Sabes cal é o impacto medioambiental das enerxías fósiles e renovables en Galicia? (Parte II)

Da man da profesora e investigadora da USC Rosa Regueiro coñecemos como funciona o mercado marxinalista de fixación de prezos e tamén os límites que teñen as enerxías renovables e que moitas veces non nos contan nese interese por vendernos un mundo de cor de rosa.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nun momento no que nos venden esa idea de que a produción das renovables está aumentando e que por iso pagamos menos na factura da luz, esquécense de que iso non sempre é así. Hoxe, da man da profesora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rosa Regueiro, participante nas xornadas 'A cuestión enerxética en Galicia: entre economía, territorio e sociedade', organizadas polo Consello da Cultura Galega (CCG), coñecemos como funciona o mercado marxinalista de fixación de prezos e tamén os límites que teñen as enerxías renovables e que moitas veces non nos contan nese interese por vendernos un mundo de cor de rosa.

Aeroxeradores e paneis solares na inauguración do maior complexo de xeración de enerxías renovables de Canarias
Aeroxeradores e paneis solares na inauguración do maior complexo de xeración de enerxías renovables de Canarias | Fonte: Europa Press - Arquivo

En concreto, para Regueiro, o sistema marxinalista de fixación de prezos "é o responsable de parte dos nosos males". En primeiro lugar, afirma que chamalo marxinalista non é correcto máis aló de que "si fixa o prezo pola última unidade marxinal", pero non o é porque para que o fose "tería que cumprir a condición de que todas as tecnoloxías que participan nel fosen homoxéneas de cara a produción, e non o son". Así, por exemplo, a enerxía solar só pode producirse durante o día e cando está despexado; a eólica, cando hai condicións de vento óptimas; a hidráulica, cando os embalses teñen a capacidade mínima para producir; a nuclear, está sempre en funcionamento; e, o gas, pódese usar máis ou menos intensivamente en función da demanda programada. En conclusión, non son enerxías homoxéneas na súa produción.

Entón, como funciona este sistema de fixación do prezo? Como explica a investigadora, España ten unha particularidade especial: "quen vende a enerxía e a compra son as mesmas empresas, a enerxía cómprase a unhas empresas e véndese ás mesmas, de xeito que cásase oferta con demanda en base á estimación de consumo do día seguinte". Levándoo a termos prácticos, explica que se para o día de mañá se estima que se vai ter unha demanda de 15 quilovatios de enerxía (kW/h), as tecnoloxías xeradoras desa enerxía van entrando por orde de prioridade, priorizando as nucleares e renovables porque son as que, entre comiñas, teñen menores impactos e son máis benévolas co entorno, ademais de máis baratas. Así, se ese día en cuestión se ofertan 10 kW/h de enerxía nuclear, aínda me faltan 5 máis.

É nese momento cando entra en xogo a segunda enerxía en orde de prioridade, a enerxía solar. Neste suposto non fixo sol suficiente e non se xerou enerxía solar, polo que se pasa á eólica, que si me pode dar eses 5 kW/h que restaban. Como non fan falta máis kW/h, aí cortaría o prezo. "Entón o prezo ese día pecharía co da eólica, por iso os días que chove moito ou que hai moito vento o prezo da enerxía pode chegar a ser cero", explica Regueiro. Iso si, só cero hipoteticamente, porque logo habería que sumar cuestións como os dereitos de contaminación de emisións, que son precisamente os que fan subir moito os prezos da enerxía cando entra en xogo a súa xeración a partir de gas e carbón. "Por iso nos interesan as renovables, porque abaratan o prezo do quilowatio-hora", evidencia a profesora da USC.

"NO PROCESO DE POSTA EN MARCHA AS ENERXÍAS RENOVABLES TAMÉN TEÑEN IMPACTO, AÍNDA QUE MOITO MENOR QUE AS FÓSILES"

Renovables-parques eólicos
Renovables-parques eólicos | Fonte: EUROPA PRESS - IBERDROLA - Arquivo

Con todo, e aínda que nos interesan as enerxías renovables porque permiten aforrar custes no proceso de xeración de enerxía con respecto ás enerxías fósiles, Regueiro puntualiza que "só nolo permiten no proceso de xeración, non no proceso de posta en marcha". Así, exemplifica que á hora de construír un parque eólico empréganse cementos, máquinaria, industria... que tamén xera emisións. Por iso, "aínda que as renovables son enerxías verdes e teñen moitas vantaxes, tamén hai que saber que non son actuacións de impacto cero, aínda que si de impacto moitísimo menor que as enerxías fósiles, que non nulo". Para demostralo di que chega con preguntar ás comunidades onde se instalan eses eólicos.

Por outra banda, por que chegamos a ter enerxía eólica? Regueiro explica que todo vén da enerxía solar, que é a orixe desa produción eólica; e tamén de que unha empresa obteña resultados rendibles das medicións que fai sobre un terreo durante alo menos 5 anos, vendo que hai vento suficiente para que lle resulte rentable a explotación industrial, pois en caso de non ser así non se instalaría ningún destes parques, o importante sempre vai ser o retorno económico, o investimento só se realiza co obxectivo de obter un beneficio a cambio". E é que as empresas tamén teñen límites. Neste senso lembra todo o que pasou entre os anos 2008 e 2018, nos que non se levaron a cabo plantas fotovoltaicas porque as empresas promotoras non dispoñían de capital suficiente. Segundo os últimos datos, a grosso modo, a instalación dun megawatio pode rondar o millón de euros.

