Alejandro Cardesín, un enxeñeiro aeroespacial galego á procura de resolver incógnitas de Marte

Haberá ou houbo vida no planeta roxo? Cal será a próxima misión? E chegarán os humanos aló?

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 04/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Non é un traballo habitual para moita xente, de feito, hai xente de aquí que non é consciente de que en Galicia se fan estas cousas, en España e incluso en Europa. Hai tendencia a pensar que se fai en Estados Unidos, pero aquí hai moita actividade", así fala da súa profesión, Alejandro Cardesín Moinelo, enxeñeiro aeroespacial no Centro Europeo de Astronomía Espacial (ESAC). Dedícase a coordinar operacións de misións en órbita en Marte, en particular de satélites científicos. Para moitos, Marte é o coñecido como "planeta roxo", enigmático e próximo á Terra, que Galileo Galilei observara por primeira vez, a través dun telescopio. Agora este galego coordina as actividades de científicos, consiste tamén en entender o que precisan para facer a súa ciencia, que pode ser desde "xeoloxía da superficie marciana ou ver as atmosferas dos planetas, de Marte, en particular". A parte "máis divertida e desafiante do que fai" recae en poñer de acordo aos diferentes científicos sobre o que facer, segundo recoñece. Unha vez se acada a conformidade, constrúese un plan de observacións: "Primeiro faise unha imaxe, logo un espectro, despois pódense medir diferentes cousas, observar as lúas de Marte, por exemplo". É unha vez está verificado que todo funciona, "xa mandar os comandos para os satélites". 

Marte
Marte | Fonte: National Geographic

E por que o astro Marte? Manifesta que todos os planetas son interesantes, xa que teñen as súas particulariedades e son importantes para entender como funciona os Sistema Solar e, incluso, a razón pola que a Terra é particular máis que os outros ou o tema da vida tal e como se coñece. E Marte, en concreto, con respecto a outros planetas, porque "é o planeta que agora mesmo ten as condicións máis parecidas á Terra". Estas serían, por exemplo, unha atmosfera, ter estacións como na Terra coa primavera, outono, inverno e verán e, en particular, unhas das cousas máis importante, "a presenza de auga confirmada, en forma de xeo e de vapor". Destaca como máis interesante o ver as posibilidades que tivo no pasado, sobre todo, se houbo auga líquida e se podería ter habido vida nalgún momento da súa historia. 

AS MISIÓNS QUE TEÑEN EN MARTE

Agora mesmo seguen buscando e non atoparon nada similar á vida. Buscan por dúas vertentes, que explica: "Ver se hai algún resto de que houbese vida no pasado e, se non hai restos, polo menos ver se puido habela nalgún momento. O que denominamos "habitabilidade", ver se nalgún momento Marte podería ser habitable, agora ou no pasado". Neste punto xorde a pregunta: "Que tipo de vida estamos buscando?" Responde que están abertos a calquera cousa que apareza e que non agardan "algún bicho que se mova, xa que sería unha confirmación obvia". Máis ben buscan "algún rastro químico de moléculas que non se poden explicar só por procesos xeolóxicos, algún gas, mineral ou molécula no chan ou no aire. Porén, toda a química atopada "pódese explicar dunha maneira ou outra por procesos xeolóxicos simplementes" e andan na procura de "química máis complexa". 

É un dos responsables das operacións Mars Express e Exo Mars no planeta roxo.  A primeira, tal e como describe o enxeñeiro, foi a primeira misión que mandaron hai 20 anos e aínda segue funcionando para obter "unha visión global de todo o planeta, dese a superficie, atmosfera ou clima marciano". En cambio, a nova misión actual Exo Mars, que chegou en 2016 e comezou a operar en 2018, ten obxectivos máis específicos para observar a superficie con "moita máis resolución en sitios específicos onde podería haber algo de interese". 

Alejandro Cardesín Moinelo
Alejandro Cardesín Moinelo | Fonte: CESAR

A seguinte misión, que xa é a segunda parte de Exo Mars, que é o rover Rosalind Franklin: "Vai ser un robot que chegará á superficie e tomará mostras do chan, e terá un parafuso de dous metros para tomar mostras por debaixo do chan. Observaría a humidade que pode haber, cantidade de xeo ou auga agochada, ver tipo de química por debaixo do chan". 

