Este verán será máis cálido do normal en Galicia

Así o avanzou o portavoz da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Rubén del Campo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2024 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

O verán de 2024 será moi probablemente máis cálido do normal en toda España, nunha estación na que as choivas poderían ser máis escasas do habitual, como avanzou o portavoz da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Rubén del Campo. Nunha rolda de prensa para presentar o balance climático da primavera e a predición estacional para o verán, Del Campo avanzou que este verán podería situarse entre o 20 % dos máis cálidos rexistrados no terzo norte peninsular e as illas Canarias máis orientais. Concretamente, hai entre un 50 e un 70 % de posibilidades de que así sexa, aínda que no resto de España esta probabilidade é menor.

Ademais, Del Campo detallou que neste próximo trimestre espéranse choivas inferiores ás normais, sobre todo no norte e en puntos do interior da Península. Aínda así, pediu "cautela" nesta predición en comparación coa da temperatura, "que parece máis clara". O portavoz da AEMET engadiu que se espera para Europa a mesma predición con respecto ao verán que en España, cunha probabilidade superior ao 70 % "en boa parte tamén dos países do sur de Europa e tamén do norte de África" de que o próximo trimestre estea entre o 20 % de veráns máis cálidos.

A DÉCIMA PRIMAVERA MÁIS CÁLIDA DESDE 1961, CON CHOIVAS DESIGUAIS

Doutra banda, Del Campo detallou que a primavera de 2024 foi a décima máis cálida desde o inicio da serie de AEMET en 1961 e a oitava máis cálida desde 2006. Tal e como puntualiza o portavoz, isto significa que as primaveras con temperaturas por encima do normal "amontoáronse" nos últimos 18 anos, "unha mostra máis do quecemento que está a sufrir o clima de España". Á súa vez, precisou que a choiva "estivo cerquiña da media" e que caeron 189,4 litros por metro cadrado (l/m2), un 5 % máis do habitual. Aínda así, existe unha "clara diferenza" por zonas e por meses.

Desta maneira, nalgúns puntos do extremo norte a primavera foi extremadamente húmida mentres que en puntos do sueste da Península acabou sendo extremadamente seca. Con respecto ao calendario, lembra que en marzo choveu "o dobre do normal" (de feito, foi o cuarto mes de marzo máis chuvioso do século XXI), sobre todo pola borrasca 'Nelson' que tivo lugar en Semana Santa. Mentres, abril foi o cuarto mes de abril máis seco do século XXI ao rexistrar só a metade de choivas do normal.

Onda de calor en Ourense
Onda de calor en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Finalmente, maio foi "en xeral" seco, cunha choiva que quedou "nas dúas terceiras partes do normal". "Como en marzo choveu moito, aínda que logo nos outros dous meses choveu pouquiño, compensouse a cousa", sinalou. Con datos do 1 de xaneiro ao 16 de xuño, Del Campo indica que 2024 é por agora o terceiro ano máis cálido da serie, só superado por 2017 e 2022, aínda que "realmente case se pode falar dun triplo empate".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta