Día Mundial da Seguridade Alimentaria: tes clara a diferenza entre data de caducidade e de consumo preferente?

Como elaborar conservas caseiras para preservar alimentos perecedoiros?

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 06/06/2024 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

O 7 de xuño conmemórase o Día Mundial da Seguridade Alimentaria ou da Inocuidade dos Alimentos, e ten como obxectivo crear conciencia e inspirar accións para axudar a previr, detectar e xestionar os riscos transmitidos polos alimentos. Neste artigo imos incidir nunhas cuestións do día a día, pero de suma importancia. Cantas veces che pasou iso de ir a neveira coller un iogur e ver que xa pasou data que figura de consumo preferente? Abres, oles, semella en bo estado e decides comelo. Pero e se no canto da data de consumo preferente viñera a de caducidade? Non se podería inxerir. Sobre isto realizou unha campaña a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) para divulgar e informar sobre a importancia de ter clara a diferenza entre a data de caducidade e a data de consumo preferente daqueles alimentos que inxerimos. Sostén que é común que xeren confusión, por iso fan fincapé en coñecer ben o significado.

Consumo preferente nunha etiqueta
Consumo preferente nunha etiqueta

Por un lado está a data de consumo preferente, que indica o momento ata o cal o alimento conserva a calidade prevista. Unha vez pasa a data indicada, o alimento segue sendo seguro para o consumo, sempre que o envase non estea danado e se respeten as instruccións de conservación. Porén, dende AESAN recoñecen que pode chegar a perder sabor e textura, polo que se debe comprobar antes se ten o aspecto, se ole e sabe ben. Atopamos esta data en alimentos conxelados, fariña, legumes, arroz, pasta, galletas, conservas, aceite ou mel, entre outros. Indicado mediante "Consumir preferentemente antes do...." o "antes do fin de" seguido da data. 

Por outro lado, a data de caducidade, que indica o momento ata o cal o alimento pode consumirse de forma segura, atópase en alimentos moi perecedoiros como carnes ou peixes frescos. Dende AESAN fan fincapé en non cosumir ningún alimento unha vez superada a súa data de caducidade. Indícase mediante a mención de "Data de caducidade..." seguido da data. Antes de que os alimentos caduquen, sempre está a opción de conxelado para alongar a súa conservación. Iso si, deben seguirse as instruccións de conservación e, unha vez aberto o envase, as instruccións de consumo. 

Existen alimentos nos que non figuran nin data de consumo preferente nin de caducidade. É o caso das froitas ou hortalizas frescas sen procesar; viños e ou bebidas alcohólicas; productos de panadería de consumo inmediato; sal de cociña; azucre; vinagre; lambonadas e chicles. 

COMO CONSERVAR ALIMENTOS PERECEDOIROS DE XEITO CASEIRO?

Nesta liña, AESAN noutra campaña incide na posibilidade de preservar alimentos perecedoiros e ao mesmo tempo desfrutar de alimentos de temporada durante todo o ano, a través da elaboración de conservas caseiras. Para isto, destaca a importancia de manter normas de hixiene adecuadas, tanto das propias mans como de superficies e utensilios de traballo, así como esterilizar os envase que se vaian empregar. 

Á hora de elaborar as conservas, débense seguir unhas serie de pasos: pelar, escaldar ou cociñar eses alimentos que se queren conservar; encher os tarros deixando libres uns 2-3 cm por debaixo do borde; remover o contido e colocar as tapas. No caso de alimentos acedos, como o tomate ou as froitas, pódese realizar un tratamento técnico nunha pota convencional, quetando os tarros en auga fervendo a 100 ºC durante unha ou dúas horas en función do tamaño do envase ou tipo de alimento. Porén, se son alimentos pouco acedos como carnes, peixes, verduras ou legumes, elaboraranse nunha pota a presión durante un tempo entre 20 e 60 minutos. Unha vez que os envases están fríos, almacenaranse as conservas nun lugar fresco e seco, etiquetadas co producto que conteñen e a súa data de elaboración. Sendo recomendable que se consuman no prazo dun ano.

AESAN recorda que o principal risco asociado co consumo de conservas caseiras e o botulismo, enfermidade que se produce pola inxesta de alimentos que conteñen as toxinas producidas pola bacteria Clostridium botulinum. Por iso, antes de consumir as conservas caseiras recoméndase quentalas a 80 ºC durante 10 minutos para asegurarse de destruír a toxina que puidera estar presente. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta