Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/06/2024 | Actualizada ás 17:32
Intelixencia artificial no Servizo Público de Emprego de Galicia. Esa é a nova liña da Xunta para intensificar a busca activa de emprego co obxectivo de “poder facer o perfilado competencial de máis de 70.000 persoas nun ano” e mellorar as súas oportunidades e inserción laboral.
O obxectivo é casar oferta con demanda no ámbito laboral para poder cubrir “os 15.000 postos de traballo que hai vacantes en Galicia”. Así o anunciou o presidente galego, Alfonso Rueda, quen tamén alertou que o seu goberno tomará medidas contra aqueles demandantes de empreto que rexeiten as ofertas que se lles buscan.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda lembrou que a Xunta está a levar a cabo “a implantación progresiva de ferramentas con intelixencia artificial para mellorar os servizos públicos”. A medida hoxe aprobada enmárcarse na modernización que se está levando a cabo do Servizo Público de Emprego e permite incorporar datos de calidade á ferramenta software EMi, dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia para casar oferta e demanda laboral en tempo real mediante intelixencia artificial. “Somos a primeira comunidade en contar cunha ferramenta” deste tipo, engadiu o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González.
Así, a Xunta busca avanzar na súa aposta para detectar mellor as competencias que se deben traballar e “para facilitar aos orientadores laborais a toma de decisións”, indicou Rueda, co fin de aumentar a empregabilidade das persoas usuarias.
ADVERTENCIAS
Con todo, Rueda tamén advertiu que a Xunta pode expulsar das listas de emprego a aquelas persoas que rexeiten reiteradamente ofertas de traballo. "Esta ferramenta deixa menos dúbidas a este respecto", apuntou. "E se volven rexeitar pois non podemos estar con estas persoas indefinidamente nas listas de emprego", engadiu.
De feito, o presidente galego lembrou que xa houbo xente que a Xunta xa actou con algunha xente cuxo interesa era "só estar nestas listas" pero non para atopar traballo. "E estar aquí non pode ser un fin en si mesmo senon para atopar traballo", sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.