Un galego con salario mínimo dedica máis do 13 % do seu soldo mensual a pagar o combustible

Na actualidade os galegos pagamos algo máis de 17 céntimos por litro de gasolina máis que fai dez anos e case 11 céntimos máis por litro de diésel.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/06/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

É moito o que se fala do salario que cada galego destina ao pago do aluguer da súa vivenda, pero non se fala tanto do salario que destina ao pago de combustible para poder usar o coche para ir ao seu traballo (non todo o mundo ten transporte público que o conecte co lugar de traballo), para poder ir facer compras básicas (os concellos do rural non teñen todos os servizos e hai moita xente que ten que desprazarse á cidade) ou para poder levar os fillos á escola. Dende o Galicia Confidencial preguntamos aos nosos seguidores canto se gastan eles de media en combustible e a súa resposta maioritaria foi: entre 150 e 200 euros ao mes. Poñamos polo baixo, que son 150, tendo en conta que o salario mínimo está actualmente en 1.134 euros, os galegos con salario mínimo estarían destinando a día de hoxe máis do 13 % do seu salario mensual.

Persoa enchendo combustible nunha gasolineira
Persoa enchendo combustible nunha gasolineira | Fonte: EP - Arquivo

A día de hoxe o prezo do litro de gasolina atópase nos 1,637 euros de media, mentres que o do diésel está nos 1,491 euros de media. Estamos a falar de valores elevados, pero botando a vista atrás houbo tempos (como despois do estalido da guerra de Ucraína) nos que o custe chegou a ser moi superior ao actual. Ademais, e aínda que hai moita xente que ten no recordo eses tempos nos que o litro de combustible estaba ao redor do euro, hai que dicir para ser correctos que por aquel entón (uns dez anos atrás) tamén o salario mínimo interprofesional era moi inferior ao actual. Vexamos como foron evolucionando as cousas.

 

 

 

Mangueiras de combustible nunha gasolineira
Mangueiras de combustible nunha gasolineira | Fonte: Europa Press - Arquivo

Neste ano 2024 o prezo máis alto para o litro de gasolina rexistrouse no mes de abril, con 1,678 euros; ao igual que o litro de gasóleo, que no mes de abril chegou a 1,57 euros. No que vai de xuño as medias baixaron lixeiramente, ata situarse o litro de gasolina en 1,637 euros e o de diésel en 1,491 euros. Por outra banda, o prezo máis baixo acadouse ao comezo do ano, no mes de xaneiro, cando a gasolina marcaba 1,536 euros e o diésel 1,505 euros. Tendo en conta que o prezo medio do combustible no que vai de 2024 é de 1,618 euros para a gasolina e 1,539 euros para o diésel, se un galego precisa 150 euros para o mes, significa que bota uns 93 litros de gasolina ao coche e uns 97 de gasóleo. Cun salario mínimo situado nos 1.134 euros, a porcentaxe do soldo adicada, como dixemos, a encher o depósito do coche cada mes é superior ao 13 %.

O pasado ano 2023 o primeiro mes do ano, cómpre lembrar, comezou coa gasolina máis barata que o gasóleo. O pico de ambos combustibles chegou en setembro, cando a gasolina rexistrou 1,762 euros o litro e o diésel 1,686 euros o litro. Mentres que o prezo mínimo para o litro da gasolina foi en decembro, cando se fixou en 1,57 euros o litro, o do diésel chegou xa en maio, con 1,437 euros. Nos meses de verán, como vén sendo habitual nos últimos anos, o prezo do diésel desplomouse. No conxunto do ano, o prezo medio do litro de gasolina foi de 1,57 euros (catro céntimos menos que na actualidade) e o do diésel de 1,557 euros (case dous céntimos máis que agora). Por tanto, para repostar a mesma cantidade de combustible que agora, cun coche a gasolina un galego tería que gastar 146 euros; e cun coche a diésel, 151 euros. Hai que ter en conta que o pasado ano o salario mínimo era de 1.080 euros. Nese momento cada galego con salario mínimo estaría deixándose un 13,5 % do seu soldo en gasolina ou un 14 % en diésel.

No 2022 a situación estaba aínda máis complicada que agora, de aí a necesidade de implantar as axudas á repostaxe por parte do Goberno central, que bonificaban con 0,20 euros o litro de combustible. O máis destacado dese ano é que a partir da segunda metade do mesmo, a partir do mes de agosto, o diésel estivo máis caro que a gasolina, así como durante o mes de abril. Mentres, o prezo máis baixo para ambos combustibles foi o de comezo de ano, en xaneiro, cando a gasolina estaba a 1,528 euros o litro e o diésel a 1,413 euros o litro. Pola contra, o prezo máis alto para ambos os combustibles chegou en xuño, coa frioleira de 2,159 euros o litro de gasolina e de 2,058 euros o litro de diésel. As medias de todo o ano deixaron o litro de gasolina en 1,812 euros e o de diésel en 1,821 euros. Para encher 93 litros de gasolina, polo tanto, un galego no 2022 debería deixarse 168 euros, mentres que para repostar 97 de diésel tería que deixarse 169 euros. Tendo en conta que o salario mínimo era de 1.000 euros, un galego con coche a gasolina con salario mínimo deixaríase un 16,8 % do salario, e cun coche a diésel deixaríase un 16,9 %.

No 2021 houbo unha subida dos combustibles expoñencial ao longo de todo o ano, de tal forma que o mes máis barato para gasolina e diésel foi o de xaneiro, con 1,231 euros por litro e 1,121 euros por litro, respectivamente. Pola contra, o máis caro foi novembro, con 1,534 euros o litro de gasolina e 1,407 euros o de diésel. Decembro supuxo unha excepción, pois despois de estar todo o ano á alza os combustibles, no último mes do ano estes pegaron unha baixada. Así, a media do litro de gasolina rexistrada ao longo de todo o ano 2021 foi de 1,402 euros; mentres que a media do litro de diésel foi de 1,273 euros. Para poder encher 93 litros dun coche a gasolina cada galego tería que gastar nese ano 130 euros, e para encher 97 litros dun coche a diésel tería que deixarse 123 euros. Por aquel entón o salario mínimo era de 950 euros, polo que cun salario mínimo un galego deixaría o  13,7 % do soldo en gasolina ou o 12,9 % do soldo en gasóleo.

O 2020 foi un ano de inestabilidade que arrincou xa con valores máximos en xaneiro tanto para a gasolina como para o diésel, con 1,342 euros o litro de gasolina e o 1,268 euros o litro de gasóleo. O mínimo, pola contra, rexistrouse tamén para ambos combustibles en maio, con 1,093 euros por litro de gasolina e 1,015 euros por litro de diésel. A medio para o conxunto do ano quedouse nos 1,193 euros por litro de gasolina e nos 1,096 euros por litro de diésel. Para poder botar 93 litros de gasolina un galego tería que gastar nese tempo 111 euros; e para poder botar 97 litros de diésel, deixaríase 106 euros. Cun salario mínimo fixado nos 950 euros, un galego con salario mínimo empregaria o 11,7 % do seu soldo en gasolina; e o 11,2 % en diésel.

O 2019 foi un ano inverso ao de 2020, arrincando o prezo do combustible en valores mínimos, coa gasolina a 1,224 euros por litro e o diésel a 1,185 euros por litro. Mentres que o prezo máximo chegou tanto para gasolina como para gasóleo en maio, cando se chegou aos 1,379 euros o litro e aos 1,285, respectivamente. A media do ano foi de 1,32 euros o litro de gasolina e de 1,241 euros o de diésel. Para poder repostar 93 litros de gasolina un galego tería que desembolsar case 123 euros, mentres que para repostar 97 de diésel tería que deixarse algo máis de 120 euros. Cun salario mínimo de 900 euros, un galego que cobrase o mínimo estaría destinando o 13,7 % do seu soldo a gasolina ou o 13,3 % a gasóleo.

Por outra banda, de seguro que vos estades a preguntar canto máis estamos pagando hoxe en día polo combustible que no pasado? Pois botando a vista 10 anos atrás, ata o ano 2014, cómpre sinalar que en xuño dese ano o litro de gasolina se situou nos 1,463 euros e o litro de diésel nos 1,382 euros. Se agora está o litro de gasolina nos 1,637 euros e o de gasóleo nos 1,491 euros, na actualidade os galegos pagamos algo máis de 17 céntimos por litro de gasolina máis que fai dez anos e case 11 céntimos máis por litro de diésel. Así, se por aquel entón o depósito medio dun coche de 55 litros enchíase de gasolina por 80 euros e de gasóleo por 76; agora énchese po 90 euros e por 82, respectivamente (10 euros e 6 euros máis, respectivamente).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta