Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2024 | Actualizada ás 14:39
O Goberno galego aprobou na súa reunión semanal deste luns a relación dos condecorados coa Medalla Castelao correspondente á súa edición de 2024, entre os que se atopan a Asociación de Médicos Galegos (Asomega) e o grupo de 'pandereteiras' Leilía.
Tamén foron recoñecidos o empresario natural de Chantada Amancio López Seijas, fundador e presidente do grupo Hotusa; así como o xogador de squash compostelán Borja Golán e a viguesa Maite Illa, presidenta da Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Sahara (CEAS-Sahara).
A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil que concede a Xunta e que recoñece a achega profesional e persoal de personalidades ou institucións polo seu traballo no ámbito artístico, literario, intelectual ou en calquera campo significativo para Galicia. Este galardón entrégase cada ano o 28 de xuño, para conmemorar o retorno a Galicia dos restos do intelectual galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.