A alcaldesa da Coruña reestrutura o goberno local: cada concellería terá asignado un barrio

Os cambios tamén implicarán a supresión dos coordinadores de área, ao cargo dos que estaban os tenentes de alcaldesa José Manuel Lage, Yoya Neira e Gonzalo Castro.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 17/06/2024 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

A rexedora da Coruña, a socialista Inés Rey, anunciou unha reestruturación do goberno local, con cambios que implicarán a supresión dos coordinadores de área, ao cargo dos que estaban os tenentes de alcaldesa José Manuel Lage, Yoya Neira e Gonzalo Castro. Ademais, asignaranse edís de barrio.

Cos cambios introducidos, José Manuel Lage, que ata agora tiña tamén Planificación Urbana, estará á fronte da Concellaría de Economía e Planificación Estratéxica. Como viceportavoz e concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, estará Nereida Canosa, mentres que Yoya Neira, que ata agora tiña esta área, asumirá Medio Ambiente. Gonzalo Castro estará á fronte da concellaría de Cultura e Turismo.

En rolda de prensa, Inés Rey asegurou que esta nova estrutura busca "conseguir unha maior eficiencia e a resolución de problemas" e unha "maior proximidade" aos barrios. Por iso, cada concellaría, ademais das súas competencias de xestión, terá "asignado un distrito", aínda que as competencias de barrio recaian na rexedora. Os proxectos que impliquen a varias áreas serán coordinadas pola alcaldía.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, informa da reestruturación no goberno local
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, informa da reestruturación no goberno local | Fonte: ANDY PÉREZ

Sobre o modelo existente ata agora, dixo que se fixo porque se necesitaba, ao seu xuízo, "marcar unha estrutura en base aos tres eixos nos que tiña que centrarse a xestión do goberno", pero apostilou que, tras un ano de coñecemento por parte dos edís das súas respectivas áreas, cambian as prioridades. "É a mellor estrutura para afrontar esta parte do mandato", sentenciou a alcaldesa, quen asegurou, sobre os cambios, que todos os concelleiros e concelleiros "teñen coñecemento da acción do goberno".

NOVO REPARTO DE COMPETENCIA E BARRIOS

  • Concellaría de Economía e Planificación Estratéxica, distrito 8 (Os Castros, As Xubias e Oza): José Manuel Lage. Portavoz e coordinador de proxectos estratéxicos.
  • Concellaría de Benestar Social, Participación e Igualdade, distrito 6 (Agra do Orzán): Nereida Canosa. Viceportavoz do goberno.
  • Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade, distrito 5 (Ciudad Escolar, Labañou, Riazor e Os Rosais): Noemi Diaz.
  • Concellaría de Medio Ambiente, distrito 1 (Cidade Vella e Pescadería): Yoya Neira.
  • Concellaría de Cultura e Turismo, distrito 2 (Monte Alto): Gonzalo Castro.
  • Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, distrito 3 (Ensanche): Fran Díaz.
  • Concellaría de Deportes, distrito 10 (Visma, A Silva, A Grela e Ventorrillo): Manuel Vázquez.
  • Concellaría de Emprego, Comercio e Mercados, distrito 7 (A Gaiteira, Elviña, Castrillón e Eirís): Diana Cabanas.
  • Concellaría de Educación e Innovación Tecnolóxica, distrito 9 (Feáns, Mesoiro, Novo Mesoiro e A Zapateira): Juan Ignacio Borrego.
  • Concellaría de Seguridade Cidadá e Interior, distrito 4 (Os Mallos, Santa Margarita e Sagrada Familia): Montserrat Paz.

O BNG VE A REMODELACIÓN O "RECOÑECEMENTO" DUN MODELO "INEFICAZ"

O portavoz do grupo municipal do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, considera que a remodelación do goberno local da Coruña, anunciada este luns pola rexedora, Inés Rey, supón un "recoñecemento" a un modelo "ineficaz". "O recoñecemento de que a estrutura coa que o goberno coruñés empezou este mandato, con tres macro-áreas e concelleiras de primeira e concelleiras de segunda, non funcionaba e estaba a conducir á ineficacia e a parálise na xestión municipal", sostén. Ademais, afirma que "xa desde o principio de mandato, o BNG criticou esta estrutura por concentrar as principais decisións en moi poucas mans".

Asegura tamén que iso "restaba axilidade" e engade que hai unha "clara contradición" entre facer unha lectura "triunfalista" deste primeiro ano do segundo mandato de Inés Rey a "anunciar unha remodelación profunda do goberno local, con alteración non só dunha estrutura de goberno senón tamén coa redistribución de competencias". En canto aos cambios, Jorquera resalta como "significativa" a retirada de competencias ao portavoz do goberno local, José Manuel Lage, de Planificación Urbana e alude ás "irregularidades" tras denuncias "na tramitación dun inmoble da súa propiedade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta