Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/06/2024 | Actualizada ás 19:17
O Goberno galego deu o visto e prace ao contrato para lanzar unha nova edición das 'foodtrucks' da campaña 'Galicia sabe Amar', que contará cunha nova edición de rutas gastronómicas por Galicia. O contrato ten unha duración de 20 meses e está dotado cun orzamento que supera os 1,2 millóns de euros, cofinanciados nun 70% a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa).
Este servizo consistirá na realización de degustacións de alimentos do mar maridados con outros da terra e de condición diferenciada ou marcas de calidade. Os catro 'foodtrucks' seguirán diferentes rutas, centrándose nos principais núcleos urbanos de Galicia, preferiblemente en concellos de máis de 1.000 habitantes. Nos lugares de maior poboación e demanda, a furgoneta poderá permanecer ata 3 días. O número mínimo de degustacións totais será de 600 en 2024 e 800 en 2025. Na primeira edición, 376 concellos e 350.000 persoas de toda a xeografía galega e parte da española degustaron algúns dos petiscos realizados a base de produtos certificados do mar e da terra.
ACUICULTURA
Noutra orde de asuntos, o Consello da Xunta aprobou este luns novas axudas para fomentar a innovación, a mellora tecnolóxica e a competitividade da acuicultura en Galicia. En concreto, esta nova convocatoria de axudas apoiará ao sector con máis de 800.000 euros. A Xunta destaca que o investimento destas axudas duplica a que se fixo o ano pasado nesta mesma materia e que reforza o financiamento de proxectos que permitan desarollar coñecementos científicos e técnicas dentro do sector. Poderán beneficiarse destas axudas as empresas e entidades que se dediquen á explotación de cría, cultivo ou reprodución, pero que á súa vez, leven a cabo iniciativas no ámbito da innovación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.