Unha nai e a súa filla condenadas por coaccións a unha inquilina, á que deixaron unha boneca "a modo de vudú"

A Audiencia Provincial de Pontevedra desestimou o recurso de de apelación interposto pola proxenitora.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 04/06/2024 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Pontevedra desestimou o recurso de de apelación interposto por unha nai que, do mesmo xeito que a súa filla, fora condenada polo titular do Xulgado número 3 de Cambados por un delito leve de coaccións contra unha inquilina.

Así o certifica o fallo da Audiencia emitido con data do 8 de marzo, que confirma a condena á nai a unha multa diaria de 9 euros durante tres meses --uns 270 euros--, e á filla a unha cota de 6 euros durante un mes --180 euros--.

Os feitos probados certifican que a denunciante era inquilina dun apartamento desde o mes de outubro de 2021, cuxa caseira era a muller condenada. Pero foi desde marzo de 2023, tras recibir unha carta certificada da Axencia Tributaria na que se lle requiría o pago directo á mesma por unha débeda da propietaria, cando cambiou a situación.

Desde entón, segundo recolle o documento xudicial, esta empezou a recibir "constantes visitas" da súa caseira, e chamadas telefónicas e 'whastsapp' da súa filla na que "se lle requiría de forma insistente para que abandonase o apartamento".

Así mesmo, pedíanlle que abonase unha fianza máis "por posibles danos do piso" e advertíanlle dunha subida do IPC. Mesmo lle chegaron, "a modo de vudú", a pór unha boneca de trapo preto da porta do seu apartamento "para asustala".

A AUDIENCIA CONFIRMA A SENTENZA

Tras a condena do xulgado de Cambados, a caseira recorreu co argumento de que non se cumprían os elementos do "delito de mobbing inmobiliario, non existindo o máis mínimo indicio de emprego da violencia", argumento que a Audiencia rexeita.

En fronte, enumera as "constantes visitas, cartas, conversacións por 'whatsapp' e telefónicas, ademais da boneca de trapo" para subliñar que todo iso "conforma unha presión moral suficiente para conformar a 'vis compulsiva' que a xurisprudencia do Supremo aceptou como modo comisivo dentro da modalidade da violencia coactiva, aínda que se demostra co carácter de leve, razón pola cal conforma o delito leve de coaccións e non o grave".

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta