Por Moncho Mariño | Santiago | 23/06/2024 | Actualizada ás 14:00
-Que é a UNRWA e cal é o seu cometido?
A UNRWA é a Axencia das Nacións Unidas para Palestina creada en 1949 e comeza a funcionar en 1950. O obxectivo é atender a poboación palestina que foxe da guerra de 1948 e abandonou os seus fogares en dirección a Siria, Xordania, Líbano e outras partes do territorio palestino que queda libre logo da creación do estado de Israel. UNRWA subministra educación, sanidade e servizos sociais ás persoas refuxiadas. Esta axencia creouse cun mandato temporal de tres anos mais como todos e todas sabemos xa pasaron setenta e seis anos sen que se buscase ou non se quixo buscar unha solución para estes refuxiados, por tanto, UNRWA prorrogou o seu mandato durante estas sete décadas longas.
-Como é a coordinación de UNRWA co goberno de Israel, a Autoridade Palestina e Hamas para as tarefas cos refuxiados?
Actualmente xestionamos máis de 600 escolas para medio millón de nenos e nenas a quen se lles ofrece educación básica; tiñamos oito centros de formación profesional en Gaza mais xa perdemos dous, e atendían unha media de 8.000 estudantes anuais; temos 145 clínicas de saúde que atenden unha media de sete millóns de consultas sanitarias cada ano. Tamén temos uns servizos sociais para persoas con necesidades especiais dentro da poboación palestina. Á parte, facemos intervencións en emerxencias e de axuda humanitaria en Oriente Medio. Desde 2005 temos un acordo con Israel onde este estado recoñece o traballo feito pola Axencia para poder seguir prestando servizos de saúde, educación, servizos sociais e axuda humanitaria. Coa Autoridade Palestina temos moita máis coordinación, pois sendo nós provedores de saúde, educación e servizos sociais temos que coordinarnos cos respectivos ministerios. Por exemplo, en educación temos que seguir o currículo palestino para que cando rematen os estudos básicos poidan convalidar os estudos para entrar no ensino secundario palestino e continuar a súa formación. Co Ministerio de Saúde Pública a colaboración aínda é máis forte sobre todo en temas relacionados coa vacinación. Con Hamas non temos colaboracións máis alá de coordinacións básicas, porque dentro de Gaza tamén temos que coordinarnos cos ministerios palestinos en temas de sanidade e educación ademais de seguridade para as oficinas da ONU e UNRWA tamén establecen coordinacións coa Autoridade Palestina.
-Que datos ten UNRWA sobre o número de persoas falecidas, desaparecidas e desprazadas en Gaza?
Os datos de 19 de xuño de 2024 son 37.400 persoas mortas, o número de persoas desaparecidas é difícil de saber aínda que hai dous meses o número aproximado era 10.000, por tanto este dato pode estar superado tendo en conta que a cada pouco encontramos foxas comúns. O número de persoas feridas é de 85.500.
Con Hamas non temos colaboracións máis alá de coordinacións básicas
-UNRWA habilitou hospitais para atender a esta xente ferida?
Non, UNRWA non ten hospitais, ten clínicas de saúde. En total había vinte e dúas clínicas de saúde en Gaza e agora mesmo só funcionan seis. Co persoal das clínicas que foron destruídas creamos unidades móbiles para chegar onde está a poboación desprazada e atendelos. Á parte de asistencia de primeiro grao nas clínicas, as persoas que necesitan operacións cirúrxicas son desprazadas a hospitais e a UNRWA está máis concentrada en asistencia de enfermidades crónicas, infecciosas ademais de rehabilitación e curas para as feridas que sufiron estas persoas.
-Actualmente como poden achegar auga, comida e subministracións ás persoas desprazadas?
