GC Aberto

Altri en Palas de Rei: unha fábrica de ecoloxistas?

Artigo de Xerardo Pereiro, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). Doutor en Antropoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela – Doutor en Turismo pola Universidade de La Laguna- Agregado en Antropoloxía polo ISCTE – Instituto Universitario de Lisboa – Agregado en Turismo, Património e Território pola Universidade de Coimbra.

Por admin | Porto | 06/06/2024

Comparte esta noticia

Neste texto defendo a idea segundo a cal o proxecto GAMA promovido por GREENFIBER (ALTRI e GREENALIA) na Vacariza (Palas de Rei) 1, está a provocar cada vez máis a conversión de máis persoas ao ecoloxismo e polo tanto podemos considerar que ela é unha fábrica de ecoloxistas. Estes ecoloxistas poden ser cualificados como ecoloxistas populares, na terminoloxía do economista Joan Martínez Alier (1992), quen afirmou xa hai bastante tempo que as loitas sociais polos recursos naturais e ambientais presentan conflitos entre ecoloxía e economía nos cales se manifestan intereses, percepcións, discursos, prácticas sociais, enganos, divisións sociais, rebelións e resistencias como a que estamos a vivir nas comunidades da conca do río Ulla, afectadas por esta macrocelulosa. O proxecto GAMA está a provocar unha crise de consciencia en diversos subgrupos sociais, facendo que moitas persoas se convertan ao ecoloxismo popular, adoptando diversas formas e expresións simbólicas, non sen defectos, virtudes e contradicións.   

Miles de persoas protestan durante unha manifestación contra a empresa de celulosa Altri en Palas de Rei, Lugo,
Miles de persoas protestan durante unha manifestación contra a empresa de celulosa Altri en Palas de Rei, Lugo, | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

O ecoloxismo das comarcas do Ulla é un novo ecoloxismo popular de clases medias, nunha alianza entre camadas, rurais, rurbanas e urbanas, a prol da defensa do medio ambiente e do patrimonio natural e cultural como sinais da súa identidade colectiva. A súa é unha loita emocional, afectiva e sentimental, pero tamén racional e científica pola defensa da súa terra e os seus recursos, e pola construción dunha modernidade alternativa, unha vida e un futuro dignos, e unha redistribución máis xusta da riqueza. O ecoloxismo popular anti-ALTRI, e tamén o patrimonialismo, está organizado como un movemento social activista que cuestiona a desigualdade enorme e inxusta entre a macroempresa ALTRI e os pequenos e medios propietarios e empresarios das comunidades afectadas. A linguaxe destes ecoloxistas populares vai máis alén da antiga ecoloxía da pobreza e da supervivencia de antano (ex. as mulleres CHIPKO da India defenderon as súas árbores das celulosas), para asumir unha nova linguaxe científica que mostra a grande mudanza das nosas sociedades. Ao mesmo tempo interpretan coa racionalidade científica popularizada un proxecto que incumpre 8 directivas da Unión Europea e que presentou unha solicitude de AAI (autorización de impacto ambiental) e de EIA (estudo de impacto ambiental) inconsistente e pseudocientífica (cf. Pereiro, 2024a; 2024b). 

Neste sentido hai que entender as reaccións sociais comunitarias nas súas lóxicas sociais, culturais, económicas e políticas. A manifestación do pasado domingo día 26 de maio de 2024 celebrada na vila de Palas de Rei, máis alén dos números, o que pon de manifesto é algúns significados desta loita social destes ecoloxistas populares. En primeiro lugar a loita pola supervivencia e a calidade de vida; en segundo lugar a defensa de un ar, auga, enerxía e terra limpos; en terceiro lugar reivindican espazos para vivir dignamente, sen contaminación, sen ruídos, sen fumes, sen ecocidios, nin patrimonicidios que leven a un loito comunitario eterno e a un lamento agónico; en cuarto lugar defenden unha economía de produción ecolóxica da cal as comarcas do Ulla teñen magníficos exemplos (Granxa Maruxa, Arqueixal, Pazo Vilane, Milhulloa, A Cernada, etc. etc.); en quinto lugar os ecoloxistas populares van máis alén dos abusos e excesos da racionalidade mercantil capitalista dominante, e defenden a racionalidade da conservación da natureza de acordo con usos económicos e sociais sostibles, éticos e responsables. 

Fronte ao ecoloxismo tecnocrático de despacho, o greenwashing (lavado de cara, maquillaxe...), o lobysmo,  e o ecoloxicinismo da empresa GREENFIBER-ALTRI (ver Publireportaxe sen suporte científico algún e contrariando o solicitado na AAI, en varios xornais galegos do domingo 19 de maio de 2024), que pretenden crear beneficios privados con recursos públicos e comunitarios (ex. 250 millóns de Euros de subvención pública do PERTE de descarbonización), asumindo o público o custo das externalidades e internalidades negativas2. Os ecoloxistas populares de comarcas como A Ulloa recusan degradar a paisaxe cultural do Camiño Francés de Santiago (1º itinerario cultural europeo do Consello de Europa e patrimonio mundial UNESCO), e valoran a articulación responsable entre economía e ecoloxía. O proxecto GAMA de GREENFIBER e os seus apoios políticos, que sen dúbida non analizaron profundamente a solicitude de AAI e o EIA, senón que falan de ouvidas, deixaranse convencer e manipular, e son interese de parte en vez de ser árbitros e reguladores, asumen a ideoloxía do crecemento económico ilimitado e a eucaliptización masiva da paisaxe galega. Esta ideoloxía do noso tempo (antropoceno) é desenvolvida sen límites e a custa de degradar o ambiente, depredar e desposuír de recursos naturais e culturais no territorio galego, esenciais para os planes de vida da Galiza e dos galegos (ex. os camiños de peregrinación a Santiago de Compostela). 

Pero os riscos dese ecoloxicinismo de ALTRI presentan bastantes problemas, o primeiro é que as comunidades locais están tomando consciencia do verdadeiro problema que se lles ven enriba, autoorganízanse, resisten, únense e loitan sen ser satélites de ninguén. É dicir, volta a reforzarse un sentido comunitario amplo. O segundo problema é que a afectación aos camiños xacobeos está sendo investigada polo ICOMOS e a UNESCO, entre outros organismos internacionais, algo que pode levar a sancións públicas graves, inclusive a que a UNESCO nos retire a súa clasificación como patrimonio mundial, no caso de non se corrixir ou paliar a afectación estética, visual, sonora, ética e paisaxística negativa do proxecto. Moi sinceramente, creo que non vale a pena correr ese risco e que debemos protexer o noso “petróleo cultural” xacobeo, que representa unha economía cultural básica hoxe na economía galega e na vida presente e futura de moitas comunidades.   

Imaxe de Altri
Imaxe de Altri | Fonte: Podemos - Arquivo

Considero que a desmedida ambición “altriana” será a súa perdición, porque non vale ser os mellores do mundo en todo, hai que parecer ser os mellores para o mundo, e o proxecto ALTRI nin é nin o parece, basta escoitar aos ex-enxeñeiros de ALTRI en Portugal, ou comprobar as contradicións do que piden formalmente e oficialmente na AAI e no EIA á administración pública galega e española (cf. Pereiro, 2024a; 2024b; Pereiro, Carreño e González Rodríguez, 2024), e o que publicitan como propaganda na súa páxina web, artigos xornalísticos pagados e publireportaxes pagadas. Lonxe de enviar cartas de amor á natureza, GREENFIBER-ALTRI envía na solicitude de AAI do proxecto GAMA cartas de desamor e desasosego que son moi preocupantes. A súa é unha demanda de divorcio coa natureza, os sociosistemas e os patrimonios cultur-naturais, querendo e aspirando a unha custodia monoparental dos mesmos e unha apropiación sen transacción e baixa compensación.   

O proxecto GAMA de ALTRI é un ensaio sobre a cegueira, que a diferenza de José Saramago, nunca chegará a ser premio Nobel. Ademais das súas potenciais emisións contaminantes sobre a auga do río Ulla e o ar3, vexamos un exemplo moi concreto disto. ALTRI propón crear un cinto verde con árbores para tapar o seu skyline (liña do horizonte) de edificacións entre 50 e 75 metros de altura (chemineas, edificios, etc.), nunha zona serpentinítica ultrabásica (con moito níquel, cadmio, etc... e adxunta a unha zona de Rede Natura) que restrinxe enormemente o crecemento de especies forestais. Polo tanto esa proposta de exercicio esteticista e maquillador do “cinto verde” non está baseado nun coñecemento científico serio e rigoroso, que nin sequera ten analizado todos os puntos de observación críticos. O activismo empresarial e mediático radical de ALTRI-GREENFIBER empezou por aproximarse dos líderes políticos das comunidades locais dunha forma paternalista e como salvadores de unha patria que menosprezaron e chamaron de “pobre” e “deprimida”, e enmascarados de ecoloxistas, verdes e doadores de emprego. Pero co tempo acabaron mostrando a súa verdadeira faciana: uns neocolonizadores do rural galego, que non entenden nin aprecian.

Os efectos de un proxecto de macrocelulosa como o do GAMA poden ser económicos, sociais, culturais e ambientais, pero tamén directos, indirectos ou inducidos, positivos ou negativos, materiais ou inmateriais, obxectivados ou subxectivados. Dito dunha forma coloquial: raramente hai almorzos gratis... Os efectos de obras e infraestruturas como esta teñen tres momentos: antes, durante e despois da súa construción. Sen embargo os efectos do proxecto GAMA xa se iniciaron desde o seu anuncio público e non son nada positivos, xerando un conflito socioambiental e cultural que durará anos e que provocará feridas e afectación á saúde mental dos habitantes das zonas afectadas, pola mala planificación do proxecto e a súa mala comunicación e xestión. Neste sentido xa notamos hoxe nas comunidades afectadas situacións e síntomas de estrés, malestar emocional, ansiedade, cansazo, inseguridade e incerteza fronte ao futuro. Polo tanto e en síntese, o proxecto GAMA está a crear ecoloxistas populares que resisten como comunidade de práctica, pero tamén está a producir unha crise de identidade verbalizada individualmente e expresa colectiva e comunitariamente en diferentes ámbitos observados e observables empiricamente. Esa crise de identidade terá un custo social moi caro, porque se ben xa enterramos (mellor dito sementamos) aos nosos avós, algúns xa enterraron os seus pais, o proxecto GAMA pretende que enterremos tamén os nosos fillos, algo que sería imperdoable e que non podemos tolerar en nome da xustiza social ambiental, o respecto pola biodiversidade e a diversidade cultural humana. 

NOTAS:

1. Ver : https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240304/AnuncioG0692-200224-0017_gl.pdf      ANUNCIO do 20 de febreiro de 2024, a Secretaría Xeral de Industria, (CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN) - ANUNCIO do 20 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral de Industria, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA), a declaración de utilidade pública e o proxecto para a implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas, promovido por Greenfiber, S.L. e declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de decembro de 2022, que se vai implantar no concello de Palas de Rei (DOGA nº 45, de 4 de marzo de 2024, pp. 16837-16896). Ver proxecto e informe de impacto ambiental en: https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/proxectos-industriais-estratexicos?content=expediente_0005.html&fbclid=IwAR3f14YXzsksBS2ckfjJP24-04lbqlMaMjW8jdp06TRUsClgEGhQ6iLOi1Y_aem_AW7mRU7AVfy-VX8R1NPTrRzQgn7op1nWMOLgMhATsKNuIxnF1VEklQ9JTRNem4KS2djJoH2nZZ6kNWeTvetcAfey 

 

2. No punto 5 da solicitude de AAI (“PRODUCTOS GENERADOS Y CARACTERÍSTICAS”) e na páxina 116 detállanse os produtos: 

a) Pasta de celulosa soluble (250.000 toneladas na primeira fase, 400.000 toneladas na segunda fase). 

b) Fibras de lyocell (fibra téxtil) (60.000 toneladas na primeira fase,  200.000 toneladas, na segunda fase). 

c) Biomasa (31.500 toneladas/ano).  

d) Xeso (13.000 toneladas/ano).

É aquí que se cae nunha contradición de discurso, pois xa non estamos só a producir fibra téxtil. E o paradoxal é que ao longo do EIA non hai un estudo serio do uso e comercialización da biomasa e do xeso. Por outro lado, o texto é neste punto especulativo, imaxinativo e prospectivo, pero pouco realista e científico, sen fundamentación científica, comercial ou social da necesidade deses produtos. Consideramos crítico a falta dunha análise máis exhaustiva das alternativas de produción dos produtos derivados da celulosa e a súa contextualización no mercado e nas necesidades sociais (ex. na construción, ver:  https://www.isocell.com/en/product/zellulose ). Falta aquí unha xustificación de necesidade social e de estudio de mercado, pero tamén unha garantía ou compromiso de que as vendas de celulosa soluble serán no mercado ibérico de proximidade e non na exportación, algo que sospeitamos vai suceder pola experiencia e práctica en Portugal desta empresa. A exportación converte o proxecto en menos sustentable aínda. 

 

3. Nos anexos da solicitude de AAI hai unha análise de afectación SEVESO feito pola empresa DEKRA de consultaría ambiental, transición enerxética, control ambiental e enerxías renovables (ver: https://www.dekra.es/es/home/ ). Na súa análise quero destacar algúns aspectos importantes e críticos para o proxecto ALTRI en Palas de Rei: 

a)Recoñece riscos para a saúde e o medio ambiente por emisións de metanol, gasóleo, gas natural, hiploclórito sódico e GLP (propano) tanto na fase 1 como na 2 do proxecto. 

 

Referencias bibliográficas

-MARTÍNEZ ALIER, Joan (1992): De la Economía Ecológica al Ecologísmo Popular. Barcelona: Icaria. 

-PEREIRO, Xerardo; CARREÑO, Sara e GONZÁLEZ RODRÍGUEZ, Silvia (2024): Brief report about GAMA project for the implementation of a “macro cellulose” faciliy in Palas de Rei (Lugo, Galicia, Spain) near to the French Way of Santiago de Compostela. For World Heritage Center of UNESCO. Online em: https://xerardo2014.wixsite.com/xerardopereiro/post/brief-report-about-gama-project-for-the-implementation-of-a-macro-cellulose-in-palas-de-rei-lugo 

-PEREIRO, Xerardo (2024a): Análise da solicitude de AAI (autorización ambiental integrada) e do EIA (estudo de impacto ambiental) do proxecto “GAMA” promovido por GREENFIBER S.L. (grupo ALTRI) en Palas de Rei. Online em: https://xerardo2014.wixsite.com/xerardopereiro/post/an%C3%A1lise-da-solicitude-de-aai-autorizaci%C3%B3n-ambiental-integrada-e-do-eia-estudo-de-impacto-ambienta 

-PEREIRO, Xerardo (2024b): Análise dos criterios PERTE do proxecto “GAMA” de GREENFIBER SL (ALTRI) en Palas de Rei. Online em: https://xerardo2014.wixsite.com/xerardopereiro/post/an%C3%A1lise-dos-criterios-perte-do-proxecto-gama-de-greenfiber-sl-altri-en-palas-de-rei 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta