Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2024 | Actualizada ás 15:52
A Xunta de Galicia instou aos agricultores afectados a aplicar tratamentos insecticidas contra o vector da flavescencia dourada da vide nas comarcas de Celanova e O Ribeiro. Segundo explican nun comunicado, a flavescencia é unha doenza provocada polo organismo denominado Grapevine flavescence dorée phytoplasma, que provoca a morte das plantas de vide. Esta enfermidade transmítese por un insecto vector chamado Scaphoideus titanus.
Sinalan que desde maio, a Xunta realiza un seguimento da evolución do insecto vector desta enfermidade. As ninfas atópanse no seu estado máis avanzado, "polo que este é o momento máis apropiado para aplicar os tratamentos insecticidas, obrigados na zona demarcada e recomendados nas zonas vitícolas próximas a estas".
Lembran ademais que a Consellería de Medio Rural emitiu un aviso fitosanitario para informar os viticultores sobre a obrigación de uso de produtos insecticidas autorizados contra o Scaphoideus titanus. O 2 de febreiro de 2023 publicouse a resolución que declaraba a presenza de Flavescencia dourada en Galicia, estableceuse a zona demarcada e as medidas urxentes para a súa erradicación e control.
Unha das medidas contempladas para a súa erradicacion consiste na aplicación de tratamentos insecticidas autorizados en todas as plantas das parcelas de viñedo para o control do vector. Nas prospeccións realizadas en 2023 producíronse novas deteccións deste organismo nocivo, o que fixo necesario ampliar a zona demarcada e modificar as medidas.
O 17 de novembro de 2023 publicouse a resolución na que se ampliou a zona infestada e demarcada e establécense medidas obrigatorias. A zona demarcada na provincia de Ourense comprende os concellos de Arnoia, Cortegada, Padrenda, Pontedeva, Gomesende (parroquias da Guía, O Pao, San Lourenzo, Penosiños, Poulo) e Quintela de Leirado (parroquias de Quintela de Leirado, Leirado, Mociños e Redemuíños).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.