Ademais deses límites económicos, tamén hai límites técnicos, que "non só dependen da velocidade de desenvolvemento da tecnoloxía, senón tamén da xeración de recursos críticos, recursos precisos para poder fabricar os compoñentes dos aeroxeradores, como o rubidio". "Canta menos oferta deses recursos críticos máis vai subir o prezo e unha placa solar vai ser máis cara de instalar, ou un aeroxerador, neste caso", explica Regueiro. Por outra banda, explica que todos estes parques nos que se xerarán enerxías teñen un impacto innegable sobre as comunidades locais nas que se asentan: "Non só cambian o entorno, senón que tamén afectan á actividade económica cotiá dos veciños que facían uso das terras e, aínda que no caso da eólica sempre se di que se instala en montes sen actividade, o certo é que o monte xa ten o seu propio valor". E en non poucas ocasións tamén se sitúan aeroxeradores a menos distancia da que deben das casas. Regueiro tamén chama a ter en conta que a día de hoxe os aeroxeradores non son como eran no 2008, son "máis altos, máis anchos, máis potentes, con maiores dimensións... e polo tanto tamén teñen maior impacto". E tampouco se debe esquecer o impacto visual. 

"OS RECURSOS RENOVABLES SEGUEN SENDO LIMITADOS, O QUE PASA É QUE SE VAN REPOÑENDO A MEDIDA QUE SE ESGOTA O 'STOCK' E QUE SE CONSUMEN"

De cara a 2050, con ese obxectivo de lograr as cero emisións, as hidroeléctricas xogarán un importante papel. Pero, como evidencia a profesora, "a produción dos embalses tamén vai depender do cambio climático, e se non temos un réxime de chuvias máis ou menos constante ou óptimo, esa auga non chegará para xerar suficiente produción de enerxía dende os embalses". Por outra banda estaría a enerxía nuclear, que non é renovable como tal, senón química. "Ao falar de recursos renovables moitas veces cremos que todo é renovable, e iso non é exactamente así", reflexiona a investigadora, que asegura que "os recursos renovables seguen sendo limitados, o que pasa é que se van repoñendo a medida que se esgota o 'stock', a medida que se consumen". Así, diferencia entre recursos continuos, que son os que non se esgotarán nunca mentres haxa enerxía solar; e a biomasa, que é renovable en sentido estrito, porque si que se pode esgotar se a consumimos a un ritmo máis intenso do que se rexenera.

Regueiro tamén chama a atención sobre o termo 'trampa de enerxía', que "quere dicir que é moi importante ter en conta as reservas de materias primas críticas para poder levar a cabo esa transición ecolóxica". Para poder instalar parques eólicos ou plantas fotovoltaicas ou mixtas na cantidade demandada temos que saber que vamos dispoñer de materiais críticos suficientes e tamén como se levará a cabo o seu proceso de extracción. Neste sentido, advirte de que "xa a propia Axencia Internacional de Enerxía demostrou nos seus informes que a medida que estamos extraendo máis deses materiais para facer máis instalacións renovables, estamos ao mesmo tempo queimando máis enerxías fósiles para poder realizar esa extracción, o cal é perxudicial, algo estamos facendo mal". Por iso, Regueiro está convencida de que "si que temos que apostar polas renovables, pero ao mellor dunha maneira diferente a como o estamos a facer na actualidade, menos intensiva, botando man, por exemplo, da economía circular".

"HAI RECURSOS QUE NON SE RENOVAN Á VELOCIDADE QUE NOS GUSTARÍA: A PREVISIÓN PARA 2030 E 2050 É QUE O PREZO DAS MATERIAS PRIMAS SIGA SUBINDO"

Como mostra desa economía circular contrapón o sucedido na pandemia con Stellantis, que tivo que parar a fabricación de vehículos por falta de microchips, co que están facendo agora outras empresas como Mercedes ou Toyota, que "ademais de retirar do mercado determinados modelos de coches a non ser que o cliente os pida expresamente, buscan no mercado de segunda man eses elementos dos microchips que precisan para fabricar novos coches, porque xa lles sae moi caro ou lles é moi tarde ilos buscar ao mercado de primeira man". Por iso hai que ter sempre en conta o límite físico, porque "o planeta é finito, e a disposición de determinados recursos tamén o é, non se renovan á velocidade que nos gustaría ou, directamente, hai algúns que acabaran esgotándose nalgúns casos e non se poderán volver reproducir". Ante esta situación, e se se estrangula esa oferta, "o que vai pasar é que van aumentar os prezos das materias primas críticas".

E iso é algo que non semella estar moi lonxe, tendo en conta que xa no ano 2021 o prezo do litio, cobalto, níquel ou aluminio aumentou dende o 25 % ao 40 %, dependendo do material. Por iso, Regueiro invita a pensar "como se levan a cabo as extraccións deses recursos, onde están (neste punto fai referencia ao neocolonialismo, pois a maior parte destes materiais están sendo saqueados de países menos desenvolvidos, replicando prácticas doutras épocas, sacándolles os recursos e deixándoos cos impactos dese proceso de extracción)". Hoxe por hoxe a previsión que se manexa ata 2030 ou ata 2050 é que os prezos destes recursos, tanto do cobre como das siliconas, materiais raros, litio e aluminio, sigan subindo, e iso é "fundamentalmente pola súa escaseza".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

A quem importa! Merece a pena desfazer Galiza para fornecer de eletricidade e industrializar Madrid. Para os galeg@s já tenhem umha política económica: Saqueio do País e a Emigraçom. Vivam os votantes do PP!