As universidades galegas homenaxean aos mil estudantes cos mellores expedientes da ABAU 2024

En total, foron 1.086 alumnos e alumnas os que superaron as probas cunha nota de 9 ou superior do total de 13.000 que se presentaron á convocatoria común do presente curso académico.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 21/06/2024 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

Autoridades e os reitores das tres universidades galegas presidiron, no Coliseum da Coruña, un acto de recoñecemento a mil estudantes por ser os mellores expedientes da ABAU 2024. Foi cunha homenaxe a estudantes que conseguiron unha nota de nove ou superior nas probas de acceso á universidade e que se celebrou con presenza tamén de familiares e equipos docentes.

Os reitores das universidades públicas galegas destacaron este acto como "un importante recoñecemento", ademais dunha mostra da cooperación entre as tres institucións do Sistema Universitario de Galicia. En total, foron 1.086 alumnos e alumnas os que superaron as probas cunha nota de 9 ou superior do total de 13.000 que se presentaron á convocatoria común do presente curso académico.

O acto contou coa asistencia do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e os reitores das tres universidades públicas galegas: Ricardo Cao, reitor da UDC, institución anfitrioa este ano; Antonio López, reitor da USC; e Manuel Reigosa, da UVigo. Nel, o conselleiro exaltou o esforzo destes estudantes e agradeceu o labor dos profesores por "inculcar paixón" aos seus alumnos, así como o apoio das familias.

O reitor da UDC, Ricardo Cao, felicitou ao alumnado homenaxeado nun acto do que dixo "quere ser un recoñecemento ao voso esforzo e traballo realizado nos últimos meses". Para o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, "é un xesto simbólico necesario para os que dedicastedes a vosa enerxía en facer un traballo excelente". Pola súa banda, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, destacou o "talento" dos homenaxeados. "Seredes a referencia das próximas xeracións", sostivo, á súa vez, a rexedora herculina, Inés Rey.

Homenaxe aos mellores estudantes da ABAU 2024
Homenaxe aos mellores estudantes da ABAU 2024 | Fonte: MONCHO FUENTES

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta