Pontón sobre o novo sistema de financiamento autonómico: "Non imos permitir que discrimine a Galicia"

A portavoz nacional do BNG defendeu que Galicia "non pode ser menos" que Cataluña ou o País Vasco no novo modelo de financiamento autonómico, que debe atender as "características propias" de cada territorio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2024 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu que Galicia "non pode ser menos" que Cataluña ou o País Vasco no novo modelo de financiamento autonómico, que debe atender as "características propias" de cada territorio. A preguntas dos medios este mércores nunha rolda de prensa celebrada no Parlamento de Galicia, a líder frontista incidiu en que o Bloque "non vai permitir ningún sistema que discrimine a Galicia".

Pontón puxo o foco en que así ocorre no actual sistema, que foi "asinado" polo entón presidente da Xunta e hoxe líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, e que, segundo recolle un "demoledor" informe do Consello de Contas, fai "perder" a Galicia "1.000 millóns de euros ao ano". Tras incidir en que o actual modelo de financiamento, caducado desde hai unha década, fixo que Galicia pasase de percibir o 7,1 % ao 6,6 % da repartición global; a líder nacionalista remarcou que "a primeira lección" é que "un sistema no que non se atendan as particularidades" que ten a comunidade "non ten por que ser bo para Galicia".

Así pois, apelou a actuar con "ambición de país" e defender que "igual que se abre a porta" a que Cataluña e Euskadi "teñan un modelo propio", Galicia "non pode ser menos". Por iso, instou ao Goberno galego a solicitar a convocatoria da comisión bilateral co Estado para negociar o sistema de financiamento, algo que pedirá o Bloque no próximo pleno no Parlamento de Galicia a través dunha moción que tamén reclama a reactivación da comisión de estudo creada no Lexislativo autonómico para a reforma do modelo de financiamento. Con todo, Pontón considera que o PP de Alfonso Rueda non sairá da súa "inacción" porque se atopa "préso da estratexia" que marca a dirección nacional do seu partido.

A líder do BNG, Ana Pontón, nun acto
A líder do BNG, Ana Pontón, nun acto | Fonte: BNG

MONTERO ABRIRÍA A PORTA Á REFORMA SE O PP TIVESE UNHA PROPOSTA ÚNICA

A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero vai convocar ao Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) no mes de xullo e considera que podería haber unha reforma do sistema de financiamento autonómico no caso de que o Partido Popular tivese unha proposta única.  Así, ao ser interrogada sobre se ve posible renovar o sistema de financiamento autonómico en dous meses (o prazo fixado para unha investidura en Cataluña) responde que si, no caso de que o PP tivese unha proposta única entre todas as comunidades autónomas que goberna.

Con todo apunta que as posturas son dispares entre comunidades por exemplo Madrid, Andalucía e Galicia e o líder nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, "non ten ganas de facer de árbitro". Non entanto, considera que os 'populares' non terán unha proposta única en dous meses "porque non a tiveron nos seis anos anteriores nas que estivemos en reunións con cada comunidade autónoma", segundo reprocha. Recrimina ademais que para iso faría falta liderado no PP e habería que preguntar a Feijóo se é capaz de pór de acordo aos seus baróns e presentar unha reforma que permitise avanzar na reforma do sistema.

ESCRIVÁ AVOGA POR "SEGUIR ENGANDINDO" ELEMENTOS DE "IDIOSINCRASIA"

O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luís Escrivá, avoga por renovar o sistema de financiamento autonómico e por "seguir engadindo" elementos de "singularidade e idiosincrasia" que atendan ás particularidades das distintas comunidades autónomas.

Así se pronunciou este mércores Escrivá en Santiago, tras unha visita ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). O ministro, aínda que lembrou que este asunto non é "en absoluto" da súa responsabilidade, si recoñeceu que o coñeceu "no pasado". Cabe lembrar que, antes de entrar no Goberno, foi presidente da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef).

Escrivá mostrouse convencido de que "hai que renovar" o sistema de financiamento, que leva "moitos anos bloqueado", máis dunha década, xa que a lei actual é do 2009. Aínda que xa ten "moitos elementos de singularidade e idiosincrasia", cre que haberá que "seguir engadíndolle" outros en vista desas particularidades.

No caso concreto de Galicia, o ministro de Transformación Dixital e Función Pública sostén que xa "se beneficia" do modelo actual de financiamento, porque este mesmo prevé un mecanismo de reforzo "por dispersión da poboación". Por tanto, José Luís Escrivá reafirmouse en que a Comunidade se beneficia "moito" deste sistema. E é que "as parroquias galegas teñen un peso importante" para a repartición de fondos destinados á sustentabilidade dos servizos públicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta