Cinco editoriais reciben axudas da Xunta para audiolibros en galego

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2024 | Actualizada ás 21:16

Comparte esta noticia

A Xunta colabora con 14 proxectos editoriais para favorecer o acceso universal á lectura e á creación literaria a través das subvencións para a edición de audiolibros.

Segundo informou a Consellería de Cultura, a resolución desta liña de axudas, posta en marcha por primeira vez o pasado ano, publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O obxectivo desta iniciativa, sinalou o departamento autonómico, é impulsar a produción de libros que favorezan tanto a dixitalización como o acceso universal á lectura e á creación literaria galega por parte de toda a poboación a través de novos formatos como audiolibros en lingua galega.

En concreto, nesta convocatoria apóiase a creación de 14 audiolibros que contan cunha achega de ata 5.000 euros. Así, a empresa editora Arrainos Producións impulsará os audiolibros de '90 anos nas ondas. Dos inicios da radio en Galicia aos nosos días', 'O Camiño de Ramón Chao. Tras as pegadas de Prisciliano' e 'Xosé Velo sen fronteiras'.

Mentres, Edicións Xerais de Galicia, fará o mesmo coa obra 'Pel de cordeiro', o último libro de Ledicia Costas. Pola súa banda, Editorial Galaxia contará con 'Daniel non peirao', 'Hermelindo esbirra poemas' e 'Ícaras'.

A adxudicación complétase con 'Dous nenos coma ti' e 'O Parnaso sobre rodas' de Editorial Guiverny e con 'A lagoa máis fermosa de todas as lagoas', 'A comuna de Valdonelle', 'Gumes entre a néboa', 'Loucine' e 'A matanza clandestina de Técnicas & Gramaxe'.

Ademais, a Xunta ten previsto incorporar catro clásicos da literatura galega na plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas, GaliciaLe. Os libros electrónicos 'Cantares Galegos' de Rosalía de Castro, 'O divino sainete' de Manuel Curros Enríquez, 'De catro a catro' de Manuel Antonio e 'Maxina ou a filla espúrea' de Marcial Valladares estarán dispoñibles proximamente en formato audiolibro.

Imaxe recurso audiolibro
Imaxe recurso audiolibro | Fonte: La piedra de Sisifo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta