Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/06/2024 | Actualizada ás 19:48
O Goberno repartirá este 2024 máis de 783 millóns de euros (783.197.420) para financiar o sistema de atención a dependencia, segundo anunciaron este luns desde o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030. Trátase da mesma cantidade de diñeiro que o ano pasado debido á falta de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2024, segundo confirmaron a Europa Press fontes deste departemento. No entanto, o ministerio lembra que se trata da "cifra máis alta da historia" nesta área.
O anuncio fíxose no Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, que se celebrou este luns en Madrid, e no que se abordou tamén a próxima reforma da Lei de Dependencia e da Lei de Discapacidade, así como a xestión dos cartóns moedeiro. O encontro contou coa participación de todos os gobernos autonómicos, e estivo presidida polo ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy e pola secretaria de Estado de Dereitos Sociais, Rosa Martínez.
Neste sentido, Bustinduy sinalou que o obxectivo de repartir máis de 783 millóns de euros para dependencia é "corrixir a infrafinanciación histórica que tivo sempre este sistema, agravada na década pasada cos recortes". Para iso, sinalou que fixou como meta que a Administración Xeral do Estado alcance o 50% do total do financiamento en Dependencia, como recolle o Acordo de Goberno entre PSOE e SUMAR, en cuxa redacción se reflicte tamén o compromiso por parte das Comunidades Autónomas de manter o seu investimento.
Así mesmo, o ministro apuntou que este acordo "é necesario para mellorar e fortalecer o sistema de atención á dependencia, así como para poder iniciar a transición a un novo modelo de coidados para persoas dependentes", tal e como establece a estratexia estatal aprobada a semana pasada, na que se priorizan os coidados no domicilio, a teleasistencia e os centros de día.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.