(Vídeo) O 'parkour' está de moda: Galicia conta con grandes expoñentes nas redes sociais

Con motivo do Día Mundial do Parkour este sábado o Galicia Confidencial descúbreche un pouquiño desta disciplina que xa está recoñecida a nivel deportivo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 01/06/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A vida pode ser máis divertida se lle metemos algo de picante. Iso é o que fai o parkour: en lugar de camiñar pola ruta socialmente establecida para chegar a un lugar, facelo sorteando todo tipo de obstáculos, dende muros ata vallas, saltando por enriba ou balanceándose para impulsarse ata o seguinte lugar. Aínda que soa como algo lonxano, o certo é que se trata dunha disciplina que está recoñecida a nivel deportivo e que ten auténticos atletas de élite nas súas filas. Dende o Galicia Confidencial, con motivo do Día Mundial do Parkour que se celebra este sábado, queremos descubrirche esta disciplina e algúns dos seus máximos expoñentes a nivel galego.

Parkour
Parkour | Fonte: Dreamstime

En sentido teórico, o parkour como tal é un tipo de entrenamento e unha disciplina física que consiste en ir dun punto A cara un punto B do xeito máis eficiente e sinxelo posible. Pero iso só foi nos seus comezos, agora mesmo é moito máis complexo que iso, pois inclúe creatividade, orixinalidade e constancia. Require saltar, trepar, correr, rodas, balancearse e calquera movemento que requira a situación. Aos que o practican coñéceselles como traceurs e teñen que combinar forza, velocidade, axilidade, coordinación, control e creatividade. 

Nos últimos anos apareceu o parkour competitivo, de xeito que se rematou por dividir a disciplina en dúas categorías: o parkour speed, cuxo obxectivo é a velocidade; e o parkour freestyle, onde se valora a orixinalidade, habilidade e creatividade. Con todo, a maioría dos tracers non buscan chegar máis rápido aos lugares, senón simplemente pasalo ben, superarse e aprender movementos novos. O lema do parkour é 'être et durer', que deriva do lema do Método Natural, 'être forte pour être utile', que significa 'ser forte para ser útil'.

Historicamente, considérase que o parkour naceu da man de David Belle, un actor, coreógrafo e doble de risco francés. Aínda que, en verdade, David inspirouse no seu pai, Raymond Belle, un militar francés de orixe vietnamita. O pai de David adoitaba entrenar utilizando obstáculos, un tipo de entrenamento que chamaba 'parcours', inspirado nos 'parcours du combattant', a clásica carreira de obstáculos militar. David recolleu as ensinanzas do seu pai e, a finais dos 80, uniuse a outros oito mozos da cidade onde vivía: Lisses, a 40 quilómetros de París.

Ese grupo foi o xerme do parkour, unha práctica que, por ese entón, David e compañía chamaban a Arte do Desprazamento e que estaba evidentemente influenciada por Bruce Lee, Jackie Chan e as artes marciais en xeral. Nos seus comezos, este grupo xuntábase para medir as súas habilidades e forza, pero co tempo convertiuse nalgo máis. David e os seus amigos remataron elaborando unha filosofía física e mental. Buscaron acostumar os seus corpos ao rigor e prohibiron as queixas nos entrenamentos. Ademais, outro principio era a humildade e o respecto. 

ALGÚNS MOVEMENTOS BÁSICOS DO PARKOUR

No parkour non hai regras, polo que hai total liberdade de movementos, pero existen algúns que son máis comúns que outros. 

  • PASAVALLAS: Consiste en superar un obstáculo de altura moderada (como unha baranda ou unha valla), colocando unha ou dúas mans enriba, e pasando as pernas por un lateral. Existen moitas variantes do pasavallas: gato, no que se salta apoiando as dúas mans no obstáculo e pasando as pernas entre elas; reverso, que supón esquivar o obstáculo por enriba dando un xiro no que o corpo acaba mirando na dirección oposta á que comezou; rompebonecas, como o gato, pero pasando primeiro as pernas estiradas e logo apoiando as mans...
  • SALTOS DE PRECISIÓN: Os saltos son fundamentais no parkour e hainos de todo tipo, pero o salto de precisión consiste en saltar entre dous puntos estreitos, como da parte superior dun muro á dunha columna. Precísase coller carreirilla e cando os obstáculos están a diferentes alturas chámase distensión. Outros saltos son o backflip ou salto de brazo, no que ao saltar agárrase a parte alta dun obstáculo coas mans para trepar por el, case sempre co obxectivo de pasalo a continuación; e o salto de fondo, que consiste en desprazarse cara abaixo a unha ampla superficie.
  • RECEPCIÓN BÁSICA: Consiste en amortiguar a chegada dun salto. Require caer coas puntas dos pés, evitando que se apoien os talóns, mantendo os xeonllos parcialmente flexionados e as costas botadas cara diante. Deste xeito, aprovéitanse todas as articulacións para amortiguar o impacto. Tamén hai outros tipos de recepción como a rotación, útil cando a básica non se controla pola velocidade ou a altura do salto, a posición é similar pero no momento da caída hai que volterar o corpo utilizando como punto de apoio o omoplato.
  • OUTROS: A variedade a partir deses movementos básicos é enorme. Por citar algúns outros movementos estaría o grimpeo, que consiste na escalada de terrapléns, muros ou árbores; o tictac, que se serve de elementos do propio entorno para saltar obstáculos, como axudarse dun banco para poder saltar unha valla; o 180, que consiste en apoiándose nun obxecto dar un xiro de 180 graos onde se remata colgado e suxeito polas mans; e o laché, que implica que estando colgado dun obstáculo pásase a outro.

EXPOÑENTES DO PARKOUR EN GALICIA

  • MANU SANTOS: 15.300 seguidores en Instagram
  • PABLO LÓPEZ: 15.200 seguidores en Instagram
  • SERGIO 'STEEL' CORA CAMPOS: 40.300 seguidores en Instagram
  • PEDRO 'PHOSKY' LEÓN GÓMEZ: 136.000 seguidores en Instagram
  • ÓSCAR SÁNCHEZ CASTELLÓN: 25.600 seguidores en Instagram
  • RUBÉN ALONSO: 10.400 seguidores en Instagram
  • XIXO: 18.700 seguidores en Instagram
  • YERAY AYALA: 26.500 seguidores en Instagram

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta