Rueda, sen pecharse a vías que dean "estabilidade" a Ourense, dúbida da proposta de moción do PSOE

Afirmou que non lle consta unha contestación "firme ou consistente" do BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2024 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, afirmou este venres que, aínda que os populares non se pechan "en banda" a nada que contribúa a dar "estabilidade" en Ourense, ten dúbidas sobre a "seriedade" da proposta de negociar unha moción de censura que permitise apartar da Alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome que puxo sobre a mesa a semana pasada o PSOE de Ourense.

Aínda que foron os populares os que finalmente acabaron asinando un pacto con Jácome que garantía a este seguir como alcalde e aos populares manter o poder na Deputación, Rueda defendeu que o PP local tratou de falar co PSOE e co BNG ourensáns antes da constitución das corporacións locais un ano atrás.

"Non tivemos outra resposta que a de decatarnos, hai testemuños gráficos, de que membros do PSOE estaban a negociar en aparcadoiros co alcalde de Ourense", esgrimiu, antes de manifestar que, ante esa situación, faille "un pouco de graza" que agora, "nun especial mal momento do PSOE en Ourense, lancen esta proposta".

A continuación, afirmou que non lle consta unha contestación "firme ou consistente" do BNG, polo que manifestou a súa convicción de que non conduce "a ningunha parte" andar "respondendo ou tomándose en serio" determinadas propostas.

"Todo o que sexa mellorar a estabilidade, que francamente é mellorable en Ourense, pois non nos pechamos en banda, pero que se lance unha proposta sen ningún seguimento polo mesmo partido que hai un ano estaba a negociar con quen agora é alcalde, non creo que con iso se poida avanzar moito. Non vexo moita novidade con respecto á situación de hai un ano", resolveu.

Rueda, durante a visita ás obras da 'Cidade de San Caetano'.. DAVID CABEZON @ XUNTA
Rueda, durante a visita ás obras da 'Cidade de San Caetano'.. DAVID CABEZON @ XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta