Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/07/2024 | Actualizada ás 14:00
Xa non é nada estraño ir pola cidade e ver obras artísticas en muros, paredes, solos e mesmo sinais. Dende hai uns anos xurdiu toda unha cultura urbana ao redor desta forma de arte que se está asentando cada vez máis. Co paso dos anos semellan crecer os murais que adornan as nosas vilas, ao mesmo tempo que tratan de reivindicar algo, de transmitir unha mensaxe, ás veces máis evidente e ás veces menos. Con todo, ben é certo que moitas destas obras son encargo de institucións ás que o artista se ten que supeditar. Dentro do movemento urbano, para evitar este condicionamento, foron xurdindo cada vez máis voces disruptivas. É o caso de Primo Banksy (@primobanksy), un galego de identidade anónima que racha co establecido. Dende o Galicia Confidencial tivemos a sorte de entrevistar a este grande artista, sempre sen vernos as caras (nós tampouco poderiamos dicir de quen se trata).
O primeiro que nos quere deixar claro Primo Banksy é que "eu non son muralista, son un artista urbano, fóra das institucións". Pois o seu principal obxectivo é "poder conservar a miña liberdade expresiva, cunha proposta reivindicativa e reflexiva sobre o que acontece no día a día". O seu nome artístico chama moito a atención, pois semella facer referencia ao artista Banksy, o seudónimo dun artista británico chamado Robbie Banks, do cal tampouco se coñecen moitos detalles da súa biografía, e que realiza obras reivindicativas moi semellantes ás deste artista galego. As obras de Banksy, de feito, son tan coidiciadas que mesmo hai roubos das mesmas para logo vendelas na 'deep web' a prezos de escándalo. Pero en realidade o de Primo Banksy, como nos conta, "vén dun artigo de 'El Progreso' no que se referían a min como un 'Primo de Banksy'" e, como "a etiqueta baseada nos clichés periodísticos fíxome moita graza, pola súa polisemia, adopteina".
Ao igual que Banksy, ao preguntarlle datos sobre a súa idade ou lugar de nacemento, rexeita contestar. "O meu anonimato non me permite dar ningún dato sobre min, isto permíteme rachar co ego artístico", asegura, á vez que confesa que "a ilegalidade da miña obra tampouco me deixa outra opción". Os seus comezos neste mundo da arte urbana "obedecen a unha necesidade: a de expresarse libremente nos espazos públicos, que perdemos cada día máis a favor do privado", lamenta. A súa idea era "expresarme libremente lonxe da frialdade e elitismo dos museos, unha arte próxima, que puidera ser admirada ou criticada pola xente de camiño á súa casa, ou ao traballo, e que provocara reflexións de todo tipo". Foi aí cando "me atopei coa arte urbana".
"O MURALISMO COMO DISCIPLINA ARTÍSTICA NON ME INTERESA: PURA ESTÉTICA ILUSTRADA"
Nestes momentos asegura que "o muralismo como disciplina artística non me interesa", precisamente polo feito de que "está institucionalizada e subvencionada, carente de provocación e de reflexión". "Pura estética ilustrada", considera Primo Banksy, que explica que o seu estilo enmárcase "dentro do postgraffiti, cunha marcada idea de denuncia social, utilizando sobre todo a técnica do paste-up e a do stencil", apunta. Non lle interesa o mundo do muralismo tal e como está concivido hoxe por hoxe.
E como xorden as súas ideas? "As veces xorde unha idea por un forte compromiso ante unha noticia, outras vén pola chamada dun muro ou dunha parede que che pide unha mensaxe e, outras, doume o pracer de homenaxear a persoeiros que me agraden, evidentemente polo seu carácter reivindicativo". Ao preguntarlle sobre se considera que as súas mensaxes calan no público, considera que "algunhas máis que outras, nunca sabes o por que, pero pasa". E como ten unha potente conta de Instagram na que sube algunhas das súas creacións, "recibes 'feedback', se estás nas redes é o máis normal".
"MOITAS OBRAS LEVAN VARIOS ANOS PINTADAS E OUTRAS NON DURAN UN DÍA, É UN MISTERIO"
Dentro da súa proposta artística mesmo se atreveu a pintar sinais, algo que chama moito a atención, pero asegura que non son moitas, porque "hai moita exposición ao facelo e as multas son maiores". Así que se trata de casos esporádicos, pero non por ser poucos son menos chamativos. Ademais, en moitas das súas creacións mesmo é el o que crea a cartelería: "Ás veces utilizo carteis porque así o demanda a idea, como no caso de 'Soy donante de órganos', baseado na campaña de carteis sobre donacións das distintas institucións", explica. Neste caso trátase dunha proposta na que aparece debuxado un porco, por iso de que deste animal aprovéitase todo, pero ninguén lle pide permiso para matalo e logo usar as súas partes, ou alo menos así o interpretamos nós.
Como acontece con toda a arte urbana, moitas veces a súa preservación é dificultosa. Pero máis no caso de arte 'ilegal' que se realiza en lugares públicos sobre os que as administracións teñen o poder de facer e desfacer. É por iso que a perdurabilidade das obras de Primo Banksy é toda unha incógnita: "Moitas levan varios anos e outras non duran nin un día". "Unhas elimínanas as institucións, outras os propios veciños e, algunhas, permanecen coa permisibilidade das institucións e dos veciños, isto é un misterio", confesa. Aínda que asegura que tamén depende moito do trasfondo da obra en cuestión, porque "as que teñen un forte matiz político non adoitan durar moito".
"AS MIÑAS OBRAS ESTÁN FEITAS PARA QUE SEXA A XENTE QUEN AS VALORE"
A diferenza doutros artistas, para Primo Banksy non hai unha obra mellor que outra, de tal xeito que "non teño ningunha preferencia e ningún xuízo de valor sobre as miñas obras, están feitas para que sexa a xente quen as valore, ben ou mal". Cre que se ten que explicar as súas obras "fraco favor lle faría á miña proposta", de tal xeito que anima á xente a que sexan eles os que as observen e saquen as súas conclusións, tamén a partir do título que figura debaixo de cada unha no seu muro de Instagram.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O Morriña Fest volverá á Coruña os días 25 e 26 de xullo
- Recta final espectacular do 'XIV Outono Códax Festival'
- Korn, nova confirmación para o Resurrection Fest 2025
- Manuel Rivas: "Estamos en risco pola unión de poder político, mediático, económico e armamentístico"
- López Campos destaca o exemplo inclusivo da Romaría Internacional na presentación dun libro sobre este encontro
- Prensentan a programación completa do Culturgal con máis de 200 actividades representativas da cultura galega