O BNG expón a creación dunha empresa pública de enerxía que pense no interese dos galegos e non do 'lobby' eléctrico

Reivindica que Galicia ten "o petróleo do século XXI" coas enerxías renovales pero necesita un modelo que "benefice" á sociedade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2024 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O BNG proporá no próximo pleno do Parlamento autonómico a creación dunha empresa de enerxía "100 % pública" que rompa coa "anomalía" de que Galicia careza dunha compañía deste tipo, coa que queren pór "ao servizo" da sociedade os beneficios que xera a produción e comercialización eléctrica.

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, presentou en rolda de prensa este mércores a iniciativa tras manter un encontro con representantes do ámbito académico e empresarial que asesoraron á formación frontista para elaborar a proposta que será debatida o martes na Cámara autonómica, onde espera que o PP "por unha vez" vote "pensando no interese dos galegos e non ao servizo do 'lobby' eléctrico".

Pontón puxo o acento en que se trata de escoller entre que os beneficios da xeración de enerxía en territorio galego estea "en mans" de compañías como Endesa ou Iberdrola ou sirvan para que redunden na sociedade a través de baixadas de tarifas para particulares e empresas ou o impulso a proxectos "estratéxicos".

E é que, segundo Pontón, o obxectivo é situar a Galicia "na vangarda" como territorio que posúe "o petróleo do século XXI" co seu potencial en enerxías renovables, que lle outorga a capacidade de ocupar unha posición de "liderado" a través dun modelo que debe apostar pola protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático "póndose ao servizo da maioría e non das multinacionais".

Pontón defendeu que o BNG "non inventa nada" coa súa proposta, xa que hai "moitas" comunidades e países que teñen empresas públicas deste tipo, coas que se ofrece á cidadanía e o tecido produtivo unha ferramenta de produción e distribución de enerxía. A proposta do Bloque radica, segundo explicou Pontón, en "catro alicerces": o impulso a un modelo galego de produción, a ordenación, a sustentabilidade e a "xustiza enerxética".

Todo para terminar co modelo de "barra libre" do PP para as compañías enerxéticas e reforzar os mecanismos de "ordenación e planificación" que, desde o principio da sustentabilidade, sexa "respectuoso" co medio ambiente e outras "actividades estratéxicas" para o territorio e a xente que vive no ámbito rural.

CENTRAIS HIDROELÉCTRICAS

Unha das propostas destacadas por Pontón é que contar cunha empresa pública permitiría asumir a xestión das centrais hidroeléctricas cando venzan os períodos de concesión de explotación. Tamén resaltou a capacidade para "promover novos" combustibles e servir de vector de apoio á innovación e a creación de patentes no ámbito enerxético.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, encabeza un encontro sobre a creación dunha empresa pública de enerxía
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, encabeza un encontro sobre a creación dunha empresa pública de enerxía | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dende a Habana con Amor

Unha empresa por suposto xestionada dende a mesa nazonal do partido, con directivos ben afins a rúa de lugo de santiago de compostela. Si xa sabemos o que quere o politburo... controlar os medios de producción. Patria o muerte pero que pague o contribuinte.