“Non vexo nada máis autoritario que a cuadrilla da Complutense”

Suso de Toro foi un dos protagonistas da primeira tentativa seria de xuntar á esquerda galega. Nesta entrevista, o candidato de Nós fala dos cambios que percibiu no BNG tras o 25 de Xullo.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 16/11/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O novelista tamén marca distancias sobre a concepción de país do Bloque e dá a súa versión de porque finalmente non houbo pacto con ANOVA, Podemos e EU. De Toro é especialmente crítico co partido "caudillista" de Pablo Iglesias e os seus "adolescentes dispostos ao fascinio". A independencia de Cataluña e as primarias de Iniciativa pola Unión son outros dos puntos desta conversa.

Suso de Toro na Praza das Praterías
Suso de Toro na Praza das Praterías | Fonte: Xerais

Vostede irá no número 3 da lista de Nós Candidatura Galega ao Congreso. Por que se decidiu a dar o paso adiante e presentarse para as primarias desta formación? Os políticos non están ben considerados socialmente arestora ...
Eu nunca fun político no sentido de profesional, e así e todo fun militante desde ben novo. Para min a política desde aquel rapaz que entrou nunha organización clandestina entre o ano 73 e 74 ten relación coa ética e co compromiso social, mentres puiden identificarme cun partido sentín que debía pertencer a el, e así foi até que desapareceu o PSG-Esquerda Galega e Unidade Galega, mais despois continuei apoiando causas sociais e sempre votei, mesmo dei apoio público, á organización galega significativa que existía, o BNG. Discrepei, e discrepo, de concepcións sobre a sociedade e mesmo sobre a historia con eles, mais sempre respectei o valor da súa militancia e sempre concordei co seu programa de reclamacións. Sen organizacións soberanas galegas a Galiza non existe, fican reducidas a catro provincias expoliadas e sometidas a Madrid.

Iniciativa pola Unión indicou que máis de 4.000 persoas votaran nestas primarias e destacou que eran as máis abertas e democráticas da historia do país. Como valora vostede este proceso de primarias e que leccións cren que  poden sacar desta experiencia os partidos tradicionais?
Estou moi orgulloso desa implicación persoal. Non creo nas enquisas nin sequera acredito totalmente na participación únicamente a través de Internet, é precisa a implicación persoal e presencial.  Eu sempre fun crítico co funcionamento burocrático dos partidos, aínda que creo neles, son imprescindíbeis e o custionamento dos partidos sempre se fai contra a esquerda, a dereita ten todos os mecanismos de poder, empezando polo estado. A cidadanía só ten as organizacións, as ferramentas que constrúe desde abaixo coa militancia persoal. Mais os partidos son animais que teñen a súa propia lóxica e vólvense autónomos das súas bases e mesmo da sociedade, tenden a crear iso que eles chaman "equipos" e que máis propiamente hai que chamar "o aparato". E fano todos, escacho a rir con "Podemos", eu que fun comunista hai moito tempo que non vexo nada máis autoritario, caudillista, leninista que a cuadrilla da Complutense. É vergoñento que actúen así cando chegaron a conseguir ese poder precisamente predicando o contrario. O curioso é o fenómeno dos "fans" do Pablo Iglesias que calan e asinten. En fin, sempre houbo adolescentes dispostos ao fascinio.

De todos modos, tantos obstáculos e complicacións que se nos puxeron no proceso até o último día dificultou facer un proceso de primarias con máis tempo e, tamén, que se candidatase máis xente. Se tivésemos quince días ou unha semana máis o resultado tería sido espectacular. A xente toda aprendeu que quere implicarse e que ten voz e voto. Todos estamos a aprender.

O BNG tamén?
Canto ao BNG, algo aprendeu da sacudida de conciencias que houbo tras o 15-M e mesmo do espectáculo do Pablo Iglesias a predicar contra os partidos, algo tomou nota. Mais entendo que cando aprendeu de vez foi no proceso que iniciamos un grupo de persoas hai cinco meses, cando puxemos a rolar a idea dunha candidatura unitaria e aberta a cidadanía. Fixémolo sen lle pedir permiso a ninguén. E conseguimos concitar interese de xente e activar o entusiasmo, o BNG tiña moitas reservas e foi vindo con cautelas, é normal. Cando se lles abriron os ollos foi o 25 de Xullo, alí comprenderon que se podían facer cousas fóra da súa organización e avanzar como país. O 25-X foi un antes e un despois para moitas persoas, tamén para eles. E debo dicir que me admira que evolucionasen até aceptar ir nunha candidatura con partidos estatais, uns meses antes iso era imposíbel de concebir. Que non conseguisemos a candidatura unitaria xa non estivo na man das persoas que o intentamos, entre elas a direción do BNG.

É probábel que na próxima lexislatura haxa un cambio de modelo da organización territorial do Estado, pois incluso o PP non se pecha a falar dunha reforma da Constitución. Que modelo de organizacióm territorial defende Nós Candidatura Galega ?
Que o estado vai ser reformado non hai dúbida ningunha. E a crise do estado non vai ser porque haxa descontento social, que non chegou a ter forzar para custionar nada políticamente, senón pola crise do estado nación español que se foi encerrando totalmente no centralismo e foi incapaz de aceptar a existencia das outras nacións. Son dun paleto madrileño que é para caer de cú. Acabo de ouvir ao Iglesias dicir que ""Hai moitos cataláns que din 'eu catalán antes que nada', e moitos vascos, incluso algúns galegos".. E pois claro, eu son galego de nación, antes que nada por convicción e decisión cívica. Esa é  a xente e eses os seus políticos. E iso hai que llelo explicar a estas alturas a audiencia deses partidos madrileños. Franco non morreu completamente. Dicía Baroja que o nacionalismo cura viaxando; o nacionalismo español, non

Non haberá finalmente confluencia de toda a esquerda galega nunha candidatura única. Mantéñense dous polos claramente diferenciados; un organizado ao redor do BNG e outro ao redor de ANOVA e Esquerda Unida, malia que houbo moitísimas conversas e moitas persoas sen militancia tentaron tender pontes. Por que motivo cre que finalmente non houbo acordo? Había realmente intención de pactar polas dúas bandas?
Quen comezamos aquel proceso cometemos un erro de apreciación, simplemente infravaloramos a fondura da ruptura entre a parte do BNG que ficou e a parte que marchou con Beiras. O BNG tiña moita desconfianza e resentimentos na militancia contra os que marcharon "rompendo o BNG", así o vían. Mais debo dicir que, pese as miñas propias desconfianzas, os negociadores do BNG foron os máis responsabeis e avanzaron tomando decisións valentes que a propia militancia podía non comprender.

Anova non só buscou aliados primeiro en IU e logo en Podemos, baseandose na apreciación de que o avance das posicións da esquerda haino que facer nunha estratexia española e que o noso país non tiña forza por el mesmo. Avanzaron nese camiño e téñeno argumentado con moito instrumento, de modo que só o fracaso lles vai obrigar a abandonar ese camiño. Paradoxal e consecuentemente coas súas anáises optaron pola alianza con partidos estatais antes que cos galegos, e axudaron a que se cumprise a súa profecía: non demos feito a candidatura unitaria galega. Nesa candidatura nacional cabían, sempre que fose soberana, cabían militantes de organizacións estatais e galegas, persoas independentes e militantes, cabiamos todos e todas. Non foi.

En todo caso, cre que as feridas na familia nacionalista están máis preto de curar tras esas conversas?
Coido que, polo contrario, este proceso obrigou a que as decisión fosen moi públicas. Anova xa está nun camiño que non creo que teña volta atrás, aconteceu hai décadas cun sector do PSG que entrou no PSOE. Outra cousa é que pode e debe haber colaboración entre os deputados que saian da candidatura galega, "Nós" cos que obteña a outra candidatura en torno a IU e Podemos nas provincias galegas. E tamén co PSOE, claro é, no que se poda, como se fixo sempre.

O voceiro nacional Xaver Vence declarou  que Nós Candidatura Galega é a única "galega 100%, feita en Galicia, sen interferencias nin consignas desde Madrid e sen ningunha decisión de ningunha forza estatal que, desde Madrid, impoña os candidatos, os anagramas e os programas". Comparte vostede este punto de vista?
Acho difícil que alguén defenda o contrario. Desgraciadamente por máis que convocamos a xente a apoiar a unidade non conseguimos que variasen as alianzas e os pactos que xa tiñan feito en Madrid. Eu comprendín o profunda que era a distancia cando, tras convidar as candidaturas que gobernan  Santiago e A Coruña ao 25-X, non acudiron a manifestación e, polo contrario, de contado apareceron fotografándose en Madrid. Comprendín que a distancia, mesmo emotiva, era absoluta. Eu propio sentinme moi decepcionado e lonxe deles, debo dicilo. Outra cousa é que a política aconsella gardar as impresións e ser práctico polo ben común. 

Vostede é un escritor moi recoñecido en Cataluña, gañou a  Creu de Sant Jordi en 2014 e tamén o Premi Internacional Joan B. Cendrós. Polo seu coñecemento das dinámicas políticas catalanas e estatais, cre que é posible un entendemento entre independentistas e constitucionalistas?
Eu participei en dinámicas federalistas de estado hai anos, nin caso nos fixeron. Podería relatar anécdotas persoais que só abundarían na amargura. Con Madrid non hai nada que facer, os intereses particulares de Madrid son contrarios a todos nós, e mesmo aos da poboación do estado que non resida alí. É un furado negro que traga todo, finanzas, poder político, mediático... Hai que ter poder político propio. O mesmo federalismo só é posíbel se as nacións, a nosa primeiramente, ten poder político propio. A partir de aí, da autoorganización, se pode falar e negociar.

E que pasará con Cataluña?
Iso está roto. Despois das elecións xerais de decembro haberá unha negociación de calado político entre dúas partes, o estado español dun lado e do outro, Catalunya. E haberá acordos, que non serán ao cen por cen o programa de ninguén, mais Catalunya xa é unha nación de vez e desde este parlamento ten institucións propias que son verdadeiramente nacionais. España vai ceder soberanía, aínda que Catalunya non creo que consiga ser estado independente no sentido histórico clásico.

Que anda a ler Suso de Toro estes días? Algo relacionado coas eleccións? Ten algún libro de política, ficción ou ensaio, favorito? 
Pois non leo nada de política, non sendo a información dos medios. Ando cun libro excelente, "Seique" de Susana Sánchez Aríns, que como está en galego reintegrado vai ser ignorado e iso será torpeza, e tamén censura. Coa nova novela de Diego Ameixeiras, unha comedia nova de Pedro Feijóo e unha novela dun escritor norteamericano magnífico, James Salter. Ah, tamén a reler poesía dun gran poeta zamorano, Claudio Rodríguez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 41 comentarios

3 Aristanco

Querido Suso: Só unha persoa que viveu moito tempo fora do país pode ver ós galegos como un suxeito político. Moitos dos que viven aquí, vén o país como bisbarras ou castros celtas separados por toneladas de prexuizos. Unha persoa á que considero intelixente díxome que os galegos nunca se ían ponher dacordo en nada. Naquel momento sentoume mal. Son idealista. Que lhe vou facer. Pero visto o visto, poida ser que leve parte de razón. É moi difícil ser galeguista na Galiza con semelhantes especímenes. Non podes i a ningures con eles. Bueno sí, á tasca do Manolo. O que fixo o servizo militar en Lérida e estivo en Suíza trabalhando nunha fábrica. Moitos de nós loitamos contra a crúa realidade. E outros, sabedores do que hai, xúntanse a companheiros de fora, que non nos comprende, pero son "guais" e modernos. Así saen deste caldo de cultivo de ruindade. O mesmo caldo que eles alimentan.

2 Madeira de Toro

Recomendo a lectura do libro "Madera de Zapatero" que De Toro lle dedicou a José Luis Rodríguez Zapatero. Por certo, tamén profesor universitario. Eu comezei a lelo no tempo que o seu autor aistía aos mitins que en Galicia daba Francisco Caamaño. Aquel Ministro de Xusticia do goberno do PSOE (si, tamén profesor universitario) que lle concedeu o indulto a un gran banqueiro español.

1 Shin-Chan

Volta á literatura porque de política non entendes moito. Mil grazas ao BNG-UPG polo seu alto contributo á resurrección da esquerda española na Galiza. Chorar, agora, non val de nada.

1 pinchorla

Pois si es Tí quen entende de políticá, a que ven criticar sen dar unha saída política da situación en que nos atopamos.Na taberna e en internet non costa nada andar de Falabaratos.