Con moita dificultade. En primeiro lugar, Israel non permite enviar axuda de maneira axeitada nin suficiente. Hai diferentes cruzamentos na liña divisoria entre Gaza e Israel mais só se permite pasar por Kerem Shalom. Cando o seis de maio entran as forzas terrestres polo sur de Gaza tanto Kerem Shalom como o cruzamento de Rafah están pechados. Despois, as autoridades israelís abren o paso de Kerem Shalom mais só permiten entrar un número moi reducido de camións, o día de maior tránsito despois do 6 de maio só pasaron setenta camións. UNRWA é quen recolle e distribúe a axuda humanitaria a todas as axencias da ONU ademais de diferentes ONGs, pois agora mesmo élle imposible acceder ao cruzamento de Kerem polos enfrontamentos dos grupos armados de Hamas e o exército israelí ademais dos bombardeos. Daquela, son operacións de alto risco e moitas veces non podemos acceder. Porén, se damos chegado a este lugar e podemos transportar os alimentos aos almacéns, a distribución segue sendo moi lenta porque debemos coordinar con Israel todos os movementos en Gaza. O máis difícil é acceder ao norte da faixa porque a maioría das peticións para entrar son rexeitadas ou quedan adiadas. Se se permite a entrada, moitas veces os nosos camións son retidos entre cinco e oito horas en check-points que ten Israel implantados para acceder ao norte de Gaza, isto fai que sexa perigoso entrar nesa área porque xa é noite ou é moi tarde para ir e voltar. Por tanto, a situación é moi complicada no norte de Gaza por aumentar o número de persoas desnutridas e que morren por deshidratación e desnutrición, os que máis nenos e nenas.
-Quen son as persoas que asaltan os camións con axuda humanitaria antes de poder entrar en Gaza?
Son extremistas israelís mais o problema é que o exército de Israel non está facendo nada para frear estes ataques contra os camións de axuda humanitaria. Tiran a comida ao chan desde os transportes e logo déixana inutilizada. Tamén é certo que hai activistas e pacifistas israelís que queren frear estes extremistas e os seus ataques mais non poden facer moito pois son grupos moi violentos.
-Dentro de Gaza hai grupos cunha actitude igual con respecto á axuda humanitaria?
Non, dentro de Gaza hai fame e desesperación. Un exemplo é que cando consegues acceder ao norte da faixa logo de días sen subministración, a xente ten tanta fame e desesperación que van aos camións, tiran as caixas e comen directamente delas porque é moita a fame e a desesperación.
O máis difícil é acceder ao norte da faixa porque a maioría das peticións para entrar son rexeitadas ou quedan adiadas
-Queda persoal de UNRWA dentro do territorio agora mesmo?
Hai moitas máis organizacións no interior de Gaza, mais UNRWA era quen distribuía a axuda humanitaria e até o de agora tiñamos 13.000 persoas traballando na zona. Somos os que máis bases loxísticas temos ademais de almacéns para distribución, oficinas e moita experiencia. Colaboramos coas demais axencias e organismos internacionais como a OMS, tamén subministramos o combustible que entra para levalos aos hospitais. Actualmente queda persoal da UNRWA, deste persoal, agás 22 internacionais, os demais son refuxiados que vivían en Gaza, daquela sofren a mesma situación que os demais civís, perda das casas, desprazamentos e perda de traballo. Agora mesmo temos uns 4.000 traballadores e 193 foron asasinados.
-O goberno de Netanyahu sinalou á UNRWA de poñer os seus edificios como centros loxísticos para Hamas.
É unha das acusacións máis ridículas que poden facer contra unha axencia da ONU porque ningunha axencia das Nacións Unidas colabora con grupos terroristas. Para aclarar isto, UNRWA foi sometida a unha investigación independente ordenada pola ONU dirixida pola exministra de Asuntos Exteriores francesa Catherine Colona, xunto con tres institucións nórdicas e someteron a escrutinio á axencia e a conclusión foi que UNRWA é unha axencia neutral. A ONU non podería permitir ter un organismo colaborando cunha organización terrorista.
-Falaba antes de que no norte de Gaza hai persoas, mais non foran todas desprazadas cara o sur?
Israel desprazou a poboación cara o sur mais non todas as persoas tiñan capacidade de desprazarse ou que quixeran facelo. Calculamos que no norte poden quedar sobre 300.000 persoas. Tamén desde o 6 de maio houbo 100.000 persoas que sufriron desprazamentos mais agora xa non se pode saír dese lugar, pois agora hai dous controis militares de Israel impedindo o desprazamento desas 300.000 persoas agora atrapadas. Son xente que non puideron fuxir por seren persoas maiores, mulleres embarazadas, persoas dependentes ou simplemente non quixeron saír por ver como a xente que foi desprazada ao que Israel denominou 'lugares seguros', foron igualmente bombardeados. Por iso, moitas destas persoas din que queren morrer dignamente nas súas casas e non en campamentos ou na rúa. En Rafah quedan agora mesmo 65.000 persoas dun millón e medio de habitantes que había. Agora mesmo, o maior número de habitantes é de 1.700.000 persoas na gobernación de Jan Yunis dentro de setenta quilómetros cadrados.
-Exipto abriu a fronteira para as persoas refuxiadas que fuxían dos bombardeos?
Durante os primeiros meses Exipto abriu o paso de Rafah para permitir a saída de feridos de gravidade e tamén permitiu saída de persoas con dupla nacionalidade, palestina e doutros países. Desde maio Israel controla ese paso e agora mesmo ninguén pode saír de Gaza agás as persoas que son detidas polas forzas israelís e son trasladadas a centros de detención en terreo israelí. Exipto non quixo permitir a entrada de persoas en masa desde Palestina e moitos e moitas palestinas non queren saír porque recordan que en 1948 saíron dos seus fogares pensando que lles permitirían volver e xa van máis de setenta anos e non retornaron aos seus fogares. Isto téñeno moi gravado e para eles é un trauma, poderían ter saído aínda que non quixeron.
-Existe algún temor entre os países árabes da zona a recibir refuxiados palestinos?
Creo que non existe un gran temor entre os países árabes. Algúns recolleron un alto número de refuxiados como é o caso de Xordania con dous millóns de palestinos nas súas fronteiras e Líbano absorbeu medio millón de palestinos. Por tanto, non é un problema acoller refuxiados palestinos é unha cuestión política, os mesmos palestinos e os países árabes defenden o seu dereito ao retorno. Non acollelos sería ir contra os seus dereitos como persoas e ir tamén contra o seu dereito de retorno aos seus fogares.
En Rafah quedan agora mesmo 65.000 persoas dun millón e medio de habitantes que había
-Comezou a colonización da Faixa de Gaza?
Non, agora mesmo estase aplicando unha acción militar terrestre e de paso eliminar todas as infraestruturas civís de Gaza e iso impide que a xente poida regresar ás súas vivendas cando haxa un alto o fogo, esas casas xa non existen. Todo o tecido económico de Gaza foi destruído e isto inclúe a destrución de máis do 50% das terras de cultivo, toda a frota de pesca, comercios e factorías. Así non hai posibilidade de sobrevivir logo dun alto o fogo.
-A presión das familias dos israelís que foran secuestrados en novembro de 2023, acción que para Israel xustifica a súa intervención en Gaza, está influíndo no goberno?
A situación das familais das persoas secuestradas debe ser terrible pois están sen saber se os seus familiares están vivos ou mortos. O maior número de secuestrados devoltos foi despois dun alto o fogo, cun intercambio, desde aquela Israel só liberou catro secuestrados e asasinando a duascentas persoas para facelo e poñendo en risco a vida dos reféns. Porén, Hamas di que cos bombardeos, Israel está matando tamén os secuestrados. Creo que non está cambiando a estratexia israelí nin os seus obxectivos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.