Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 12/06/2024 | Actualizada ás 18:15
Decenas de barcos do sector bateeiro concentráronse este mércores na canle da ría de Arousa para mostrar a súa repulsa contra a fábrica de fibras téxtiles que a multinacional portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei. A protesta, convocada pola Plataforma en Defensa da Ría e Arousa (PDRA) e A Ulloa Viva, comezou ás 17.30 horas cando as embarcacións acudiron a recibir ao buque 'Arctic Sunrise' de Greenpeace.
Unha vez á entrada da canle, entre os asubíos das demais embarcacións, o buque de Greenpeace despregou unha gran pancarta na que se puido ler 'Defende o mar' e polo lado de estribor: 'Altri non'. Ademais, varios barcos portaron pancartas cos lemas 'Non á celulosa, si á ría de Arousa' e 'Todos a Santiago o domingo 30 de xuño, Altri non' (en referencia á manifestación que terá lugar en San Caetano). Os barcos que acudiron á protesta, entre os que se puideron ver planadoras pertencentes ao sector marisqueiro e outras recreativas, acompañaron ao buque ata a entrada no peirao do Ramal, en Vilagarcía de Arousa.
CONTRA ALTRI POR MAR E TERRA
Tamén, está previsto que ás 19.00 horas desta xornada se celebre unha concentración en terra no peirao do Ramal en Vilagarcía de Arousa. Esta acción reivindicativa vén seguida dunha multitudinaria marcha celebra en Palas de Rei o pasado 26 de maio e ademais para o domingo, 30 de xuño, rodearán a sede da Xunta, en San Caetano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.