Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/06/2024 | Actualizada ás 10:30
Un total de 43 investigadores vinculados á Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinan un manifesto, ao que se poden unir máis traballadores, para apoiar a acampada a favor do pobo palestino e reclamar o "cesamento da hostilidade" por parte do Decanato.
Ademais, este grupo defende o "respecto do dereito á protesta" e esixe "o fin da difamación" contra este colectivo que desde mediados de maio ocupa os corredores e parte das aulas de dous pisos da facultade.
E é que o decano de Xeografía e Historia, Marco V. García Quintela, mostrou nun principio o seu apoio á medida de protesta, pero co paso das semanas a relación cos acampados foise tensando. O venres, en declaracións a Europa Press, acusounos de romper "toda posibilidade de convivencia" e non descartaba que a facultade tivese que suspender toda a súa actividade.
Neste contexto, os máis de 40 investigadores condenan, a través do manifesto que promoven desde o venres, esa "vontade" do decano de que "a acampada se disolvese". "Recentemente, este último (García Quintela) valorou o posible peche da facultade apelando a deficiencias estruturais na biblioteca que son coñecidas e desatendidas desde hai décadas. A súbita preocupación decanal pola seguridade do persoal e do patrimonio do centro non pode deixar de sorprendernos, á vista de que nada se fixo tampouco por paliar os desproporcionados niveis de radón tamén presentes nel", explican os asinantes.
Este colectivo cre que un peche "sumarísimo" do edificio, "empregando argumentos de carácter técnico, orzamentario e de seguridade", o que fai é "instrumentalizar un problema preexistente" co fin de acabar coa acampada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.