sempre me gustou Galicia nese tempo", porque vía a súa cara boa, no verán. Logo, cando a chamaron de Panorama, "o clima fíxoseme costa arriba, e aínda se me sigue facendo, chove moito, fai vento, 'sapos e culebras' como digo eu, e eu son máis amiga do sol". Tamén destaca que estar nunha orquestra non é para todo o mundo, pois os horarios e a esixencia a nivel físico son complicados: "Cando me incorporei a Panorama por primeira vez custoume, porque eu viña de La Década Prodigiosa de traballar hora e media".
Conta un episodio que tamén lle chocou no seu estreo coa Panorama e que a deixaría impactada para sempre: era o ano 2010 e estabamos na xira do Xacobeo. Por aquel entón estaba Jorge Ferre como cantante e o campo da festa estaba cheo, así que eu estaba moi ilusionada. Ata que escoitou falar a Ferre ao público, "insultándoo". "Metinme para dentro do camerino gritando pensando que nos ían tirar de todo porque eu viña do teatro, onde se respecta moito ao artista, pero tamén ao público, ata que Lito me explicou que isto era algo normal en Galicia, que a xente non o tomaba a mal, que era ese o tipo de relación que había". Outro día lembra que "déronnos as 10 da mañá tocando, eramos tres orquestras, xa saíra o sol e os nenos ían para o colexio e nós alí cantando". Viuno como algo surrealista.
"UNHA VEZ UN RAPAZ DÍXOME: 'ERES A ZORRA POR EXCELENCIA DA VERBENA'"
Sobre o novo repertorio que ten coa París desvela que "é bastante versátil, dende 'Detrás del humo no se ve' de Emilia ata a intro de Destiny's Child e temas disco como 'Zombie' de The Cranberries intercalados con baladas". Dentro das súas, encántalle interpretar 'Zorra', de Nebulossa, porque "aínda que vocalmente non ten complicación ningunha, nin tampouco levamos unha posta en escea especial por ese tema, encántame interpretalo, métome moito no papel". Como anécdota cóntanos que "unha vez un rapaz díxome 'eres a zorra por excelencia da verbena' e eu quedeime como 'ola?', pero sabía que mo dicía por ben, porque de todas as rapazas que cantan este tema eu era a que máis lle gustaba como o facía", chancea.
Tamén lle gusta moito cantar 'Zombie', de The Cranberries, porque é un arreglo propio que levaba xestando dende os seus tempos en Olympus. Neste caso, aínda que lle encanta a nivel musical e pola complexidade vocal, tamén destaca a súa mensaxe, pois "a letra di precisamente iso: que todos somos en verdade zombies, que facemos caso de todo o que nos din, e eu sempre fun moi negacionista nese senso, moi de ir contracorrente e saltarme as regras que me poñen cando vexo que non son normais".
"AGRADEZO MOITO O CARIÑO DA XENTE, SEMPRE ESTÁN AÍ"
Para Maythe o público galego é algo doutro mundo, porque "xa no seu momento estiven de primeira no ranking de 'Orquestras de Galicia', e sempre nos rifabamos as primeiras posicións entre Fátima Pego, Gema Lareo e eu, así que agradezo ter a tanta xente apoiándome". Cando marchou da verbena galega caeu polo medio do listado pero, tan pronto como se anunciou a súa fichaxe coa París para este ano, "volvín poñerme de primeira". Agora está de quinta, pero mes tras mes segue subindo posicións. "Agradezo moito o cariño da xente, sempre están aí, mesmo cando non estaba en Galicia mandábanme a través de Kotwey cousas para a nena", conta visiblemente emocionada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.