HUMANOS A MARTE

E cando chegarán os humanos a Marte? Cardesín expón que polo de agora só irán robots porque aínda hai moitos pasos que cumprir antes de poder enviar humanos. Para 2028, están xa preparando enviar un robot para a superficie e xa o seguinte paso sería para a década de 2030. "Para ese entón, unha viaxe de ida e volta, ir aló coller unhas mostras da superficie e envialas de volta para aquí", comenta. Porén, a viaxe de volta, considera, é moi complicada porque "a gravidade de Marte é moito máis grande que a da Lúa" e "menor ca da Terra", pero precísase un cohete que saia da superficie. Ante a pregunta formulada e, con isto en conta, afirma que "volver de Marte non é doado e aínda non hai esa tecnoloxía que o permita".

Fai fincapé en que enviar humanos ao astro non é unha prioridade para os científicos, que queren seguir tromando mostras de Marte "tal e como está agora mesmo e sen contaminalo". Isto débese a que enviar humanos, a parte do elevado custe económico xa que é máis caro que os robots ou satélites, xeraría problemas do que denominan "protección planetaria" de contaminación que se estaría levando aló. "Temos moitísimo coidado con que estean ben esterilizados para evitar posibles contaminacións, porén, se seguimos enviando cousas sen control, de aquí a unhas décadas, poderiamos atopar química que levamos nos de aquí", explica. Por esta cuestión, resalta que os científicos coas máquinas teñen suficiente e que non lles corre présa a exploración humana, que sería máis "un reto tecnolóxico" por conseguilo e unha "cuestión extratéxica dos distintos países".  

Unha das cousas máis interesantes de Marte é "que temos un laboratorio perfecto das condicións actuais e tamén algunhas zonas do planeta non foron modificadas por 3.000 millóns de anos, quedaron máis ou menos estériles e intactas", destaca o enxeñeiro galego e engade que o útlimo que queren é contaminalas antes de poder sacarlle toda a información posible. "Sempre é probable que haxa algunha espora dalgún fungo que vaia nas nosas máquinas, é moi probable, case seguro, que vaia algún tipo de contaminación, de aí o especial coidado. Aínda tendo todos os medios posibles, pode chegar algo e se fosen humanos ata aló sería máis complexo", manifesta. 

COMO CHEGOU A DEDICARSE A ISTO? 

Traballa na ESA, pero nunca soñou con dedicarse a isto porque simplemente non sabía que alguén podería traballar así. Dos inicios lembra que foi complicado, estudou Enxeñería de Telecomunicacións en Vigo e cando estaba para facer o proxecto de fin de carreira buscou opcións por fóra. Deu cunhas bolsas para estudantes na Axencia Espacial Europea e, grazas a un profesor da universidade, conseguiu a bolsa. Para el o mundo da Ciencia era totalmente novo, xa que viña da Enxeñería, fascinoulle de tal maneira que fixo un doutorado en Italia en Ciencias do Espazo. Tiña claro que ese era o seu camiño, pero non foi ata 2006 cando puido volver a España coa creación da sede oficial da Axencial Espacial Europa en Madrid: "Moitos mozos, tamén galegos, estabamos dispersos por Europa e puidemos voltar". Actualmente, vive en Galicia teletraballando. 

E que é o que máis lle gusta do seu traballo? "O ambiente internacional, xa que isto é algo que un país só non consegue facer, en España, por moitos medios que tiveramos seguramente non seriamos quen de conseguilo. É un exemplo de colaboración internacional necesaria e demostramos que é posible por moitas diferenzas que poidamos ter culturais, políticas... Estou convencido de que é mellor colaborar e traballar xuntos e non facer as cousas en competición e nisto é absolutamente necesario, posible e funciona". Recoñece que todos os días se dirixe en francés, italiano ou inglés aos compañeiros, por exemplo. Outro punto destacable é que traballan "por curiosidade, pola ciencia", máis alá dun obxectivo directo. "Non hai unha aplicación directa do que facemos, senón indirecta de aquí a varios anos e décadas. De feito, a tecnoloxía que levamos nos teléfonos móbiles moita é grazas á investigación espacial que se fixo hai décadas", sinala. No seu día a día, non traballan "co diñeiro ou os beneficios" como obxectivo final. "Temos esa sorte, de que todo o que facemos sexa por curiosidade, averiguar que é o que está pasando en Marte, por que en Marte non hai vida e na Terra si? Hai moitas preguntas para resolver e esa idea de traballar por paixón pola ciencia é moi bonita", sentenza. 

Quere reivindicar que no mundo da astronomía existen moitos estereotipos presentes na sociedade como o de pensar nun científico, sexa astrónomo ou non, como "home branco maior de barbas". É consciente desta realidade, pero tamén quere dar visibilidade ás mulleres que hoxe en día xa son máis ca os homes no mundo da astronomía. Enfatiza que é habitual na ciencia e na investigación, non tanto no mundo tecnolóxico da enxeñería, ver mulleres e xeracións máis novas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta