O BNG insiste sobre o escano en Europa: "quede como quede é 100% galego"

Ana Miranda non aclara a repartición do seu escano en Bruxelas, pero di que traballará para Galicia: "Nunca asesorei a ninguén".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 14/06/2024 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, non aclarou aínda a repartición de tempos do seu escano en Bruxelas, que compartirá con Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), pero reivindicou que "traballará por Galicia cinco anos" na capital comunitaria: "Nunca asesorei a ninguén".

Así o sinalou nun almorzo informativo con medios de comunicación da área de Vigo, no marco dunha campaña para percorrer Galicia nos próximos meses e coñecer as necesidades dos distintos pobos galegos e tamén mostrar as ideas dos nacionalistas para levar a cabo na eurocámara.

Neste contexto, Miranda celebrou os resultados electorais do BNG, subliñando o traballo feito pola súa formación antes da campaña, durante a mesma e o últimos cinco anos que pasou en Bruxelas. Ademais, agradeceu o apoio dos galegos e, en especial, dos vigueses. Con todo, unha das preguntas que máis interese suscitou por parte dos xornalistas era se xa sabía como quedará a repartición de tempos do seu escano en Europa, para a cal aínda non teñen resposta desde o BNG, xa que cabe esperar ao reconto final dos votos.

Precisamente sobre este asunto tamén falou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. En rolda de prensa en Santiago, a preguntas dos medios sobre cando se coñecerá o tempo que se repartirán BNG e ERC do escano en Europa, respondeu: "Cando teñamos os datos definitivos, creo que entre hoxe e o día 17, o luns".

A pesar de todo, Ana Miranda puxo en valor que, quede como quede, o escano é 100% galego, porque ao ir en coalición, pode presentar iniciativas a través dos outros eurodeputados que a substitúan. Así mesmo, dixo que traballará sempre polos intereses de Galicia.

"NUNCA ASESOREI A NINGUÉN"

"Nunca asesorei a ninguén. Quéroo dicir claro porque o PP alimentou moito esa cuestión. Nós temos unha repartición do escano no que cada forza traballa para si e iso foi así sempre. Eu só asesorei ao pobo galego e ao BNG e ao revés. Eu era a representante do BNG alí, ás veces con escano e ás veces sen el", engadiu.

Sobre a situación vivida na noite electoral, cando moitos deron por feito que o BNG tería escano propio durante os cinco anos, ela dixo que o BNG sempre explicou que era unha candidatura 100% galega, pero que ía en coalición "e todo o mundo sabíao". Respecto diso, insistiu en que en función dos votos sempre se repartiron o escano, como nas pasadas lexislaturas cando o resto de partidos lle cederon a ela o posto os últimos anos de mandato.

Miranda aproveitou para lamentar os "ataques" que sufriu nos últimos meses por parte do PP, chegando a asegurar que ela conta cun dossier "moi grande" de accións que levaron a cabo os 'populares' que non pensa sacar á luz, a pesar de que, ao seu xuízo, podería denuncialos por "infamias". "Pero seguramente non o faga, porque non fago política como eles", subliñou.

Ana Miranda e Xabier Pérez Igrexas en Vigo
Ana Miranda e Xabier Pérez Igrexas en Vigo | Fonte: PEDRO DAVILA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 José Manuel Souto Lamas

Adiante o nacionalismo. O verdadeiro goberno galego.

1 Gamela

Cando alguén quere OCULTAR algo, seica cae antes un mentiroso ca un coxo...? Asistente Parlamentaria dende xullo 2029 ~ agosto 2022 = 3752 € ao mes = https://www.europarl.europa.eu/erpl... O culebrón vai camiño de aburrir a tódolos votantes de Agora Repúblicas da Cunquiña !