Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2024 | Actualizada ás 12:03
Unha trintena de persoas arroupou este luns nos xulgados de Santiago ao home multado por esixir ser atendido en galego nun ambulatorio de Rianxo, unha sanción recorrida pola vía xudicial e que para A Mesa pola Normalización Lingüística representa un exemplo da "clara conivencia" que existe entre a Xunta e o Estado para "negar sistematicamente" o dereito a comunicarse coa adminstración na lingua propia de Galicia e "amedrentar" a quen demanda o cumprimento dos seus dereitos en materia lingüística.
Os xulgados da capital galega celebraron este luns a vista xudicial polo recurso presentado por Xosé Agrelo contra a multa de 600 euros que lle foi imposta por demandar nun centro de saúde de Rianxo que se lle atendese en galego durante un cribado de covid-19.
A sanción chega aos xulgados despois de esgotar a vía administrativa, na que a Subdelegación do Goberno alegou que a multa --xa abonada, pero que a defensa (custeada pola Mesa) pide que sexa revogada-- respondía a un asunto de "orde pública" denunciado pola Policía Local e que, por tanto, estaba desvinculado de calquera cuestión lingüística.
Antes de entrar á celebración da vista, Agrelo agradeceu o apoio das persoas convocadas pola Mesa pola Normalización Lingüística, cuxo presidente, Marcos Maceira, denunciou ante os medios que no caso de Rianxo "conflúen" a "negativa" das administracións a velar polos dereitos lingüísticos da cidadanía e a "actitude" de Xunta e Estado de "amedrentar" ás persoas "que queren usar o galego nos servizos públicos".
"DIGNIDADE"
Por unha banda, Maceira asegurou que a Xunta "aínda segue negando a través dos funcionarios o dereito a usar o galego na propia administración autonómica", ao que se suma a "clara connviencia" que, di, existe entre o Goberno galego e o central para "presionar" ás persoas que esixen "con toda a dignidade" o cumprimento das normativas que amparan o dereito de ser atendidos en galego polos funcionarios.
"Non imos consentir todo isto. Poden ir tomando nota o señor (Alfonso) Rueda, o conselleiro de Cultura e Lingua, o delegado do Goberno e o ministro do Interior", aseverou o presidente da Mesa, que subliñou o compromiso de "resposta" ante "todos os casos que haxa de represión en pleno ano 2024 polo simple feito de usar o galego".
Maceira sinalou que "recentemente" se produciu outro caso dunha persoa que "tivo un incidente" na comisaría de Polícia de Pontevedra por cuestións lingüísticas e que no mes de xullo terá lugar un xuízo pola vía penal en Ourense contra un grupo de persoas "que están acusadas de defender a normativa vixente en relación á toponimia". "Temos unha lingua propia e queremos vivir nela. Este é un dereito humano recoñecido a todos os niveis, que o Estado Español e a Xunta de Galicia deben garantir sempre e en todo lugar", concluíu Maceira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.